O Goberno galego non só renovará licenzas que xa funcionaban, senón que mercará máis de 500 novas
A Xunta volve botar por terra a súa promesa de apostar polo software libre na Administración. Un dos obxectivos de Alberto Núñez Feijóo en campaña era potenciar os programas informáticos que poden xestionarse de modo gratuíto, en consonancia co seu discurso de austeridade. Porén, o Goberno galego publicou onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio para contratar o maior lote de licenzas de Microsoft da historia da Xunta da que hai constancia.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que depende directamente de Feijóo, investirá 4,7 millóns de euros (catro millóns máis IVE) en máis de 38.000 licenzas con cobertura ata maio de 2013, das que 556 serán novas.
Os programas, que chegan a ter un custo individual de ata máis de 6.000 euros anuais por renovalos e ata máis de 13.000 euros se son novos, estárán destinados a organismos de todo o Goberno autonómico, como as consellerías de Medio Ambiente, Economía, Cultura, Traballo ou Mar, Portos de Galicia, o Igape, a Secretaría Xeral de Emigración ou o Sergas. Só no caso da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica chegará financiamentos de fondos europeos, que a Xunta decide gastar en software de pago. O resto do financiamento será co propio orzamento das entidades do Goberno autonómico.
Ademais, segundo consta no prego de condicións do contrato, no que se especifican un por un os nomes dos produtos que só poden proceder de Microsoft, as licenzas serán pagas nun prazo de tres anos a partir deste, no que a Xunta dará medio millón de euros, aumentará en 2011 e aboará a maior contía, máis de dous millóns, no ano 2012.
Como exemplo, o Goberno galego gastará máis dun millón de euros nunhas 8.000 licenzas de Windows e Office, que poderían aforrarse empregando as alternativas libres como Ubuntu e OpenOffice, que serían gratuítas e que cada vez están a ser utilizadas por máis administracións públicas. Os programas de Microsoft non se adquiren para sempre, senón que son licenzas que se pagan co dereito a usar esas aplicacións durante un tempo, e ao cabo desa etapa é preciso pagar de novo pola súa aplicación.
A tramitación é urxente e a empresa adxudicataria terá un prazo de quince días para entregar os produtos desde a formalización do contrato. As propostas deben chegar antes do día 30 deste mes. No propio contrato, a Xunta pacta os prezos das licenzas comprometéndose xa a mercar un mínimo de novos produtos antes de 2013 ademais dos que adquirirá neste lote.
Desde a CIG-Autonómica criticaron onte que “con esta macro-adxudicación, o PP incumpre a promesa de implantar o software libre na Xunta, e en lugar de substituír os programas fechados polas alternativas libres equivalentes no mercado, non só renova licenzas, senón que mesmo acomete a compra de centos doutras novas”.
A CIG destaca, por outra banda, outro dato que revela o prego de cáusulas técnicas, o feito de que “persiste a dispersión de servidores nos distintos departamentos da Xunta, o que revela que outro dos obxectivos fixados polo Goberno de Feijóo, unificar a informática da Xunta nun único departamento, tampouco se está a cumprir polos responsables tecnolóxicos do PP, incapaces de facelo”.
O sindicato lamenta que a Xunta deberá pagar no futuro “novamente polos mesmos programas, cando sexan desactivados ao rematar o prazo contratado, para evitar que isto provoque a paralización dos servizos que deles dependen, como xa ten sucedido”. A CIG ve un “esbanxamento” a decisión do Goberno autonómico e ínstao a seguir o exemplo “doutras administracións públicas tanto autonómicas como estatais, que dese modo poden adicar eses cartos a investimentos produtivos”.
Nenhum comentário:
Postar um comentário