23/02/2011

A prol da prensa alternativa galega

Manoel Santos. Tirado de aquí.
http://www.mundodorap.blogger.com.br/fotofoda.jpg
Xa temos falado de que a crise de vendas e DE credibilidade que asola os medios de comunicación -especialmente a prensa escrita- ten moito que ver coa súa concentración corporativa e coa necesidade de procurar recursos financeiros dispares, pois as vendas por si soas xa non soportan a súa existencia. De xornais a bazares. Nos dous casos a independencia e a ética informativas fican presas, quer dos intereses dos accionistas das corporacións, quer dos anunciantes e dos gobernos que poñen os cartos. 

A crise, xunto á aparición internet, provocou o xurdir de multitude de organizacións dedicadas a contrainformar, ou a contar o que os medios corporativos agachan ou terxiversan. Son os medios alternativos. Na Galiza nosa o seu desenvolvemento está aínda en cueiros. As razóns son varias, mais algo terán que ver coa escaseza de colectivos dedicados expresamente a difundir e xerar información antagónica. Os que hai son miúdos, funcionan en precario, con pouca xente, moitas veces inestábel e inexperta, e teñen problemas para obter un mínimo financiamento que garanta dedicación e continuidade, alén de que calquera actividade antihexemónica deba levar engadido o altruísmo. 

A isto habería que sumar a falta de formación en comunicación tanto destes poucos e voluntariosos colectivos, como dos contados departamentos de prensa das organizacións e redes de movementos sociais, que non son quen de xerar mensaxes atractivas e interesantes dende o punto de vista comunicacional. Mais tamén a incomprensíbel falta de compromiso real dos movementos no seu desenvolvemento, cando a comunicación é básica para engrosar as masas críticas e así camiñar cara á mudanza radical do modelo de sociedade. 

No entanto, cómpre apoiar e ter en conta algúns proxectos que hogano existen no país, por canto están a construír unha actividade pioneira que por forza será cada día máis relevante e influente. Os máis deles teñen certo carácter libertario, anticapitalista, relacionado coa emancipación do pobo galego dende a base, ou todo á xunta. Tal é o caso de Galiza Livre, un dos máis veteranos e qie acaba de mellorar moito o seu deseño; Indymedia Galiza, un espazo colaborativo inserido nunha das meirandes redes mundiais de información alternativa; as seccións galegas de Kaos en la Red ou La Haine; o Novas da Galiza, heroico por ser en papel; Diário Liberdade, que traballa no estratéxico mundo da lusofonía; Olholivre; Altermundo; ou os dedicados ao audiovisual, como GZ Vídeos, que fai algúns traballos gloriosos; Audiolivre, que difunde arquivos sonoros; ou radios xa de longo percorrido como A Kalimera, Radio Piratona, Radio Filispim, etc. 

Na prensa alternativa tamén poderiamos incluír algunhas iniciativas que, estando inseridas dun ou doutro xeito no mercado, teñen liñas editoriais que foxen da ideoloxía dominante, como o veterano Vieiros e, porque non dicilo, un Galicia Hoxe que dende os movementos sociais é xulgado por cuestións que pouco teñen que ver coa antedita liña editorial, que ao cabo é o importante.

Nenhum comentário: