O ensaísta asegura que a situación económica actual "é peor" do que nos contan e que camiñamos cara ó "colapso do sistema". Aposta por recuperar un modo de vida acorde coa natureza.A maioría dos problemas económicos que temos hoxe derivan do capitalismo, asegura Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid. Nunha visita maratoniana a Galicia, onde aproveitou para presentar o seu último libro e dar unha conferencia sobre un "mundo sostible", o prestixioso ensaísta augurou que "se as cousas non mudan camiñamos cara o colapso do sistema". Apunta o encarecemento das materias primas enerxéticas e o desartellamento social como os primeiros indicios dese delicado horizonte.
Segundo el di asistiremos a unha operación de "fogos artificiais" que nos inducirá a pensar que deixamos atrás a crise cando "os seus elementos máis fortes reaparecerán antes ou despois". Para Taibo isto é evitable pero non cuns gobernantes que "pretenden resolver a crise co mesmo tipo de medidas que nos colocou nela", resalta.
O ensaísta pugna por un "cambio radical de rumbo" na súa revolucionaria teoría do "decrecemento". Nesta idea xestada ó longo dos anos de activismo social racha coa loita xeral por crecer e aposta, precisamente por todo o contrario.
Sostén que no mundo desenvolvido temos un "deber inexorable de reducir os niveis de consumo para reorientar a nosa relación rota coa natureza". El leva anos avisando de que o consumo non é solución ós problemas económicos: "Os recursos son limitados e pretender que podemos seguir crecendo ilimitadamente nun planeta de bens limitados non é moi razoable". Agrega unha razón antropolóxica: "Cando as sociedades son máis ricas os incrementos de consumo non acrecentan a felicidade, son máis ben un indicador de malestar e de problemas de artellamento social".
O profesor lembra que o Nadal pasado convocaron unha folga xeral de consumo, que chamaba a atención sobre a necesidade de cuestionar os nosos deberes neste ámbito.
Carlos Taibo mantén que a situación económica actual "é realmente peor" do que nos contan. Remarca que aínda está pairando sobre España a ameaza dun plan de rescate da Unión Europea mentres os nosos gobernantes, "mestura de inmoralidade e imbecilidade" seguen sen facer nada. Neste senso recoñece non ter ningunha confianza neles. O único posible sería que "desvencellasen os nosos interes xerais dos das grandes empresas e dos bancos", máis sospeita que "se están onde están é porque aceptaron as regras do xogo que impoñen as institucions financeiras".
Ofrece varias receitas para saír da crise
O pensamento crítico de Carlos Taibo alcanza problemas económicos obxectivos como o "retroceso en materias sociais" e no "gasto público en sanidade e educación". "Isto sitúa o escenario nun ámbito de inmoralidade extrema dos nosos gobernantes (os de hoxe e os anteriores que abrazaron patróns moi similares)", subliña.Finalmente o pensador dá as súas receitas para saír da crise. Por exemplo acabar co capitalismo e aplicar un proxecto de decrecemento. Isto non quere dicir que haxa que chegar ata o decrecemento cero, simplemente é "recuperar un modo de vida acorde á natureza", explica. Xa que logo a súa aposta máis forte é rearticular a relación co medio natural e procurar unha sociedade non asentada na primacia da producción, do consumo ou da competitividade. Taibo avoga por repartir o traballo, fomentar o ocio creativo, reducir as dimensións de moitas infraestruturas produtivas, administrativas e de transporte e recuperar a vida local frente a lóxica desbocada da globalización. O seus discurso fala de empezar unha nova forma de vivir xa que está "toca á súa fin".
Nenhum comentário:
Postar um comentário