27/09/2011

Susan George desmonta as políticas de "austeridade" do FMI

Susan George. Artigo tirado de aquí (http://puntsdevista.wordpress.com/2011/08/12/susan-george-desmonta-las-politicas-de-austeridad-del-fmi/) e traducido para o galego por nós. Nin un só país mellorou coas políticas de austeridade do FMI. Susan George é Investigadora asociada e presidenta da Xunta do TNI e presidenta honoraria de Attac-Francia [Asociación por unha Taxa sobre as Transaccións especulativas para Axuda ao Cidadán].  Autora de 14 libros traducidos a numerosos idiomas, fala do seu traballo con convicción; unha convicción que comparte con todo o TNI: "A tarefa do científico social responsábel é, en primeiro lugar, desvelar esas forzas [da riqueza, o poder e o control]; en segundo lugar, escribir con claridade sobre elas (...) co fin de que as persoas correntes teñan instrumentos adecuados para a acción; e, por último (...) adoptar unha posición de defensa dos desfavorecidos, os desamparados, as vítimas da inxustiza".

A grande causa da crise da débeda: os gobernos asumiron as débedas de bancos privados, que estalaron coa crise financeira. A entrevista, realizada por Nick Buxton no Transnational Institute foi realizada en xullo, antes de que os especuladores se cebaran sobre o Estado español e Italia, polo que as preguntas céntranse no caso grego. No entanto, as palabras de George teñen plena vixencia e explican o contexto no que se dá a crise da débeda en Europa e, sobre todo, as súas raíces.

Vostede deuse a coñecer polo seu traballo sobre a crise da débeda nos anos oitenta e noventa. A de entón era unha crise dos chamados países en desenvolvemento, pero agora parece que está a afectar principalmente aos países desenvolvidos. Como o explica?

As causas da crise da débeda nos países do Terceiro Mundo non eran as mesmas que as de agora. Nos anos setenta, grande parte do diñeiro dos préstamos destinouse a armamento, ao gasto das clases medias e altas en importacións de produtos de luxo, ao crecente prezo do petróleo e a proxectos de desenvolvemento mastodónticos; é dicir, foi un gasto improductivo. Ademais, os Estados Unidos aumentaron de súpeto os tipos de interese, de forma totalmente unilateral, en 1981.

John Perkins, no seu libro Confesións dun gángster económico, afirma que se despregou unha política deliberada para endebedar e controlar ás economías en desenvolvemento. Trátase do seu testemuño persoal, que se debería corroborar con outras evidencias, mais sabemos sen dúbida que os países máis ricos utilizaron a débeda para conseguir precisamente iso: impor as condicións dos Estados Unidos e doutros países acredores, polas que se obrigou aos países en desenvolvemento a entrar na economía mundial en termos moi desfavorábeis. [Hoje vinhamos de conhecer que numha entrevista à BBC um membro de Goldman Sachs mofava-secom absoluta falta de vergonha na cara das populaçons de Eurolándia submetidas à chantagem do fascismo financeiro; Nota do blogger].

A grande causa da actual crise da débeda europea é que os gobernos asumiron as débedas de bancos privados, que estalaron coa crise financeira. O caso máis evidente é o de Irlanda, que asumiu a responsabilidade de todo o que debían os seus bancos, pero o mesmo sucede con todos os países que están agora en dificultades.

De feito, a débeda da maioría de países europeos é bastante modesta. A principios deste ano, o Reino de España só debía o 55% do seu PIB. Incluso o estrito Tratado de Maastricht di que un 60% está ben. Italia e Bélxica, por exemplo, están moi por encima do 100%. Pero moitos países onde se está predicando a mensaxe da austeridade, como Francia, non teñen ningún problema.

A xente tende a pensar -e é o que os medios lle din que pense- que a débeda dun fogar é o mesmo que a débeda dun país. Pero non é así. Unha familia non pode vivir moito tempo por encima dos seus medios, pero os países, especialmente na era moderna, sempre o fixeron. Os Estados Unidos non estiveron libres de débeda desde o século XIX. A idea de cero débeda nacional é unha total fantasía.

Evidentemente, o mellor é que, se pides un préstamo, invístalo de forma produtiva. E se tes demasiada débeda, acabas pagando demasiados intereses aos prestamistas. Porén a «débeda soberana», como se chama, non debería de ser un problema.

Cales cre que serán as consecuencias destas políticas?

As políticas europeas até a data están a ser desastrosas. Están a aplicar os chamados «remedios» que se impuxeron aos países en desenvolvemento nos anos oitenta, no que agora se coñece como «a década perdida do desenvolvemento». Os programas de austeridade que se están impondo a Grecia, Irlanda ou Portugal están directamente sacados do manual ultraliberal dos programas de axuste estrutural, punto por punto e coma por coma.

O resultado é unha feroz contracción desas economías, até un punto sen precedentes. Cando se impuxeron medidas como as privatizacións, os recortes salariais e a eliminación do gasto social en países realmente pobres como Níxer, estas traducíronse nunha fame negra e en moitísimas mortes. En Europa, temos algo máis de marxe, contamos con algúns coxíns. Porén a economía grega xa se reduciu en máis dun 5% este ano, o desemprego disparouse, os pequenos comercios están a afundirse e estase privatizando absolutamente todo.

É unha política criminal concibida para empuxar aos traballadores ao século XIX, para desfacerse dos beneficios sociais polos que a xente loitou durante moitas xeracións. Como sempre, os ricos escaparanse e o capital internacional vivirá días de gloria coas oportunidades que ofrecen as privatizacións. A xente corrente está a pagar o dobre pola crise financeira: primeiro para rescatar aos bancos e, agora, para sacrificar e arruinar aos seus propios países e medios de vida.

Que respondería a aqueles que din que a culpa é de Grecia e da súa incapacidade para controlar as finanzas públicas?

A xente di que os gregos non pagan impostos. E así é no caso dos ricos, que teñen moito diñeiro en Chipre, un paraíso fiscal moi conveniente. Segundo os datos dunha sociedade financeira suíza, só o 1% do diñeiro grego depositado en bancos suízos declárase en Grecia, e só o 3% no caso de Francia. Os gregos non están a xogar en solitario. Grecia tamén mantivo un orzamento militar relativamente alto. Mesmo cando Turquía -supostamente, o inimigo- propuxo unha redución conxunta do gasto militar, os gregos mostráronse en contra.

A Igrexa ortodoxa grega, principal propietaria de terras e bens inmóbeis do país, paga cero impostos, o cal non ten ningún sentido. Hai tamén unha gran economía mergullada. E cando o partido PASOK chegou ao poder, atopouse con que os seus predecesores amañaran as contas e minimizado todo o que debía o país.

A pesar diso, deberiamos lembrar que Grecia representa un mero 2% da economía europea. Non dá para xustificar esta incríbel crise ou drama. Alemaña e o Banco Central Europeo (BCE) non están a tratar o tema como unha cuestión económica de endebedamento e falta de pagamento, senón como unha obra moral na que hai que castigar aos gregos.

Mesmo se incluímos a Portugal e Irlanda, estamos a falar dunha pequena parte da economía da eurozona. Con o Estado español, as cousas empezan a porse máis serias, xa que representa en torno ao 11% da economía europea. E Italia? bo, ninguén quere sequera expolo.

Loxicamente, a austeridade só empeorará as dificultades económicas: menos ingresos fiscais, máis desemprego, baixos investimentos, unha maior economía mergullada, etcétera. Ademais dun tremendo sufrimento humano e un posíbel derrube do euro. Non houbo nin un só caso en que un país mellorase a súa situación coas políticas de austeridade do FMI.

Os economistas ultraliberais conseguiron eliminar toda a memoria histórica dos anos trinta, cando se utilizaron políticas keynesianistas para loitar contra a Gran Depresión. En lugar diso, vémonos enfrontados a un enconado problema de débeda, a unha economía estrangulada pola austeridade e a ningunha esperanza de recuperación.

Cre que Grecia debería declararse en quebra? Que alternativas debería de seguir Grecia?

Os gregos non poden pagar e entrarán en quebra. Xa o fixeron, pero ninguén o está chamando así. Despois de levar ao país ao bordo do precipicio, utilizarase algún apaño para disfrazar a realidade.

Se eu fose [o primeiro ministro grego] Papandreou, diría: «Non podemos pagar e non pagaremos». Despois, calcularía que porcentaxe desa débeda é «odiosa», un concepto xurídico que equivale a ilexítima, e que podería afrontar razoabelmente o país co tempo.

Despois, declararía que Grecia non pagaría un X% -digamos a metade, o 50%- da débeda, e proporía negociar con todos os bancos privados para determinar con que condicións se pagaría o resto: con prazos de vencimiento máis longos, menos taxas de interese, etcétera. Os bancos deberían elixir entre non recibir nada ou recibir o 50 por cento de algo. E lembremos que non teñen un Exército, así que non van invadir Grecia. E Grecia nin sequera tería que saír da zona euro porque os tratados non prevén disposicións para obrigar a un país a abandonala.

Está claro que as medidas provisionais non funcionarán en Irlanda nin en Grecia. Nin sequera estou segura de que esa sexa a idea. Nos países en desenvolvemento, e agora en Europa, a débeda permite aos acredores exercer unha especie de colonialismo sen necesidade de recorrer a un Exército ou a unha administración imperial. Non é ningunha casualidade que os latinoamericanos priorizasen devolver o diñeiro ao FMI en canto se o puideron permitir. Era a única forma que tiñan para poder retomar o control das súas economías.

Deberiamos lembrar o que escribiu Keynes nos anos vinte nas súas «Consecuencias económicas da paz». Keynes advertía que Alemaña non podería pagar as súas débedas da posguerra e que iso se pagaría, nunca mellor dito, co inferno. E así foi, pero Alemaña obtivo un acordo para a débeda totalmente distinto despois da Segunda Guerra Mundial, polo que se limitaba o servizo da débeda e o pago dos intereses tremendamente; unhas condicións que agora non están dispostos a ofrecer a Grecia.

Quen cre que é responsábel da crise?


Son o sector financeiro, os políticos nacionais e locais, os políticos europeos e, por suposto, o Tratado de Lisboa e as estruturas do Banco Central Europeo, que manteñen á eurozona nunha camisa de forza económica.

Ninguén obrigou aos bancos franceses e alemáns a comprar tanta débeda grega. Os mercados financeiros asumiron, sinxelamente, que os bonos gregos eran igual que os alemáns; pero agora déronse conta de que os bonos gregos son gregos, e están decididos a recuperar tanto diñeiro como sexa posíbel aos tipos de xuro máis altos que poidan, e sen ter en conta os custos sociais.

E moitos gobernos europeos gobernan claramente en nome do seu sector financeiro. Porén están a xogar con lume, e aínda poden facer saltar polo aire a eurozona, co que se abriría un panorama incerto.

Cales son os problemas estruturais do euro que contribuíron á crise?

Eu son unha fervente europea, polo que me gustaría que o euro durase, mais agora mesmo non temos a maquinaria económica e social para seguir con el. Temos unha divisa común, pero non temos políticas fiscais, económicas nin sociais comúns. En lugar de aumentar os impostos, os gobernos están a competir para reducilos, como en Irlanda, que ten un imposto de sociedades do 12,5 por cento.

Temos un orzamento europeo ridículo, ningún imposto paneuropeo e ningún imposto sobre as transaccións financeiras. As transaccións mundiais, só sobre os mercados de divisas, sitúanse agora na astronómica cifra de 4.000.000.000.000 dólares ao día. Mesmo aínda que só lle impuxesen un gravame de 1/10.000, recadaríanse uns 400 millóns de dólares ao día. E con ese diñeiro poderíanse solucionar moitos problemas.

O obstáculo é o Banco Central Europeo, non o euro en si. O Banco Central Europeo non presta aos gobernos, senón aos bancos, ao 1% ou menos. E despois, os bancos prestan aos gobernos. A débeda a curto prazo de Grecia e Irlanda ten un status de «lixo», e agora ten un prezo do 20% [no caso grego já atingiu no bono a um ano o 150%; N. do B.].

O BCE, a diferenza doutros bancos centrais, non emite eurobonos ou títulos europeos. De forma que os que gobernan en realidade son os bancos e as axencias de cualificación de riscos. Necesitamos eurobonos, non só para desincentivar a especulación desenfreada contra países concretos, senón tamén para que Europa pode investir en grandes proxectos ambientais e de infraestruturas que ningún país pode afrontar en solitario.

Hai outros problemas da gobernanza económica europea que contribuísen á crise?


Un dos motivos polos que loitamos tan duramente contra o Tratado de Lisboa en Francia é que consagra a política económica ultraliberal no corazón de Europa, e estabelece o marco para o tipo de crise ás que debemos facer fronte hoxe día. Agora, a Comisión Europea quere examinar os orzamentos nacionais de cada país antes de que os voten os seus respectivos parlamentos para asegurarse de que cumpren con determinadas normas [de aí a reforma da Consituiçom no Estado espanhol; N. do B.]. Trátase dun ataque directo á democracia.

Na Comisión Europea todo se xulga en función da «competitividade», que leva, entre outras cousas, a unha competición suicida entre os propios países europeos. Non todo o mundo pode ser Alemaña. Na eurozona, o gasto público sitúase aínda en torno ao 50% do PIB, pero as grandes empresas e o capital queren facerse co control de todo o que poidan. De novo, estásenos arrastrando aos poucos ao século XIX.

Como deberían responder os movementos sociais á crise? Que alternativas podemos pór sobre a mesa?

Para empezar, someter a control ao sector financeiro, gravar as transaccións financeiras, e obrigar aos gobernos europeos, especialmente aos da eurozona, a actuar de forma solidaria entre si.

Realizar auditorías da débeda para determinar que parte dela é «odiosa» ou ilexítima.
Desenvolver un mecanismo para liquidar a débeda que non estea totalmente sesgado a favor dos acredores.

Necesitamos eurobonos e unha nova carta para Europa, en que o BCE sexa algo máis parecido á Reserva Federal estadounidense.

Usar o bancor de Keynes [o «bancor» é unha unidade monetaria internacional proposta por J.M. Keynes ás negociacións que estableceron os Acordos de Bretton Woods, en 1944] como divisa para o comercio. Pero para falar diso, necesitariamos outra entrevista!

Mentres tanto, estaría máis que contenta con que as axencias de cualificación de riscos fosen organismos públicos e sen ánimo de lucro, e que sexan os gobernos, non os bancos, os que gobernen para os cidadáns e as cidadás.


Nenhum comentário: