27/02/2011

Un proxecto compartido en movemento

Xosé Manuel Beiras en Galicia Hoxe.

Estamos a vivir o comenzo dunha nova xeira histórica da humanidade. Protagonizado por uns, contemplado por todos. Contemplado con tanto máis abraio canto máis lonxe se está dos protagonistas e canto menos atención se levaba prestado ao solermiño proceso de xestación da sua emerxéncia. Lonxanía medida en distancia, non xeográfica, senón social; non xeopolítica, senón ideolóxica e cultural. E velaí que o "caos sistémico" está servido. Talmente o que analistas e pensadores do talento e a lucidez dun Giovanni Arrighi levan definido como etapa final dunha transición hexemónica, ou sexa, a transición dunha hexemonía a outra(s) no sistema-mundo. Un fenómeno detectado a intervalos variábeis no decorrer histórico dese sistema dende a sua formación mesma, e pronosticado nas coordenadas do noso presente como historia. Un caos sistémico anunciado, vaia. Eis o siñificado que cobran e o valor sintomático que encerran, á luz desas análises contrastadas na historia, os acontecementos arestora en curso de eclosión ao longo do outrora chamado "mundo árabe". Tan "imprevistos" e incomprensíbeis para os distantes cegos a mantenta coma o foran -e inda o seguen a ser- os xurdidos en América Latina durante os últimos tres lustros. Procesos todos que teñen en común o combinaren rebelión cívica, revolución social e mutación política en fórmulas específicas que só difiren como variacións sobre un mesmo tema: a revolta dos damnés de la Terre de Fanon contra o poder opresor do imperio e os seus chivos emisarios.
Mais, a diferencia se cadra doutros episodios históricos de caos precedentes, o actual leva tódalas trazas de non só consumar unha transición hexemónica, senón tamén abrir unha transición sistémica. E, de ser así, estaríamos a presenciar o alborecer dunha auténtica nova xeira histórica da humanidade, e non só dun relevo na hexemonía do sistema-mundo sen metamorfose das suas estruturas basilares e consustanciais á sua índole medular. Eu aposto por que así vai ser, non sei vós -e outra cousa é, madia leva, a duración previsíbel do tránsito: certus an, incertus quando, rezaba o latinorio romano.
Os síntomas, e mesmo tamén os sinais, están ben á vista, coido eu. Non só se custiona, non é só contra os centros, as estruturas e os tentáculos do poder hexemónico establecido que se soerguen as xentes. Denúnciase e combátese tamén o modelo de relacións sociais imposto e o modo de produción dominante no actual sistema-mundo -é dicir, as relacións de esplotación de clase e de espoliación de recursos que son patrimonio natural dos povos. E mesmo os deseños alternativos que se plantexan non son calcos dos formulados polas revolucións socialistas do s. XX, dende a soviética en diante, senón enfoques anovadores que peneiran o adeprendido desas e outras esperiéncias revolucionarias e máis recollen e escolman a avenza das tradicións comunitarias encoradas na cultura secular dos povos. De xeito que, ao cabo, resulta estar en xogo non só o modelo de sociedade, senón o de civilización e máis do artellamento cos ecosistemas da biosfera: a máis dunha crise do sistema socioeconómico, está plantexada e aberta unha "crise civilizatoria". E eiquí compre sinalar -en honra dunha verdade solertemente silenciada ou deturpada polos poderes mediáticos- a decisiva contribución que supuxo a interrelación das redes de movementos altermundistas e antisistémicos no proceso dos FSM á formación e posta en común desa nova cultura revolucionária e máis á sua difusión nas dimensións social, ideolóxica... e política. Si, tamén política -inanque non instalada aínda na instancia política institucional.
Velaí, ao meu ver, o feitío do novo contexto no que se insire arestora a problemática da emancipación social e nacional do povo galego. O contexto do presente como historia da humanidade nunha nova etapa da sua perene loita contra tódalas formas de opresión e dominación. O contexto que compre analisar asisadamente, no que compre imbricar o noso proxecto emancipatório e co que compre artellarmos o noso proceso social e político de autodeterminación. Para navegarmos a favor da corrente que arestora move o avance histórico. Ou se queredes, como diría un mariñeiro: compre aproveitarmos o abalo da maré.
Mais iso implica remudar, no necesário, esquemas elaborados e artefactos construídos nun pasado contexto diferente. Non se non trata de botarmos pola borda o patrimonio común acumulado na etapa precedente da nosa andaina. Ben ao contrario: trátase de arrequecelo e redimensionalo, redeseñándomos os trebellos e métodos precisos para podermos potenciar o seu rendemento e eficiencia na nova etapa que, queirámolo ou non, xa está encetada. Porque a etapa precedente rematou, mais a andaina continúa: unha obviedade, ésta, que non todos asumen nos seus dous termos -velaí, logo, que non resulta ser tan obvia.
Que a andaina continúe siñifica, ou leva aparellado, que seguen a ser os mesmos o suxeito histórico do noso proceso de autodeterminación, os principios cardinais do ideário emancipador e máis os obxetivos estratéxicos do correlativo proxecto político. En troques, que a etapa sexa outra -tanto no proceso interno coma na sua relación dialética co novo contexto mundial- e que non constitua unha circunstancia conxuntural, senón un contexto de transición sistémica, require reformular o feitío do referente político, remudar a metodoloxía do proceso, e redeseñar o modelo de sociedade proxectado.
A obsolescéncia e esclerose dos modelos de orgaización política partidaria xurdidos na historia moderna europea e exportados logo aos outros continentes -e tanto os construídos no marco das revolucións burguesas dos s. XVIII-XIX canto os forxados nas fraguas das revolucións socialistas do s. XX- combinadas coa deriva dos aparellos de estado dos que forman parte, en traxectoria diverxente das dinámicas da sociedade civil, convirtíronos en estafermos inservíbeis para as funcións veiculares xenuinas da democracia representativa, simples maquinarias de alienadora mercadotecnia eleitoral. Se o seu conseguinte descrédito suscitou pasividade e esceiticismo como actitude máis difundida no común da cidadanía, nos segmentos dela máis conscientes, activos e participativos enxendrou desconfianza, afastamento e rexeitamento a respeito das forzas políticas -e mesmo da "sociedade política" no seu conxunto, e exacerbadamente verbo de calquer modalidade de política institucional. Eis un dos atrancos máis graves para a necesária proxeción dos movementos sociais e das dinámicas transformadoras da sociedade civil na instancia política. Atranco tanto máis forte e difícil de salvar canto máis radicais e antisistémicas son a índole deses movementos e as alternativas que formulan.
Velaí por qué compe redeseñarmos o referente político do proceso de autodeterminación do povo galego como un movemento antes ca como unha orgaización. É dicir, como unha dinámica emerxente da cidadanía, arraizada e estruturada na sociedade civil, cos motores situados nos seus segmentos máis conscientes e activos, coa enerxía enxendrada e transformada pola democracia horizontal e participativa -e cun proxecto estratéxico reformulado no contexto da nova xeira que está a encetar a historia de humanidade. Un proxecto compartido en movemento. Un amplo, aberto e polimorfo movemento cívico e social rotundamente catapultado na instancia política en claves de alternativa emancipadora ao sistema establecido. E a navegar. En mar aberto. A navegar.

Nenhum comentário: