29/06/2011

11 obviedades para revitalizar a esquerda en Galicia: política aberta e profundización democrática.

Teses sacadas de aqui.

1. Política como esperanza de transformación
Recuperar a política como unha actividade nobre, como a maneira democrática que ten a cidadanía para a transformación colectiva da realidade. A esquerda precisa un proxecto ambicioso de cambio para a maioría da sociedade, que conxugue visión de futuro con melloras da realidade presente. Comprender a acción política como capacidade transformadora, en canto poder para o cambio e a emancipación social: velaí a nosa verdadeira paixón. O medo á dereita non é ningunha proposta, xa que as forzas políticas deberan pensarse alén de instrumentos para gañar eleccións. Non somos alternancia, somos alternativa para o cambio social.

2. Democracia como soberanía cidadá
O pobo debe ser quen máis ordena, pois a cidadanía é a depositaria última e primeira da soberanía. A democracia atende ao exercicio lexítimo do poder, polo que non debemos consentir a interferencia ilícita sobre os gobernos e demais institucións democráticas e menos aínda que os representantes políticos actúen ao mandato de poderes económicos, mediáticos ou doutros intereses máis ou menos espurios. Urxe mudar a presión que sobre os gobernos democráticos esercen os lobbies, para tirar beneficios privados, por outra presión cidadá para acadar o ben común. A forza da xente é moi grande, a implicación da cidadanía en proxectos ilusionantes ten unha enorme capacidade de transformación social. As forzas e os gobernos de esquerda deben procurar alianzas coa maioría social e co conxunto da cidadanía para conseguir avances sociais.

3. Primeiro a xente
Mellorar a calidade de vida da xente -da maioría da sociedade- ten que ser o obxectivo primordial da acción pública, non da cidadanía abstracta senón das persoas concretas. As metas das institucións públicas deben orientarse cara aos principais focos de preocupación social: garantía dun traballo decente, servizos públicos de calidade, igualdade de oportunidade reais e desenvolvemento dunha vida digna. Deben disponibilizarse os recursos públicos para acadar os obxectivos que determinan a maioría dos/as cidadáns/ás e valorar as institucións democráticas tamén polos seus logros na mellora social, establecendo sistemas de rendición de contas sobre a efectividade da súa acción. A esquerda debe apostar polo desenvolvemento humano, conxugando a prosperidade material coa construción dunha sociedade máis xusta de cidadáns/as libres e iguais, onde a dignidade, a fraternidade e a responsabilidade compartida sobre o planeta sitúen as persoas como protagonistas do cambio da súa realidade inmediata e do conxunto da humanidade.

4.Defensa da res publica
Debemos apreciar, reivindicar e reinventar o valor do público. O Estado do benestar é unha garantía para o exercicio de dereitos que fan efectiva a igualdade de oportunidades, ao tempo que contribúe a unha sociedade avanzada na que a maioría contribúe á prosperidade xeral e se beneficia dela. Debemos xerar marcos de interpretación que reforcen a importancia dos servizos públicos na redistribución e conformación dunha sociedade inclusiva, pero tamén na contribución ao seu desenvolvemento global. A esquerda debería evitar facer unha defensa vergonzante do público, que ás veces semella unha defensa inercial das burocracias existentes ou unha vindicación de intereses corporativos dos seus traballadores, afirmando pola contra a política como resposta compartida aos problemas sociais e o público como o ben común que contribúe a unha sociedade máis xusta, máis próspera, máis avanzada e máis libre.

5. Política aberta
Unha concepción avanzada da democracia debe situar os/as cidadáns/as como protagonistas da política, o que significa abrir as institucións públicas á participación, para que o pobo sexa partícipe do seu goberno. A democracia é un exercicio para todos os días, non unha excepción a cada catro anos. A xente ten ideas, criterio e capacidade de acción e debe ser atendida na definición dos obxectivos e das preferencias públicas. A democracia avanzada é máis que gobernar sobre e tamén gobernar con toda a cidadanía. Afondar na democracia significa mellorar os sistemas de representación e completalos con formas de participación directa e de deliberación sobre os asuntos públicos; neste sentido, as posibilidades que se abren na sociedade da información son enormes. A desafección non consiste tanto en que os políticos e as institucións non cheguen á xente como en que a cidadanía a penas chega a eles para influír nas cousas que lle son relevantes e, como consecuencia, non son quen de apropiarse dos espazos democráticos.

6. Calidade democrática
Precisamos fórmulas de innovación democrática que favorezan o exercicio directo da soberanía cidadá. Mellorar a representación para que haxa un maior vínculo entre representantes e representados, así como unha maior correspondencia entre votos e representación que recolla mellor a pluralidade existente na sociedade. Neste sentido teñen especial importancia as fórmulas tendentes a eliminar as desigualdades de xénero, condición inescusable para que a democracia sexa realmente inclusiva. Por outra parte, nin o público se reduce ao Estado nin a política aos partidos, e por tanto a democracia non debe limitarse ao xogo das forzas políticas e á súa confrontación electoral. Responsabilizar o conxunto da sociedade no goberno do común reforza e profundiza a democracia, pero tamén empodera ás/aos cidadás/ns, contribuíndo a construír unha democracia máis avanzada, unha sociedade máis libre e dona de seu. Debemos resocializar a política e repolitizar a sociedade.

7. Decencia política
Ha de garantirse que os servidores públicos traballen en favor do interese xeral. Deben establecerse mecanismos de transparencia e penalización que erradiquen a corrupción e o aproveitamento ilícito dos recursos públicos por parte das persoas ou forzas políticas. Os cargos públicos non deben dispoñer de ningún privilexio particular fóra do necesario para o exercicio do ben común. Debemos definir procedementos políticos que preveñan a corrupción, favorezan a renovación democrática e aireen as institucións, establecendo mecanismos de limitación de cargos e acumulación ou permanencia nos mesmos, ben como definindo réximes de incompatibilidade tanto nos cargos públicos como orgánicos das forzas políticas.

8. Organizacións abertas
A política aberta precisa organizacións abertas, accesibles, que teñan capacidade de empatía, de poñerse na pel da xente á que se dirixen, pero sobre todo é necesario establecer unha comunicación fluída coa respectiva base social e co conxunto da cidadanía. Os puntos de orientación son esquerda e dereita, pero tamén dentro e fóra, arriba e abaixo: as organizacións políticas deben repensarse para abrirse á súa base social, electoral e ás entidades da sociedade civil, desde a autonomía e a confianza. As forzas políticas deberían facer da democracia interna e da relación coa sociedade un exemplo do vínculo goberno-cidadanía, ideando canles e fórmulas que permitan facer partícipe a súa base social da conformación da súa vontade colectiva. As forzas políticas tenden a pensar na súa militancia e base social como axentes de propaganda, en vez de concibilos como activos para a construción dun proxecto compartido.

9. Mentalidade aberta e colaborativa
Son moitas e diversas as fontes que deben contribuír na definición das políticas de esquerda, como distintas son as tradicións políticas e as ideas emancipadoras procedentes dos movementos sociais. A pluralidade debe ser un valor constitutivo dos proxectos emancipadores, recollendo a riqueza de ideas e de posibilidades de acción existentes na sociedade. O conxunto da esquerda alén das forzas partidarias debería desenvolver procesos de intelixencia colectiva e enerxías de cambio social que favorezan a innovación política. A política da sociedade do coñecemento debería ser de código aberto, activando dinámicas colaborativas que permitan mobilizar ideas, vontades e enerxías na conformación de alternativas participativas e cribles para a sociedade. A intelixencia colectiva e a cooperación son bases esenciais do ben común do século XXI.

10. Comunidade aberta
Queremos contribuír á construción colectiva de Galicia como un suxeito político autónomo, unha comunidade nacional que debe ser referencia política principal. Comprendela como un espazo de comunicación e cultura, unha comunidade aberta que quere xogar un papel no mundo. A esquerda en Galicia debe incorporar as diversas tradicións do galeguismo na conformación dos seus proxectos de futuro: entender a comunidade cultural como un ben común é básico para a nosa dignidade e autoestima colectivas, ben como para o exercicio da liberdade, da igualdade e da irmandade. Por outra parte, a esquerda debe contribuír a conformar alternativas nos diferentes niveis de goberno, nomeadamente o local, o nacional, o estatal, o europeo e o mundial: afianzar vínculos fluídos con diversos movementos políticos en cada nivel é clave para acadar os nosos obxectivos, porque son ámbitos para a solución dos nosos problemas mais tamén porque temos vontade de construír un mundo máis xusto e sustentable no que coincidimos cos anhelos de boa parte da humanidade.

11. Sustentabilidade
Nun mundo cada día máis pequeno e cuns recursos limitados, a cuestión da sustentabilidade económica –que implica a sustentabilidade ambiental pero tamén a sustentabilidade social– debe deixar de ser unha abstracción recorrente e benintencionada para converterse nunha directriz central da reflexión e da acción política. De non lle darmos unha resposta acaída, a crise ambiental afectará de xeito cada vez máis directo a nosa vida tanto no plano colectivo como no individual, polo que xa non só se trata de antepoñer as persoas sobre os mercados, senón tamén de antepoñer o equilibrio medioambiental e o xusto reparto dos recursos dispoñibles sobre a lóxica da produción a toda costa e do consumo polo consumo.

Coda
As forzas políticas ata o momento non fixeron máis que incorporar de diversas formas a retórica sobre o protagonismo cidadán na democracia, pero do que se trata é de que o asuman e apliquen de xeito efectivo. Os valores nos que debe asentar unha política de esquerdas non son apelacións abstractas, senón principios ético-políticos que deben ser parte constituínte da súa estrutura e práctica política, tanto a nivel interno como na súa relación coa cidadanía.

Nenhum comentário: