O Encontro Irmandiño propón ao BNG un programa rupturista para a recuperación da soberanía popular e en defensa da democracia.
Respecto das listas, o EI só quere deixar claro que non participou na proposta das mesmas presentadas ao Consello Nacional pola Executiva.
Debemos ir ás eleccións nas mellores condicións para ofrecer á cidadanía unhas candidaturas e programa que ilusione e convenza de que a ditadura neoliberal non é invencíbel, que non so imos defender senón tamén facer, e que a batalla ineludíbel e inmediata de calquera galego ou galega demócrata é evidente que é para a recuperación da soberanía popular no Estado Español e da soberanía nacional no noso País.
É preciso dicir claramente á cidadanía que non queda outra que esixir un proceso constituínte autenticamente democrático para nós e as outras nacións do Estado porque desta a "creba" xa a fixeron PP e PSOE ao constitucionalizar a ditadura neoliberal.
Valen todas as liñas básicas propostas para o programa electoral (do BNG), ás que propoñemos engadir como explicación o que xa dixo o BNG hai perto de 20 anos sobre o Tratado de Maastricht, os acordos da IX Asemblea Nacional respecto do neoliberalismo e a mundialización e a soberanía alimentar.
Debemos falar con claridade e contundencia do modelo de estado dende unha posición republicana e soberanista galega; estado social de dereito e economía social de mercado; democracia participativa e control democrático do poder; da sustentabilidade socio-ambiental; a Europa social dos pobos e tamén da constitucionalización da neutralidade activa do Estado.
Hai que falar, na opinión do Encontro, de 'CREBA DEMOCRÁTICA' e propoñer constitucionalizar con garantías efectivas os dereitos da cidadanía e o carácter público de determinados bens e servizos.
Hai que falar, debidamente matizado e explicado, pero con contundencia de:
1. Democratización da empresa: participación de traballadores e traballadoras na dirección e xestión.
2. Auditoría da débeda pública e recuperación do aportado para salvar aos banqueiros.
3. Reversión ao dominio e xestión públicos das concesión feitas ao sector privado de infraestruturas, recursos, bens e servizos de interese público e /ou común.
4. Reconversión en públicas de corporacións e empresas privatizadas.
5. Regulación, imposición/taxación e control estritos dos mercados, intermediarios e fluxos financeiros e movementos de capitais, con especial rigor no tocante ás operacións especulativas.
6. Reconstitución do sector financeiro público e reversión das caixas de aforro á súa natureza orixinaria de entidades non capitalistas privadas.
7. Derrogación das sucesivas 'reformas' laborais, e establecemento e afortalamento, tanto na función pública canto no sector privado, dos marcos normativos reguladores do mercado laboral e dos reximes salariais a prol dos dereitos e garantías económicas e sociais na igualdade de xéneros e idades, a estabilidade e seguridade no emprego, a redución da xornada laboral, a cobertura do paro e das xubilacións, e a participación equitativa da forza de traballo no valor engadido e incrementos da produtividade.
8. Soberanía alimentaria e enerxética.
9. Políticas de defensa do campesiñado, revitalización das explotacións agrarias non capitalistas, recuperación e desenvolvemento sustentábel da economía e os ecosistemas agrarios, ordenación do territorio e fixación de poboación no medio rural a prol do seu desenvolvemento integral e do equilibrio demográfico, sectorial e territorial.
10. Políticas análogas ás do punto anterior para o mundo mariñeiro e a beiramar.
11. Políticas de promoción e equidade económica, fiscal e social para as formas de traballo autónomo e pequenas empresas, con fincapé nas formas cooperativas e de economía social.
12. Ordenación do sector comercial a prol da revitalización racionalizada do pequeno comercio fronte ao grande capital comercial e coa necesaria reforma do marco normativo dos arrendamentos e alugueres de locais comerciais.
Bandeiras que o BNG ergueu hai anos e hoxe son máis pertinentes que nunca.
A respecto das candidaturas lamentamos que o bipartidismo interno, UPG-+Galiza, regresen ás formas anteriores ao proceso preasemblear e sigan practicando exclusión democrática pero... exclusión ao fin.
Polo nosa parte o único que queremos deixar claro é que nin a Executiva, nin a UPG, nin +Galiza falaron connosco nin das listas nin do programa para elaborar as propostas que levaron ao CN.
Certo é que UPG e +Galiza teñen maioría máis que suficiente no CN, para facer o que mellor lle aconselle o seu sentido, pero tamén o é que, despois do que se ten falado da crise do BNG, da unión, da lealdade e da rexeneración, o razoábel sería que as cousas se fixeran doutro xeito.
Nenhum comentário:
Postar um comentário