Cinco reactores atómicos en Xapón encamíñanse actualmente cara a unha catástrofe. O cinco foron pechados con carácter de emerxencia e están sen arrefriado. O que ocorre exactamente non o saben nin os residentes nin o mundo, e iso só dous días despois dun devastador terremoto. Un reactor explotou xa, o que os cabildeiros da enerxía atómica admiten, pero que non sen certa vacilación atribúen en parte a unha probábel explosión de hidróxeno sen consecuencias graves. Ningunha comparación con Chernobil, dise.
Estes encubrimentos e demoras na información supoñen un enorme escándalo. E non é ningunha consecuencia do caos tras o terremoto, non: é o método habitual. En cada accidente atómico foi ese o caso. Primeiro tentar deixar a fachada intacta. Mellor pór en perigo a saúde de decenas e mesmo centos de miles de persoas que arriscarse a ter mala imprensa. Poida que os expertos no terreo recuperen o control ou que a poboación non se dea conta. Afortunadamente, a radiación atómica é invisíbel e inodora. Os miles de millóns que se obteñen neste negocio non feden.
En calquera caso en Xapón, unha das zonas máis propensas aos terremotos do planeta, funcionan máis de cincuenta reactores atómicos. Cada poucos anos unha central atómica resulta danada nun terremoto. Agora, ademais, aparentemente foron alagadas polo tsunami. Non temos suficiente información. Só nos resta escoitar os prognósticos de que a cousa non irá a peor. Sobre todo aquí, na Alemaña.
No entanto, irá a peor. Está na propia natureza da cousa. En todas as instalacións industriais ocorren accidentes, xa se trate de refinarías, centrais nucleares ou plataformas petrolíferas. Os técnicos poden minimizar con precaucións a probabilidade de que un accidente ocorra. Porén en ningún caso se poden ter precaucións para todos e cada un dos tipos de dano posíbeis. O peor terremoto na historia de Xapón, sumado á onda de dez metros de altura do tsunamini nin sequera se atopaban entre as probabilidades dos especialistas. Tan pouco como aquí en Alemaña se pensa nun terremoto na concesión de permisos ou mesmo nun ataque terrorista a un avión do tipo dun enorme Airbus A380. Menos aínda na construción das centrais nucleares nos anos sesenta ou setenta, durante a cal ninguén podería prever o que ocorrería no mundo no 2011.
Os riscos da técnica non poden eliminarse. Poré no mundo dos negocios todo muda. Ningún estado debería construír instalacións como as centrais nucleares, que conducen a danos impredicíbeis. E quen gañan diñeiro con semellantes instalacións, como o noso apreciado sector atómico, deben ser etiquetados claramente como cabildeiros irresponsábeis. No seu discurso sempre teñen a situación controlada, mentres detrás voan xa en todas as direccións pedazos do reactor.
Acláranse as frontes aquí en Alemaña: os conservadores do CDU e os liberais do FDP son quen promoven no noso país a enerxía atómica. Mentres o fagan, non son forzas a ter en conta nas eleccións. Diso somos nós, os alemáns, responsábeis. Como se desenvolverá a situación en Xapón poderiamos nós, non menos que os xaponeses, xulgalo dunha vez se finalmente se pon a verdade sobre a mesa. Mais esta situación parece cada vez máis difícil, como calquera activista anti-atómico podería temer.
Nenhum comentário:
Postar um comentário