"Confío en que Teo se consolide como terra liberada, nun país que está cada vez máis asoballado por poderes desal- mados", exclamaba onte o líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, no acto de peche da campaña electoral do BNG de Teo, celebrado no Pazo de Adrán. O que foi portavoz nacional da formación frontista irrompeu publicamente na campaña o último día para apoiar o actual alcalde e candidato do Bloque Martiño Noriega, que leva catro anos á fronte do concello e que aspira a revalidar goberno como un dos rexedores máis populares dos que pode presumir a día de hoxe o BNG. Parafraseando a Uxío Novoneyra, Beiras eloxiou a traxectoria de Noriega e da súa equipa e a relación mantida entre o executivo local e os veciños ó longo desta última lexislatura, baseada "na participación da cidadanía" e na práctica dos valores republicanos de "liberdade, igualdade e fraternidade".
Neste sentido, Beiras incidiu na necesidade de que avance a "política entendida como combate cívico e democrático e como servizo ós cidadáns e non como carreiras persoais ou como unha escada para ascender socialmente ou para incluso lucrarse persoalmente ou lucrar os amigos ou repartir o país por tenzas como está facendo a brigada de demolicións e limpeza étnica que padecemos na chamada Xunta de Galiza".
Beiras, que aclarou que este domingo non vai "quedar na casa", senón que irá votar "contra o PP", erixiu o modelo do BNG de Teo en exemplo de aplicación dos "principios irmandiños", segundo os cales "non despreciamos os cidadáns como fai a maior parte da xente da clase política e escoitámolos", tal e como, precisamente, agora demandan centos de miles de cidadáns que tomaron as rúas en todo o Estado.
Relacionando a política municipal co xa coñecido como movemento 15-M, Beiras lembrou que o EI leva tempo "advertindo de que iso de que os cidadáns eran pasotas, pasivos, que estaban desmobilizados, era unha aparencia, o que pasaba era que non funcionaban axeitadamente os mecanismos de conexión entre a cidadanía e a estancia política porque fallaban os partidos".
"A erupción agora está aí e iso confirma que nós temos unha capacidade de diagnose do que está pasando", dixo o ex líder do Bloque, quen amosou a súa intención de acudir hoxe á Praza do Obradoiro no caso de que continúen as concentracións de "indignados" para apoialas. "Son un cidadán máis e fareino se podo". "Isto é unha explosión democrática no sentido propio, a cidadanía reactívase e di non ó que ten claro que non quere, denuncia o que está a pasar, a carencia de dereitos e o que é de esperar é que iso se encarrile cara á formulación de alternativas", defendeu sobre o "movemento cívico e pacífico" que se está a dar. Beiras considerou "un disparate por parte da Xunta Electoral" que esta prohiba as reunións de xente, porque "non ten capacidade para decidir semellante cousa e augurou que toda esta "rebelión" poñerá "en xaque a quen saia elixido" nas urnas mañá, principalmente o PP. "Votar o PP é como poñer o raposo a termar das galiñas".
Martiño Noriega animou a cidadanía a facer un trato que ratifique mañá "esta marea imparable que non renuncia a rematar o traballo iniciado hai catro anos". O candidato á Alcaldía reivindicou a política como ferramenta de transformación diante da "ameaza dos poderes que non acoden ás urnas".
Nenhum comentário:
Postar um comentário