24/04/2011

Recuperar e reconceptualizar o público


Manoel Santos
Todo parece indicar que se está a achegar, como di Carlos Taibo, unha nova idade de ouro dos movementos de contestación, que aos poucos van abotoando como os cogomelos no outono, ao ritmo dos axustamentos estruturais -ou sociais- tendentes a salvar o capitalismo custe o que custar. Unha das loitas máis cruentas darase, sen dúbida, na esfera dos servizos públicos, ou de todo o público.
Hai varias razóns para afirmar que esta loita non chegará a ningures de circunscribirse exclusivamente á defensa dos poucos servizos públicos que nos quedan. E se queremos superar o capitalismo para acadarmos outros xeitos de organización social máis xustos coa humanidade e o planeta, é moi posíbel que tampouco abonde con recuperar, a maiores, outros anacos do común xa privatizados, senón que, moi probabelmente, deberemos redefinir que é o público e, sobre todo, quen e como se xestiona o público.
Unha primeira reflexión convida a preguntar onde está hogano a distinción entre o público e o privado. O fío que os separa é tan fino que a meirande parte dos servizos dos que dispomos, tamén os que espertan máis sensibilidade, como a educación e a sanidade, están capitalizados de vez ou, no mellor dos casos, dependen nun grao indecente de xestións privadas que, ao cabo, supoñen a súa privatización efectiva, con concesións "paravitalicias" e criterios de rendibilidade incompatíbeis co interese común. Non son servizos públicos, senón fornecedores duns dereitos cada día máis limitados. Tal é o caso, poñamos por caso, da educación concertada, na que priman os centros relixiosos. Se ben é pública no seu financiamento, é privada no servizo prestado, pois alén do eido curricular definido pola administración, ten o poder de dirixir anhelos e ideoloxías futuras.
Asemade, tanto ou máis importante que termos servizos públicos é dispormos do control real das decisións e xestións dos poderes públicos. Que despois do acontecido coa estafa -non burbulla- inmobiliaria, o ministerio de José Blanco pretenda ir de xira por Europa para colocar unhas 700.000 vivendas sen vender -e construír 300.000 máis cada ano a partir de 2015!- é un bo exemplo de como se privatizan as accións públicas. Estas van destinadas, con abusiva frecuencia, á defensa dos intereses económico-financeiros (privatización dos beneficios) en detrimento dos da cidadanía (socialización das perdas).
Por último, se o común debe estar composto polo servizo público, a xestión pública e a acción pública de xeito indivisíbel, non parece acaído que, nun desexábel escenario de recomposición social, deixemos as nosas vidas novamente en mans da escuálida  parlamentar que, como está a acontecer agora, vai moi a miúdo no sentido oposto aos desexos cidadáns. Cómpre máis participación no público, o que non debería excluír unha elevada, e de seguro máis cabal, dose de autoxestión cidadá. Por que? Porque se cadra, o Estado do benestar tal e como o coñecemos é inherente a un capitalismo que xa amosou sobradamente a súa capacidade destrutora.

Nenhum comentário: