27/02/2011

Guerra de clases en Wisconsin

Jeffrey Sommers. Artigo tirado de aquí e traducido por nós. Comezamos a semana com um post de actualidade e quiçais nom demasiado conhecido para o leitor galego. Ten evidentes concomitancias con sucesos recentes no Reino de España. Boa semana e boa leitura.




Apresentamos o gobernador Scott Walker. Ao mes de asumir o cargo xa estaba disposto a estabelecerse como o novo shériff na cidade, repetindo no Estado de Wisconsin, as fórmulas da presidencia de Ronald Reagan. Seguindo o guión á letra, Scott Walker emulou a Reagan no seu primeiro ataque, enfrontándose aos traballadores. Pero o momento cume de Walker (ao crebar a resistencia do sindicato de controladores de tránsito aéreo) demostrou ser un exceso. Walker, quen se presenta como un personaxe sacado dunha repartición de Frank Capra, atopouse con que  as receitas de Reagan producen resultados diferentes na actualidade. Despois de 30 anos de declive económico, os traballadores dos Estados Unidos recoñecen a quebra destas políticas, e estanse defendendo.

Todos vimos as cifras. Mentres que a economía estadounidense creceu no últimos tres decenios, a man de obra foi golpeada no queixo. Ao mesmo tempo, os xerentes de corporacións e os dos sectores FIRE viron crecer os seus ingresos por múltiplos, a miúdo subsidiados polos contribuíntes, aínda cando as súas accións irresponsábeis deixaron un caos económico ao seu paso. Todo este tempo, os traballadores foron sermoneados sobre como son os responsábeis da crise económica do país e como os ricos deben seguir capturando máis e máis rendas para que a economía prospere. Mesmo se non lles gusta, dinlles aos traballadores, invocando a Margaret Thatcher, "non hai alternativa."

A semana pasada, con todo, os traballadores públicos sorprenderon a todos, mesmo a si mesmos e aos seus dirixentes sindicais ao tomar a iniciativa nestas manifestacións e obrigar  ao  liderado do sindicato de mestres a seguirlles. O pasado martes, os mestres da capital anunciaron a súa intención de saír á rúa e levar aos seus estudantes consigo. En Milwaukee, a cidade máis grande de Wisconsin, os profesores desafiaron as invocacións dos administradores de escolas e os seus propios sindicatos de permanecer no traballo. O mércores pasado marcharon en Madison, en tal número que a súa dirixencia sindical viuse obrigada a unírselles. Así, 35 distritos escolares tiveron que fechar, a medida que milleiros de mestres e outros traballadores do sector público camiñaban cara ao centro da cidade.

Francamente, a maioría das protestas das últimas décadas, aínda que organizadas por persoas ben intencionadas, foron moi aburridas. Saímos á rúa por causas boas, si, pero preferindo estar noutro lugar; e puxemos en dúbida a eficacia de todo o exercicio, polo xeral secretamente, mais por veces abertamente. Esta vez é diferente. Para os veteranos das protestas nas últimas décadas, esta vez había un ambiente totalmente diferente. A cena foi, ao mesmo tempo,  creativa, de bo humor, alegre e pacífica, pero tamén, enoxada. Este movemento non tivo portavoces: a xente organizouse, tomou decisións sobre o terreo, e actuou consecuentemente, e as súas accións e instintos deron resultado, se vemos os acontecementos posteriores.

O alcance do movemento é amplo. Aos estudantes e profesores e outros empregados públicos uníronselle bombeiros e policías, cuxos dereitos de negociación colectiva non están baixo ameaza inmediata e que, por tanto, fixéronse presentes en demostración dunha notábel solidariedade. Xuntos, adoptaron unha nova alianza e puxeron de lado unha historia de antagonismo que data dos anos 1960. Neste novo mundo, os policías ofrecen comida e café a manifestantes estudantís sentados no chan da rotonda do Capitolio. Os bombeiros, que chegan vestidos cos seus traxes escurecidos polo hollín ou en saias escocesas, tocan as súas gaitas en apoio aos seus irmáns empregados públicos e estudantes. Envolverse na bandeira -quen máis pode facelo sen verse cínico ou parvo?- os bombeiros devolveron este poderoso símbolo á clase obreira organizada.

Xa o sábado, o número de manifestantes incrementouse a máis de 60.000, mentres que os adherentes do Tea Party do gobernador puideron reunir apenas uns cuantos milleiros. Isto a pesar de contar co apoio de financeiros multimillonarios como os irmáns Koch que crearon xigantescas páxinas web, como "Caseta for Walker", implorando aos wisconsineses a saír ás rúas para apoiar ao gobernador.

Porén, a pesar de toda esta boa enerxía e do éxito obtido, non todo está ben. Os traballadores están seriamente divididos. A dereita política fixo grandes investimentos para pór aos empregados do sector privado en contra dos seus contrapartes do sector público. E lográrono. Despois de tres décadas de guerra contra os sindicatos do sector privado, só  7% dos traballadores non públicos están protexidos. Como era de esperar, isto traduciuse nunha erosión case completa dos programas de saúde, anteriormente en mans e plans de pensións dos que algunha vez gozaron.

E como resultado, os traballadores do sector privado estadounidense víronse forzados a aceptar horarios de traballo ao estilo xaponés. Os seus plans de saúde bríndanlles atención de calidade inferior, a miúdo tendo que navegar por soporíferas burocracias, só para que lles digan  "cobertura denegada". Os seus empregadores xa non pagan as pensións. A maioría está pola súa propia conta á hora da xubilación. Ou se teñen sorte, poden ter un empregador xeneroso que achega a metade cara a un plan 401k [sistema de aforro para a xubilación. N. da R.] que só alimenta aos operadores de Wall Street, mentres que nunca obtén rendemento suficiente para financiar a súa aposentadoría.

En resumo, é outra vez a tempada de caza. Brevemente, en 2008, esta frustración dirixiuse contra os republicanos. Con todo, os demócratas non sacaron ningún beneficio tanxíbel para os traballadores desde que asumiron o poder e, agora, a dereita soubo desviar a ira da clase traballadora, de Wall Street cara os profesores e os empregados públicos. Habilmente executada, a táctica levou os traballadores do sector privado sen beneficios a culpar a todo aquel que si ten beneficios como a causa da súa privación. En lugar de ver as ganancias que ofrecen os sindicatos, os traballadores do sector privado tragáronse a noción de que estes beneficios, dalgunha maneira, foron obtidos a costa súa - ao mesmo tempo que fan caso omiso do engorde que continúa sen diminuír en Wall Street.

A nova guerra de clases, como de feito é percibido este conflito, non é entre os traballadores e o capital, senón entre os traballadores do sector público e os do sector privado,  estes últimos azuzados  por multimillonarios dereitistas como os irmáns Koch. Un pode mesmo imaxinarse ao señor Burns, dos Simpsons, tramando algo así, na súa caricaturesca representación do capital; pero isto é a vida real, e poucos parecen recoñecer a ironía.

O feriado da segunda-feira  foi quizais a última das grandes protestas desta semana, xa que, cando convocan a decenas de milleiros de persoas, non son sustentábeis. Os traballadores públicos están baixo a presión dos seus empregadores e os sindicatos de mestres, para regresar a traballar. Se o Gobernador Walker se nega a transixir, a única arma que queda no arsenal dos traballadores é unha greve xeral e non se sabe se existe suficiente decisión para pór en marcha unha. Este movemento iniciouse polas accións de Scott Walker e probablemente terminará por elas. O seguinte paso cara a unha greve xeral dependerá das súas decisións nos próximos días e se vai en busca dun compromiso ou de inflamar aínda máis os traballadores, ao atacar o seu dereito democrático a organizarse.

Walker, fillo dun predicador, sempre foi cego ás sombras de gris. As súas accións pasadas suxiren un camiño fundamentalista por diante.

Nenhum comentário: