Na imaxe o rei do Estado español Xoán Carlos I xunto ao ditador libio Khadafi. |
O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condena a España por impor unha condena "desproporcionada", un ano de cárcere por un delito de inxurias graves ao Rei en 2003, a Arnaldo Otegi, ao que terá que indemnizar con 23.000 euros. Segundo a sentenza europea, "unha pena de prisión imposta por unha infracción cometida no terreo do discurso político non é compatíbel coa liberdade de expresión garantida polo artigo 10 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos". Para a sala Terceira do Tribunal de Estrasburgo, "no contexto dun debate sobre unha cuestión cun interese público lexítimo, nada pode xustificar a imposición de tal pena de prisión".
A sentenza de Estrasburgo afirma que "o feito de que o Rei non sexa responsábel penalmente, segundo a Constitución, non impide en por si un debate libre sobre as súas posíbeis responsabilidades institucionais, e incluso simbólicas, á cabeza do Estado". Todo iso, segundo o texto, debe desenvolverse "dentro dos límites do respecto á súa reputación como persoa".
No ano 2003 Otegi dixo que o Rei "é o xefe supremo do Exército español, é dicir, o responsábel dos torturadores e quen protexe a tortura e impón o seu réxime monárquico ao noso pobo grazas á tortura e á violencia". A declaración realizouse nunha rolda de prensa, na súa condición de portavoz do Grupo Sozialista Aberzaleak no Parlamento Vasco, o mesmo día que o rei Juan Carlos inaugurou unha central eléctrica en Biscaia.
Tras a querela da fiscalía, Otegi afirmou que as súas palabras eran "unha constatación da realidade política do Estado" e que non había intención inxuriosa contra a Garda Civil que, días atrás, "torturara aos detidos polo peche do diario Egunkaria".
O Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco sentenciou que Otegi non era culpable porque "a crítica dunha institución constitucional está amparada polo dereito á liberdade de expresión", aínda que as manifestacións eran "claramente ofensivas, impropias, inxustas e alleas á realidade". O Ministerio Fiscal recorreu e o Tribunal Supremo condenou a Otegi a un ano de prisión como "autor dun delito de inxurias graves ao Rei", nunha sentenza de 26 de outubro de 2005.
O Tribunal Constitucional non admitiu o recurso de amparo presentado por Otegi e sinalou que as súas palabras atribuían ao xefe do Estado "unha das manifestacións delituosas máis graves nun Estado de dereito". Foi entón cando Otegi, defendido polos avogados Didier Rouget e Jone Goiricelaia, presentou a súa demanda en Estrasburgo en xaneiro de 2007.
Ademais do citado artigo 10 do Convenio, alegou, sen éxito, a violación do 14 (Prohibición da discriminación) por ser "vítima dunha discriminación baseada en opinións políticas e a súa función de portavoz do movemento independentista vasco". Dous anos e medio despois, o demandante solicitou a celebración dunha vista, pero o Tribunal considerou que "non era necesaria".
Nenhum comentário:
Postar um comentário