01/05/2011

Carlos Taibo: "O capitalismo puido perder o freo e estar infelizmente a cavar a tumba de todos"

* Publicado en Galicia Hoxe (aquí).


Defende a "Teoría do decrecemento" e chama a romper "coas ilusións ópticas" que "nos fan pensar que seremos máis felices cantas máis horas traballemos, máis diñeiro gañemos e máis bens consumamos" porque senón "non poderemos entregarlles ás xeracións vindeiras un planeta vivible"

Rosabel Candal. Santiago.

O politólogo galego, escritor profesor titular de Ciencias Políticas e da Administración da Universidade Autónoma de Madrid Carlos Taibo protagonizou onte en Lugo unha das conferencias máis salientables da xornada "Cultura e territorio" organizada por Adega. Na súa ponencia, abordou a chamada "Teoría do decrecemento", dentro dunha serie de actos cos que a asociación ecoloxista pretende trasladarlle á sociedade galega a necesidade de frear a desfeita territorial que padece o país e de procurar unha alternativa sustentable de ordenación que conciba o territorio como un valor patrimonial e cultural que debemos de protexer.
En que consiste a teoría do decrecemento?
A teoría do decrecemento parte ­dunha crítica do crecemento económico, que non é esa fonte de benestar que nos retratan por todas partes e considera, alén diso, que estamos moi atrás no desenvolvemento das posibilidades ambientais dos recursos do planeta. Agrega que temos que reducir nos países ricos os niveis de produción e de consumo na certeza de que iso non se debe de traducir nunha redución do noso benestar. Por dicilo doutra maneira, podemos vivir moito mellor con menos do que temos agora, e asume en derradeiro termo unha crítica do capitalismo imperante que parece partir da presunción de que vivimos nun planeta de recursos ilimitados, algo que os feitos desmenten constantemente.
Podemos vivir mellor consumindo menos cousas, pero, que pasaría coa economía?
O que habería que preguntarse e que é a economía. Do que temos que falar é de persoas. O incremento dos niveis de consumo é interesante fundamentalmente para os capitais e sospeito que non é o interese fundamental das persoas normais que a miúdo están inseridas nunha especie de modo de vida escravo que fai pensar que seremos máis felices cantas máis horas traballemos, máis diñeiro gañemos e máis bens acertemos a consumir. Creo que estamos obrigados a romper as ilusións ópticas que se derivan desa maneira de razoar.
Que beneficios traería para a humanidade este novo sistema e modo de concepción vital?
O primeiro que temos que facer é preguntarnos se podemos seguir vivindo así. A miña resposta é que non. Antes de preguntarnos polos beneficios, a miña idea é que temos que respectar os dereitos das xeracións vindeiras e entregarlles a estas un planeta vivible. Alén diso, en termos individuais, traballariamos moitas menos horas, desfrutariamos de moitas máis posibilidades de ocio, reducindo eses niveis a miúdo completamente desbocados de consumo que se nos impoñen por todas partes da man fundamentalmente da publicidade e da caducidade coa que son producidos moitas veces os produtos.
Que é o que nos levou a estar instalados nesta sociedade tan consumista e centrada na produción?
A resposta é sinxela: a lóxica de fondo do capitalismo, que reclama un crecemento ilimitado e que reclama que a lóxica do consumo impere sobre todo o demais. Supoño que neste caso cómpre falar máis ben da civilización capitalista que exclusivamente do propio capitalismo porque é verdade que a lóxica correspondente penetrou de maneira moi forte nas nosas cabezas.
Coa actual crise económica, estase demostrando que o culpable é o capitalismo?
Creo que o capitalismo é un sistema que historicamente demostrou ­unha formidable capacidade de adaptación ós retos máis diferentes. A gran pregunta hoxe é se non ten perdido os mecanismos de freo que no pasado permitiran que salvase a cara. Se levado, por dicilo doutra maneira, dun impulso polo que parece incontible e encamiñado a acumular beneficios espectaculares nun período de tempo moi breve non estará a cavar a súa propia tumba e pode ser infelizmente a tumba de todos.
En que lugares ou que exemplos hai de aplicación da teoría do decrecemento?
Eu falaría de varias circunstancias. A primeira é a apertura de espazos de autonomía onde se aplican regras de xogo diferentes das imperantes no sistema capitalista. Estou pensando, por exemplo, nos grupos de consumo ecolóxico. A segunda das posibilidades é a que ofrece un movemento moi vivo no mundo anglosaxón que é o das chamadas cidades en transición, que están a procurar recuperar a súa vida local e están intentando reducir significativamente os seus niveis de consumo e fundamentalmente os niveis de consumo de enerxía. E a terceira demostración son moitas das prácticas históricas dos pobos dos países do sur que parecen asumir regras de xogo afortunadamente diferentes das que nós desenvolvemos, por exemplo, iso que en boa parte de América Latina empeza a chamarse o "buen vivir", creo que reflicte con claridade moitas das regras de xogo que reclama o decrecemento.
En Galicia concretamente, estamos ante un alto nivel de degradación do territorio?
Estamos. E ademais o noso ecosistema é singularmente delicado. Debo agregar porén que en Galiza temos algunha vantaxe como é certo grado de preservación, a pesar de todo, da vida rural, o que pode facilitar esforzos de descomplexificación da nosa sociedade e se cadra non é un dos países do norte peor dotados en materia de posibilidades subxectivas de decrecemento.
Cara a onde deberían de ir as políticas para poder aplicar esta teoría aquí?
Debo confesar que non creo na política tradicional e que sospeito que teñen que ser os movementos sociais de base os que procuren botala adiante con proxectos desta natureza. En calquera caso, no ámbito teórico temos que privilexiar a vida social fronte á lóxica da produción e da competitividade do consumo, temos que afortalar o ocio creativo lonxe da mercantilización, temos que repartir o traballo, temos que reducir o tamaño de moitas das infraestruturas produtivas, administrativas e de transporte, temos que recuperar a vida local fronte á lóxica desvocada da globalización e no ámbito individual temos que propiciar fórmulas que garantan a sinxeleza e a austeridade.
A sociedade está concienciada disto?
Con toda evidencia non. A sociedade prefire ollar cara a outra parte ou no seu caso ignora cales son os retos que se lle poñen enriba da man; por exemplo, co petróleo, coa mudanza climática, coa crise demográfica, ou co expolio dos recursos humanos nos países máis pobres.

Nenhum comentário: