16/09/2011

Carta a deputados e senadores

Vicenç Navarro. Artigo tirado de Fírgoa (aqui) e traducido para o galego por nós.
Senadores do PP facendo bo o refrán español "moito ruído e poucas noces".

Querido deputado e/ou senador das Cortes Españolas:

Hai uns días, antes de que as Cortes aprobasen a reforma constitucional e a Lei Orgánica que a complementa, escribinlle unha carta en que, considerando a enorme importancia da medida que se ía a discutir nas Cortes españolas, pedíalle que no caso de que se aprobase, vostede permitise co seu voto que tal medida fose sometida a un referendo para a súa ratificación, tal e como recolle o artigo 167.3 da Constitución. Colguei tal carta na rede e, coa axuda de Actuable, en poucos días case 150.000 cidadáns engadiron a súa firma a tal petición. Desde entón, a resposta foi enorme. E as enquisas mostran que a gran maioría da cidadanía española é partidaria de que haxa un referendo que lle permita non só dar a súa opinión, senón decidir sobre tal medida, pois, como sinala a Constitución, tal referendo sería vinculante.

Agora, cando a reforma constitucional foi aprobada polas Cortes, é máis necesario que nunca que sexa referendada (ben aprobada, ben rexeitada) pola cidadanía española da cal deriva todo o poder que teñen as Cortes na súa responsabilidade delegada. Cando un cidadán vota a unha opción política, faino en base ao seu programa electoral. Se unha medida de tal envergadura é aprobada por maioría nas Cortes por membros de partidos políticos, cando ningún deles propuxera esta medida no seu programa electoral, esta débese ser referendada pola cidadanía. Ten que ofrecérselle a esta unha oportunidade para expresar o seu desexo e mandato, pois forzándolle só a que exprese a súa oposición ou aprobación a tal medida nas próximas eleccións é (espero que vostede estexa de acordo) ter unha visión excesivamente limitada e reduccionista do que é democracia. O escaso desenvolvemento de referendos en España, non só a nivel central, senón tamén autonómico e local, parece reflectir un temor á cidadanía que non pode xustificarse, como o fixo un dos escritores da Constitución nunhas declaracións recentes, en base a querer evitar o exemplo dos plebiscitos durante a ditadura. A homologación de referendos en democracia con plebiscitos baixo a ditadura é, ademais de ofensivo para a democracia, ignorar e/ou confundir a enorme diferenza entre participación cidadá nunha democracia e imposición dunha medida gobernamental nunha ditadura.

Por iso é polo que non permitir á cidadanía que decida nunha materia de tal transcendencia é contribuír á percepción, amplamente sostida, de que existe unha enorme distancia en España entre os gobernantes e os gobernados. Vostede lería que, segundo as enquisas, a clase política é o terceiro problema que a poboación española indica que existe en España. Admitirá, pois, que iso é un síntoma de que algo non funciona suficientemente ben na nosa democracia, percibíndose aos representantes limitados na súa representatividade, excesivamente influenciados por intereses alleos aos da cidadanía á que representa. A toma de decisións agora que afectan enormemente á vida dos cidadáns, sen telos consultados, sería un erro enorme que aumentaría, aínda máis, esta distancia entre gobernantes e gobernados que, segundo a cidadanía, existe na insuficiente e limitada democracia española.

A democracia custou moitísimo en España. A democracia non foi, como sectores conservadores sinalan, unha democracia outorgada, senón unha democracia gañada pola presión popular. Custou moito chegar onde estamos e non podemos permitirnos que se desacredite e se deslegitime a democracia existente. Cando vostede vote, nun momento histórico, para permitir que haxa ou non un referendo, pense por un momento nos miles e miles de españois fusilados, torturados, prisioneiros e exiliados para que vostede teña a honra de representar ao pobo español. Pero esta honra leva responsabilidades. E unha delas non pode ser que vostede vote en contra de permitir ao pobo español que sexa consultado e sexa el o que decida.

Permítame, por último, unha nota de aclaración que incluín no preámbulo da miña carta anterior. Algúns defensores da medida aprobada negan que, en si, a redución do déficit do Estado que se esixe na medida aprobada afecte negativamente o Estado do benestar dos españois. Pero a experiencia histórica mostra que iso será así. Cando as Cortes españolas decidiron a integración de España na eurozona, acordouse levar a cabo o mandato de Maastricht, que esixía que o déficit público do Estado fose menos dun 3% do PIB. En si, esta medida non tiña por que afectar negativamente ao benestar da poboación española, pois a redución do déficit non ten por que diminuír o gasto público (a maioría do cal é gasto social) ou mesmo evitar a súa expansión. Os impostos, por exemplo, poden aumentarse, reducíndose o déficit, e, se os ingresos ao Estado increméntanse notabelmente, pódese, mesmo, aumentar o gasto público social.

Isto é a teoría. Pero, na práctica, a solución que se escolleu foi reducir o gasto público, incluíndo o social. España, que tiña e continúa tendo o gasto público social por habitante máis baixo da UE-15 en 1993, cando se iniciaron as medidas de redución do déficit, viu aumentar o seu déficit de gasto público social (medido pola diferenza existente de gasto público social per cápita entre España e a media da UE-15) dunha maneira moi notábel. E o mesmo está a ocorrer agora. Por iso é polo que tal medida impedirá corrixir o enorme déficit social de España. É probable que vostede teña outra opinión sobre iso. E respecto a súa postura. Pero non pode negar a necesidade imperioso nunha democracia de que tal medida se debata e sexa aprobada pola cidadanía da cal deriva a súa poder delegado. Espero que nisto estea de acordo.

Atentamente.

Nenhum comentário: