En recentes entrevistas motivadas polo seu merecido Premio Trasalba, o meu vello amigo e en tempos camarada de "noviciado" universitario, Ramón Lorenzo, referiuse con certa insistencia ao "gran mal que lle fixo á lingua" galega o profesor Ricardo Carvalho Calero no período auroral da Autonomía, mesmo até consideralo "o culpable deste tremendo problema que tivemos co galego" -por mor da lea antre "oficialistas" e "reintegracionistas" acontecida nos anos oitenta verbo da normativización do noso idioma. Coido eu que, tanto no plano sociolingüístico canto no ideolóxico e máis no político-institucional, están moi claras as causas, os causantes e os "culpábeis" dos andacios padecidos outrora e aínda arestora polo noso idioma, e que incluír nese bando a "don Ricardo" constitúe cando menos unha grave deformación da realidade. Porén, non quero -eiquí e agora- entrar en polémica. Si, en troques, ofrecervos a miña visión vivencial de aquil rexo, insubornábel e entrañábel loitador a prol da cultura, o idioma e os dereitos políticos soberanos do seu povo, e máis algunhas claves seica esquencidas da xestación do "problema Carvalho". Limítome a transcreber a seguida o que lles eu contara a Miguel Anxo Fernán Vello e Francisco Pillado hai xa un decenio, cando andabamos a elaborar o noso segundo libro de conversas. Veloeiqui.
*****
"Eu tiña unha admiración plena pola figura de Ricardo Carvalho Calero en todas as súas facianas e proxeccións, tanto a intelectual como a literaria, e tanto a biográfica como a da súa personalidade humana, que me resultaba fascinante e conmovedora. Admiración e simpatía, profunda simpatía, e mirade que para moita xente que valoraba a apreciaba a Carvalho resultáballe calquera cousa menos simpático. Mais a min suscitabame simpatía, eu empatizaba coa súa fasquía, co seu aquel adusto e cerimonioso na aparencia de "scholar" británico tópico, que ao cabo era unha protección externa da súa grande timidez. ¿Coñecedes a anécdota acontecida ao remate da súa oposición á cátedra de galego?. É reveladora. A min contárama daquela algunha testemuña presencial. É [era] habitual que cando o tribunal procede a votar o faga en presenza dos opositores e do público asistente, e que a seguida o candidato elixido estreite a man dos membros do tribunal, que o felicitan e el dá as grazas: é a liturxia final da oposición. Cando foi o caso de Carvalho, Ricardo foi estreitar as mans e recibir os parabéns, conforme a esa liturxia, mais non dixo "grazas" a ninguén. A insólita expresión que utilizou foi: "Magnánimos señores!". Só a Ricardo Carvalho Calero podía ocorrérselle verbalizar dese xeito a súa emotividade nunha situación como ésa.
"A min conmovíame a súa sobria afouteza moral, e non só por coñecer o estoicismo co que aturara tantos malos tratos e tanta marxinación e tanta amargura que lle fixeran padecer os fascistas, senón tamén pola personalidade que destilaba a súa simple presenza, aquel seu saber estar onde e como debía intelectual e moralmente estar sen a menor estridencia, pero cun peso específico que se percibía como percibes o dunha peza de metal nobre sen tan siquera teres que collela na man nin apalpala. E é curioso, porque, a diferenza doutras persoas desas xeracións inmediatamente seguintes á Xeración Nós, a Ricardo eu non o coñecin de neno, senón xa na miña adolescencia e máis aínda xa na miña mocidade, e aínda así "tuteábao" como a del Riego ou Piñeiro, que con todo eran máis novos. Non o coñecin cando neno porque [el] non vivía en Santiago nin en Vigo, que son as cidades onde se desenvolve primordialmente a miña nenez, mais tamén porque meu pai, que coñecía e tiña amizade con Carvalho dende os tempos do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista na República, non mantiña relación frecuente con el. Coido que Carvalho é a única das personalidades senlleiras do universo cultural e político do galeguismo-nacionalismo que coñecín primeiro polos seus escritos que en persoa. Meu pai tiña prácticamente todo canto libro se editara en galego antes da Guerra Civil, e polo tanto, tiña a obra poética de Carvalho publicada nos anos trinta. Mais tamén estaba subscrito a Bibliófilos Galegos, e alí editárase A xente da Barreira, que eu lin cando saíu, sendo aínda un adolescente.
"Durante os anos 50 eu vexo a Carvalho moi episódicamente. É con posterioridade cando empezo a ter máis relación con el, e xa moito máis dende o momento en que se fai cargo da primeira Cátedra de Lingua e Literatura Galegas. Pero é nun período no que tamén hai un distanciamento e mesmo unha ruptura constantemente acentuada entre Carvalho e o grupo galaxián, sobre todo con Piñeiro. Piñeiro comentaba ás veces que Carvalho Calero estaba "neura" ou que estaba "tolo", nun senso figurado, naturalmente. Pero ¿por qué facía esa afirmación?. Pois porque, segundo el, Ricardo empeñabase en converter o ensino do galego nunha disciplina odiosa. Dicía que era moi duro coa xente e que tiña que facer da materia algo que fose agradábel e atractivo para a xente. Noutras palabras, facer proselitismo ou, se cadra, unha especie de "maría" que resultase simpática.
"Eu non estou en condicións de calibrar en que medida o xeito de entender e practicar a docencia Carvalho podía dar pé a este tipo de comentos -que, polo demáis, se facían en privado, ou cando menos eu non os escoitei en presenza de persoas que non pertencesen ao círculo de confianza-, porque nunca asistín a ningunha sesión de aulas de Carvalho Calero. De xente que foi alumna súa teño escoitado opinións variadas, mais todos os que foron alumnos seus e máis tarde mostraron valía como filólogos, especializados ou non en galego, adoitan falar moi positivamente das ensinanzas recibidas de Ricardo. Pero quero sinalar, porque fun testemuña presencial, algo que bota máis luz e aporta máis claves sobre o que estaba a acontecer na relación entre Carvalho e o grupo de Piñeiro que calquera outro comentario. É o seguinte. Carvalho era un out-sider na universidade de entón, e mesmo, para a xente máis conspicuamente pertencente ao stablishment académico-universitario, resultaba simplemente un intruso. Carvalho tiña a carreira de letras ademáis da de dereito, como é sabido, con titulacións anteriores á Guerra Civil. Mais non chegara á cátedra de galego na Facultade de Letras compostelán a través do curriculum usual, e mesmo obrigado, para facer carreira docente na Universidade de entón, e tamén na de agora: formarse dentro dalgunha das "escolas" encabezadas por calquera das autoridades académicas nos eidos da filoloxía románica, que "naturalmente" radicaban en Madrid ou Salamanca. Por outra banda, cando se dota a cátedra de galego que gaña Carvalho, non se insire na creación dunha sección de filoloxía galega na Facultade de Letras compostelá -iso acontecerá anos máis tarde- senón como unha disciplina incrustada na licenciatura de Filoloxía Románica, sen máis, como unha insuíña arrodeada do español por todas partes. Pois ben, dende que chega[ra] de catedrático á Facultade de Filoloxía Constantino García, que non era galego nin se formara sequera inicialmente en Galiza, o círculo galaxián, e nomeadamente Piñeiro e García-Sabell, comeza[ra] a desenvolver unha operación de captación de Constantino, de asiduo cultivo do seu ego, que axiña desemboca[ra] nun notorio proceso de promoción deste personaxe nos medios culturais e intelectuais do galeguismo de entón. E, por suposto, esa promoción faise primordialmente nos medios estudantís, a través dos mozos e mozas que frecuentaban a Piñeiro. Eu teño presenciado, e mesmo participado en conversas de Piñeiro con Carlos Casares, arredor da famosa "mesa camilla", cando Casares aínda era estudante, que tiñan todo que ver co que estou a dicir. A operación, en si mesma, tiña un sentido comprensíbel e mesmo encomiábel, dentro dunha estratexia de política cultural galeguista nunha institución tan colonial e refractaria á cultura galega xenuína como a Universidade: tratábase de establecer nela cabezas de ponte para chegar a conquistala e galeguizala. Mais axiña derivou, en detrimento de Carvalho, nunha posta en contrastación de Carvalho, o out-sider indíxena, con Constantino, o pied-noir con pedigree académico comme-il-faut. E sobre todo, acabou axiña por derivar nun corrosivo e soturno proceso de deterioro do prestixio e da solvencia científico-intelectual da obra de Carvalho, tanto no eido da gramática -a súa pioneira Gramática elemental do galego común [1ª edición: 1966]- como no da análise literaria. Iso foi algo que considerei inxusto, desleal e inaceptábel dende que me decatei, e que me empurrou a unha posición moralmente solidaria con el. É a partir deses momentos cando paso a ter máis sintonía e a manter unha relación máis estreita con Carvalho, unha relación que xa non é compartida no ámbito do círculo galaxián e que se fai cada vez máis densa, até termos ambos a peripecia da Academia, que xa é dabondo coñecida."
*****
Hoxe, dez anos despois de ter dito o que antecede, reitéroo ao pé da letra. E inda engadiría máis en honra e louvanza do meu vello amigo, mestre de meu en tantas cousas, e compañeiro solidário en idearios e combates emancipadores, que foi Ricardo Carvalho Calero -porque sempre detestei a utilización de "chivos expiatorios" pra eludir as proprias responsabilidades en problemas de calquera caste
.
Nenhum comentário:
Postar um comentário