Esta semana testemuñamos dúas reaccións moi diferentes fronte á débeda europea. Nun extremo de Europa, electores de Islandia decidiron unha vez máis non aceptar os termos de pagamento dos seus "acredores", os gobernos británico e holandés, logo do colapso de bancos islandeses en 2008. No outro, Portugal está a ser empurrado cara ao camiño da terapia de choque pola Unión Europea, co pobo dese país excluído dun proceso que mudará a súa vida de xeito dramático.

O pobo de Islandia non tivo unha reacción automática. As persoas alí son ben conscientes de que o rexeitamento a pagar a curto prazo é o camiño menos doado a adoptar. Un inminente proceso xudicial por parte do Reino Unido e de Holanda, a reacción negativa dos mercados de crédito e o ameazado bloqueo á súa entrada como membro da UE cobrarán a súa peaxe.
Mais para o pobo de Islandia a ortodoxia de como se supón que os países deben tratar de débedas non é simplemente enrevesada, é profundamente inxusta, distribuíndo de modo non razoábel poder e riqueza dentro e entre as sociedades. O elector de 28 anos Thorgerdun Ásgeirsdóttir dixo: "Sei que isto probabelmente nos prexudicará internacionalmente, mais paga a pena tomar unha posición".
Nenhum comentário:
Postar um comentário