Segundo o previsto, os e as participantes no Encontro do Umia saudámonos ás dez da mañá na Praza das Árbores da Vila do Baño, en Cuntis. A primeira parada foi en Castrolandín, onde o coordinador da Fundación Terra Termarum Mario Touceda nos ofreceu unha interesantísima explicación sobre o castro da Idade do Ferro que preside dende o alto o val no que se asenta Cuntis. En base aos xacementos e ás escavacións realizadas até o momento foi presentando as teorías que manexan sobre diversos aspectos da vida daqueles devanceiros nosos.
A seguir, os preto de 30 participantes de todas as idades no programa da mañá dirixímonos á Minicentral da Ermida, que estrangula o Umia e a toda a flora e a fauna de alí onde está asentada. A bióloga Martina Vieitez pronunciou unha completa, clara e concisa exposición sobre os efectos e o impacto devastador da explotación dun río con fins lucrativos.
Con puntualidade galega, ás doce e media chegabamos á présa da Baxe. Xesús Rodríguez pronunciou un máis ca brillante discurso sobre a historia e o estado actual do Encoro do Umia, símbolo por excelencia dos atropelos e a privatización dun río na comarca. Cheo de sentir combinado con contundentes verdades, precedeu ao despregamento dunha faixa por parte de membros da Coordinadora Antiencoro.
A última parada foi a Burga da Praza de Galicia, no Baño, en Cuntis. Héitor Picallo pronunciou de novo con precisión as claves dun dos maiores roubos e traizóns cometidas contra o interese público. O goberno municipal do PSOE entregoulle en bandexa de prata un ben público como as augas quentes do pobo de Cuntis a unha entidade privada que hoxe as explota e se lucra.
Logo do xantar, o cantautor local Manoele de Felisa abría a tarde no Centro Sociocultural “Patelas” cun par de pezas súas que espertaron as primeiras emocións entre o público que ateigaba a sala. Tomou a palabra Yolanda Paz, cunha primeira visión dende o punto de vista ecoloxista do impacto que produce na sociedade os hábitos dos que abusamos. A súa mensaxe foi clara: debemos mudar o “chip”. Santi Martínez expuxo dende a óptica socieconómica o espolio das privatizacións de bens públicos e os efectos prexudiciais nunha cidadanía sometida aos intereses do capital. Paloma Fernández, repasou a xeira de disparates históricos tanto democráticos coma xudiciais que fomos padecendo durante a construción do Encoro do Umia e máis hoxe en día, cunha auga totalmente contaminada. Miguel Méndez interviu en sustitución de Lidia Senra, que por problemas de axenda tivo que desculpar a súa ausencia. A infame Lei de Augas da Xunta de Galicia centrou as súas palabras, dende o punto de vista do abuso á cidadanía como dende o ideolóxico de quen quere converter nunha mercadoría o elemento auga; anunciou o nacemento da Plataforma contra a Lei de Augas e a primeira mobilización prevista. Xosé Manuel Beiras compraceu aos presentes cunha intervención entretida, dinámica, mesmo con interesantes revelacións pero sobre todo marcada pola contundencia incisiva que caracteriza a quen fala clariño sobre o que sexa, ao tempo que sementa de sabedoría un auditorio absolutamente famento de forza na palabra e compromiso na acción. As intervencións do público e dous poemas do escritor monfortino Fernández Abella puxeron fin a esta parte.
O segundo prato forte da tarde foi a presentación do novo disco da histórica formación A Quenlla, chamado precisamente “Os Irmandiños”. As intervencións introdutorias, de Miro Casabella entre outros, leváronnos a un tempo de rebeldía e orgullo dun pobo, o galego, moi afastado deses tópicos de xentes mansas e submisas que algúns nos queren atribuír. Absolutamente gloriosas e emotivas foron as intervencións de Mini e Mero. En cada palabra un chamamento a recuperar aquel espírito irmandiño, en cada nota un feixe de rabia contida. As emocións ocuparon o ambiente no peche da xornada. O concerto da Quenlla foi entre outras moitas loubanzas que merecería, un canto á esperanza e unha proclama a levantármonos dunha vez.
Dende a organización queremos agradecer sinceramente a participación de tod@s, tanto falantes coma público asistente. Tamén de toda a xente que colaborou con nós e que cedeu desinteresadamente material, con mención destacada a Manoele de Felisa. Pola contra, tamén queremos deixar ben claro que nada temos que agradecerlle ao Concello de Cuntis e ao Goberno Municipal do PSOE que toda a súa contribución consistiu en pór trabas para a organización desta xornada.
Um comentário:
http://www.galizalivre.org/%3Fq%3Dnoticia%252F23.02.2011%252Funiversidade-e-empresa-privada-preparam-privatiza-om-da-gua-na-galiza&h=b89c0
Postar um comentário