23/08/2011

Lidia Senra e Isabel Vilalba presentan en Galiza a I Declaración Europea pola Soberanía Alimentaria

* Tomado do SLG (aquí).



Lidia Senra e Isabel Vilalba Seivane, do Sindicato Labrego Galego, ofreceron hoxe, 22 de agosto, unha rolda de prensa para dar conta do que deron de si os cinco días que durou o Foro Europeo de Soberanía Alimentaria, celebrado na localidade austríaca de Krems entre o 15 e o 21 de agosto.
No Foro de Krems, preto de 400 delegadas e delegados, pertencentes a 120 organizacións sociais de 34 estados europeos, comprometéronse a fortalecer a súa capacidade mutua para reclamar un control da cidadanía sobre os sistemas alimentarios, para enfrontarse ao sistema agroindustrial e para expandir e consolidar un movemento europeo forte en favor da soberanía alimentaria, que é o dereito que ten cada pobo a producir os seus propios alimentos e a definir democraticamente as súas políticas agrarias.
Senra e Vilalba participaron en todos os debates do foro, nos que se falou dos impactos das políticas europeas e globais de hoxe en día. Os e as participantes desenvolveron unha ampla alianza e un conxunto de principios para acadar a soberanía alimentaria en Europa. O foro subliñou a achega da xente moza, das mulleres e dos produtores e produtoras de alimentos, cuxas preocupacións, de cotío, non son tidas en conta.
A diversidade e a riqueza das experiencias permitiu ao Foro Europeo de Nyéléni 2011 identificar un marco común e definir un plan de acción conxunto, baseado nun proceso democrático e participativo, que se concretou na primeira Declaración Europea pola Soberanía Alimentaria (achégase o documento íntegro) que senta as bases do traballo futuro de todas as organizacións participantes de cara a que a soberanía alimentaria se converta nun piar fundamental das políticas agrarias e alimentarias de todos os pobos da terra.
A declaración proclama o convencemento de que “unha mudanza no sistema alimentario é o primeiro paso cara a un cambio máis amplo nas nosas sociedades”. As persoas delegadas do foro comprometéronse cunha activa e definitiva participación no sistema alimentario mediante:
  1. O traballo dirixido a un modelo de sistema alimentario sostible ecoloxicamente e socialmente xusto, baseado en pequenas explotacións e modelos de transformación e distribución alternativo de alimentos non industriais.
  2. Facendo local o sistema de distribución de alimentos, coa creación de circuítos curtos de comercialización e o fortalecemento da relación entre produtores e produtoras e a cidadanía en xeral.
  3. A través da mellora das condicións sociais e laborais, en particular no campo da alimentación e da agricultura.
  4. A través da democratización da toma de decisións sobre o acceso aos bens comúns (a terra, a auga, o aire, as sementes, a biodiversidade, o coñecemento tradicional e as razas gandeiras).
  5. Asegurando que as políticas públicas garantan a todos os niveis a vitalidade do medio rural, prezos xustos e estables para as persoas que producen alimentos e, en xeral, unha alimentación sa e libre de organismos modificados xeneticamente para toda a cidadanía.
Nesta época de déficit democrático e de crise económica e social, as delegadas e os delegados do foro de Nyéléni coincidiron á hora de defender os dereitos das persoas a definir os seus propios sistemas e políticas agrícolas e alimentarias, sen prexudicar á xente ou aos nosos escasos e prezados bens comúns, segundo os principios da soberanía alimentaria.
É por iso que esiximos soberanía alimentaria xa!

Nenhum comentário: