Xosé Manuel Beiras en Galicia Hoxe (13-III-2011).
II. LEI DE AUGAS VERSUS LEXITIMIDADE DEMOCRÁTICA
Dicíavos, coido, ao remate da prédica pasada, que ese "tigre non vexetariano" que é o capital -se me permitides xogar á inversión do tema "boaventurián" nun remedo caseiro da arte da fuga- viña de pegar un pinchacarneiro espoliador onda nós, no colo da consabida brigada política de demolicións empoleirada no poder autonómico. O escenário desa acrobacia foino, nesta ocasión, o Parlamento de Galicia, onde, o 26 de outubro do ano pasado, foi aprobada unha flamante Lei de Augas pola metade máis un dos seus membros de delambos xéneros, que curiosamente representan á metade menos un cacho dos votantes, á sua vez inda máis por baixo da metade dos eleitores, e finalmente aínda máis lonxe, portanto, de representaren á metade dos cidadáns -ou suxeitos, como prefirades- atinxidos pola lei aprobada nesa cámara de representantes.
Reitérovos tamén hoxe que non tento imitar ao fabuloso G.M., senón sinalarvos -con bó humor- unha asimetría deformante da proxeción da democracia representativa nas institucións políticas, que pode dar lugar a que decisións adoptadas por maiorías institucionais non se correspondan con correlativas maiorías sociais ou mesmo nen tan sequer eleitorais -que son as precisas para dotalas de auténtica lexitimidade democrática. Noutras verbas: de non aplicarse un rexime eleitoral estritamente proporcional, pode acontecer que unha maioría de representantes eleitos como membros dunha cámara lexislativa non se corresponda coa maioría do eleitorado, nen tan sequer coa maioría dos votos emitidos polos eleitores que non se abstiveron de facelo. Ise é mesmamente o caso da composición actual da cámara galega no que atinxe á maioría governante -exigua maioría dun escano que non representa á maioría dos votantes.
A cousa ten moita máis relevancia do que poida parecer. Non se non trata dunha mixiricada formal: atinxe á lexitimación democrática das decisións institucionais. Nomeadamente á das lexislativas, poisque as leis son normas de obrigado cumprimento para toda a cidadanía. E ese caráiter universal desa obriga é democráticamente lexítimo só porque é a propria cidadanía quen elabora e aproba as leis -meiante os seus representantes. A democracia é o poder dos cidadáns para governárense -non dunha maioría para governalos. A maioría é só un método para resolver a toma de decisións entre posicións diverxentes ou confrontadas de diferentes segmentos da cidadanía -e non hai democracia se a maioría ignora, despreza ou esmaga os dereitos das minorías. Pra canto máis se é unha minoría quen toma decisións contrarias aos dereitos e intereses da maioría dos cidadáns -por máis que esa minoría poida detentar a metade máis un dos escanos dunha cámara lexislativa: velaí unha asimetría entre os colectivos dos representantes e os dos representados, debida a defectuosos deseños dos sistemas eleitorais, que deforma a representación democrática da cidadanía -e que compre ter en conta e subsanala cando menos na prática da institución, so pena de deturpar a lexitimidade democrática das decisións institucionais, até mesmo incorrer nun divorcio entre "legalidade" institucional e "lexitimidade" democrática.
A lóxica consustancial coa cultura democrática esixe non utilizar mecánicamente a maioría da que se dispón nunha institución lexislativa, mesmo cando a maioría institucional representa a unha maioría eleitoral -poisque o contrario equival a excluír de presencia efectiva na cámara a toda a cidadanía que non votara ao grupo institucionalmente maioritario e governante. É o que o argot político celtibérico denomina "aplicar el rodillo" -eu, cando deputado no tempo do fraguismo, expresábao de xeito máis soturno: convirtir a cámara lexislativa nunha cámara de gas. Ben sabido é que, para evitalo, están as esixencias legais de maiorías "cualificadas" en decisións institucionais de determinado rango ou transcendéncia política ou social. Tal foi o caso da reforma do Estatuto propugnada polo governo bipartito na pasada lexislatura para ampliar os poderes e competencias da autonomía galega: naufragou porque requería unha maioría superior á que tiña na cámara ese governo, e boicoteouna o grupo que governa agora -cousa que non lle impide, pra eludir responsabilidades perante a situación crítica do país que disque governa, alegar cínicamente agora a falla das competencias que tería se daquela non boicotease a sua ampliación.
Mais só unha cultura e unha ética democráticas realmente interiorizadas e asumidas na prática política institucional poden garantir o respeito polos dereitos e intereses das maiorías sociais e cidadás cando están en xogo decisións que as atinxen. Noutras verbas: son a cultura e a ética democráticas as que obrigan a proceder meiante maiorías "cualificadas", inda que non esteñan esixidas preceptivamente, cando os efectos das decisións atinxen ao común da cidadanía, e non só ao segmento representado polo grupo que as promove. As fórmulas e métodos para facer tal existen, e os políticos de oficio ao uso adoitan invocalas cara o público: aquilo de aprobar tal cousa "por consenso", ou "por ampla maioría" -sóavos, non si?. Invocalas, si; mais praticalas é outra leria: só cando lles convén a iles, non á sociedade -non ao común cidadán. Non, tampouco, cando lle convén á saúde democrática do sistema político. De xeito que o máis frecuente, e ainda máis -compre dicilo- na dereita, resulta ser empregar o mecanismo da simples maioría aritmética no canto do método democrático da solución negociada e concertada; impor mecánicamente a "legalidade" da maioría institucional inanque entre en colisión coa "lexitimidade" democrática da maioría social. Pois pra canto máis en situacións de "asimetría representativa" como a actual na cámara galega, onde a sensibilidade democrática da maioritaria metade máis un só brilla precisamente pola sua auséncia.
Polo demáis, "de casta le viene al galgo" -así que non hai de qué solprendérmonos. Fago memoria dun ilustrativo episodio acontecido na primeira lexislatura do período fraguiano. Era tamén aquela, como a de agora, unha situación parlamentar de "asimetría representativa": os dous grupos de apoio ao governo -o popular e máis os centristas de Núñez- sumaban só a metade máis un dos escanos, e bastante menos da metade dos votos emitidos polos cidadáns. Pois promoveron e aprobaron cos sós votos da sua metade máis un dos deputados nada menos que a reforma da lei reguladora do proprio Palamento de Galicia: unha norma que, por razóns obvias, os usos parlamentares "impoñen" aprobar por consenso -ou cando menos por ampla maioría "cualificada". E ficaron tan anchos, abofé -ao cabo, pra iles, a democracia reducíase a iso mesmo: á ditadura da aritmética da maioría. Unha reforma, aquela, que demoucou os dereitos da oposición e convirtiu os debates e aprobación dos proxectos lexislativos do governo en pouco máis ca un trámite previo á publicación do proxecto convirtido en lei no DOGA. Por protestar coa pertinente enerxía, eu fun desposuído polo Presidente da cámara dos meus dereitos como deputado, ou sexa amordazado e inabilitado, durante dous meses -os dous meses cruciais que durou o treito final dese debate lexislativo. Dous anos depois, o TC fallaría ao meu favor o meu recurso, declarando nula a miña sanción -mais non, curiosamente, a aprobación da demouca, non dos meus dereitos, senón do funcionamento democrático da cámara. En todo caso, con sentencia do TC ou sen ela, a aprobación de aquela norma podía resultar institucionalmente "legal", mais fora democráticamente "ilexítima". Pois inda dura: é a que aínda segue en vigor como regulamento da cámara lexislativa galega.
Así pasa o que estamos a ver -e padecer. Así aos vástagos de aquiles proxenitores -políticos- resúltalles máis doado empregaren a simples metade máis un dos escanos, ou sexa, a simples maioría parlamentar socio-eleitoralmente minoritaria, para sacaren adiante decisións normativas que fan irrisión, cando non os agreden, dos dereitos e intereses do común cidadán maioritario na sociedade galega. Máis doado aínda, claro está, se as decisións de governo nen sequer teñen que pasar polo trámite parlamentar. Trátese do idioma, da cultura, da enerxía, do meio ambiente, da sanidade, do ensino -en suma, de calquer eido vital para o povo e a cidadanía no seu conxunto: govérnase prao capital e os privilexiados contra o común cidadán. Nese mundo ao revés, debe ser ise o xeito ultra-liberal de entender o democrático respeito polas "minorías". Pois agora tocoulle, por lei, ao dereito humán á auga. Mais iso, con licéncia, espricareivolo o dia que ven.
Nenhum comentário:
Postar um comentário