18/05/2011

De Sortu a Bildu: concellos democráticos?

Carlos Taibo. Artigo tirado de aqui.
http://www.abc.es/Media/201105/09/bildu34--644x362.JPG
Moito me gustaría que alguén conseguise convencerme de que os obstáculos sen conto que se impuxeron, primeiro á legalización de e, máis adiante, á da coalición electoral , obedecen a unha carrapeta pasaxeira en virtude da cal xuíces e políticos estarían a tomar un cumprido desquite ante o acontecido durante decenios. Se así fosen os feitos, mostraríame máis que disposto a pasar páxina e a esquecerme de todo isto.

Non hai, con todo, ningunha garantía de que nos achemos perante unha simple e pasaxeira carrapeta que dará pronto pé a novas máis estimulantes. E iso que alguén aducirá, con respetabilísimo argumento, que o que estána facer  xuíces e políticos bebe en máis dun sentido dun curioso paradoxo: fano porque, digan o que digan, saben que a cousa non ten volta atrás, isto é, que ETA non vai regresar onde estaba, co que preservar unha liña de estrita presión/represión sobre a esquerda abertzale ten nestas horas un custo e un risco, non xa limitados, senón máis ben nulos.

Examinemos, malia isto, as circunstancias con maior detalle. O primeiro que corresponde dicir é que non pode senón sorprender que o peso da proba no que se refire ao que son ou deixan de ser os militantes de Sortu e os candidatos de Bildu recaia sobre os informes de dúas instancias, a policía nacional e a garda civil, que son, claro, xuíz e parte, e que a duras penas cabe admitir, de resultas, están chamadas a asumir unha conduta neutral.

Aínda cando aceptemos que coa polémica lei de partidos na man os informes desas dúas instancias antóllanseinsorteábeis, non sería saudábel que esquivásemos, con todo, a discusión principal. Esta última non é outra que a que remite ao argumento maior empregado para postergar a Sortu e, polo menos até a hora en que se escriben estas liñas, á propia Bildu: o que sinala que configuran meras prolongacións de Batasuna e, no seu caso, de ETA.

Porque, e vaiamos ao máis importante, que outra cousa cabería esperar que fose Sortu senón unha forza política continuadora de Batasuna e do seu mundo? Tería algún sentido que xurdise da nada, de tal sorte que Batasuna seguise pervivindo como tal, manténdose nas súas trece? O que constitúe unha novidade notabilísima, e para ben, é precisamente o feito de que quen ampararon durante moito tempo a violencia de ETA se amosen nestas horas manifestamente dispostos a afastarse daquela. O interesante é, noutras palabras, que efectivamente Sortu, e os militantes desta presentes nas listas de Bildu, proceden de Batasuna e non deixan marxe para a dúbida no que se refire ao cambio operado dentro desta última. Unha mudanza, dito sexa de paso, que con toda certeza se realizou non sen conflito, isto é, non sen a derrota de quen porfiaban en manter as regras do xogo do pasado.

Ao meu entender, e ao de moitos outros, sobran as razóns, polo demais, para afirmar que Sortu cumpriu co que durante anos esixiron os promotores da lei de Partidos, algo que converte en moderadamente sorprendente a conduta presente da abafadora maioría dos defensores desta última. Parecera coma se aos ollos destes calquera persoa que manteña no pasado algún vínculo con Batasuna estivese condenada para sempre. Menos mal que o voto é secreto, porque algún destes adaíles da ben podería sentir a tentación de retirar o dereito correspondente a quen apoiou no pasado á antedita Batasuna.

Permítaseme que, en tales condicións, formule tres preguntas delicadas. Non é lexítimo, en primeiro lugar, que nos empeñemos en concluír que hai quen parecen preferir a miseria na que vivimos durante decenios antes que os horizontes de mudanza que se abren da man dun proceso razoabelmente esperanzador? Non ten un dereito, en segundo termo, a sospeitar que algúns dos sorprendentes silencios destas horas obedecen ao mezquino propósito de gañar votos sen merecelos ou ao aínda máis prosaico de non perdelos ante a arremetida ultramontana do rival? As cousas como van, en fin, hai algún motivo sólido para aseverar que as eleccións municipais que se van a celebrar proximamente no País Vasco teñen unha inequívoca condición democrática?

Nenhum comentário: