05/10/2011

Haití, país ocupado

Eduardo Galeano Tirado de SinPermiso  (aquí) e traducido para o galego por nós. Texto lido o pasado 27 de setembro polo escritor uruguaio na Biblioteca Nacional (Buenos Aires) no marco da mesa-debate "Haití e a resposta latinoamericana", na que participaron ademais Camille Chalmers e Jorge Coscia. Eduardo Galeano, escritor e xornalista. Alma crítica de América Latina e figura senlleira do movemento antiimperialista internacional. Entre os seus escritos máis coñecidos internacionalmente: a triloxía Memoria do lume (1986), O fútbol a sol e sombra (1995), As veas abertas de América latina (1971), Patas para arriba. A historia do mundo ao revés (1999).

Texto lido o pasado 27 de setembro polo escritor uruguaio na Biblioteca Nacional (Buenos Aires) no marco da mesa-debate "Haití e a resposta latinoamericana", na que participaron ademais Camille Chalmers e Jorge Coscia.

Consulte vostede calquera enciclopedia. Pregunte cal foi o primeiro país libre en América. Recibirá sempre a mesma resposta: os Estados Unidos. Pero os Estados Unidos declararon a súa independencia cando eran unha nación con seiscentos cincuenta mil escravos, que seguiron sendo escravos durante un século, e na súa primeira Constitución estableceron que un negro equivalía ao tres quintas partes dunha persoa.

E se a calquera enciclopedia pregunta vostede cal foi o primeiro país que aboliu a escravitude, recibirá sempre a mesma resposta: Inglaterra. Porén o primeiro país que aboliu a escravitude non foi Inglaterra senón Haití, que aínda segue expiando o pecado da súa dignidade.

Os negros escravos de Haití derrotaran ao glorioso exército de Napoleón Bonaparte e Europa nunca perdoou esa humillación. Haití pagou a Franza, durante un século e medio, unha indemnización xigantesca, por ser culpábel da súa liberdade, mais nin iso alcanzou. Aquela insolencia negra segue doendo aos brancos amos do mundo.

- - -

De todo iso, sabemos pouco ou nada.

Haití é un país invisíbel.

Só cobrou fama cando o terremoto do ano 2010 matou a máis de douscentos mil haitianos.


A traxedia fixo que o país ocupase, fugazmente, o primeiro plano dos medios de comunicación.

Haití non se coñece polo talento dos seus artistas, magos da chatarra capaces de converter o lixo en fermosura, nin polas súas fazañas históricas na guerra contra a escravitude e a opresión colonial.

Vale a pena repetilo unha vez máis, para que os xordos escoiten: Haití foi o país fundador da independencia de América e o primeiro que derrotou a escravitude no mundo.

Merece moito máis que a notoriedade nada das súas desgrazas.

- - -

Actualmente, os exércitos de varios países, incluíndo o meu, continúan ocupando Haití. Como se justifica esta invasión militar? Pois alegando que Haití pon en perigo a seguridade internacional.

Nada de novo.

Ao longo de todo século dezanove, o exemplo de Haití constituíu unha ameaza para a seguridade dos países que continuaban practicando a escravitude. Xa o dixera Thomas Jefferson: de Haití proviña a peste da rebelión. En Carolina do Sur, por exemplo, a lei permitía encarcerar a calquera mariñeiro negro, mentres o seu barco estivese en porto, polo risco de que puidese contaxiar a peste antiescravista. E en Brasil, esa peste chamábase haitianismo.

Xa no século vinte, Haití foi invadido polos marines, por ser un país inseguro para os seus acredores estranxeiros. Os invasores empezaron por apoderarse das aduanas e entregaron o Banco Nacional ao City Bank de Nova York. E xa que estaban, quedaron dezanove anos.

- - -

O cruzamento da fronteira entre a República Dominicana e Haití chámase O mal paso.

Quizais o nome é un sinal de alarma: está vostede entrando no mundo negro, a maxia negra, a bruxaría...

O vudú, a relixión que os escravos trouxeron de Africa e nacionalizouse en Haití, non merece chamarse relixión. Desde o punto de vista dos propietarios da Civilización, o vudú é cousa de negros, ignorancia, atraso, pura superstición. A Igrexa católica, onde non faltan fieis capaces de vender uñas dos santos e plumas do arcanxo Gabriel, logrou que esta superstición fóra oficialmente prohibida en 1845, 1860, 1896, 1915 e 1942, sen que o pobo désese por decatado.

Pero desde hai xa algúns anos, as seitas evangélicas encárganse da guerra contra a superstición en Haití. Esas seitas veñen dos Estados Unidos, un país que non ten piso 13 nos seus edificios, nin fila 13 nos seus avións, habitado por civilizados cristiáns que cren que Deus fixo o mundo nunha semana.

Nese país, o predicador evangélico Pat Robertson explicou na televisión o terremoto do ano 2010. Este pastor de almas revelou que os negros haitianos habían conquistado a independencia de Franza a partir dunha cerimonia vudú, invocando a axuda do Diaño desde o fondo da selva haitiana. O Diaño, que lles deu a liberdade, enviou ao terremoto para pasarlles a conta.

- - -

Até cando seguirán os soldados estranxeiros en Haití? Eles chegaron para estabilizar e axudar, pero levan sete anos desaxudando e desestabilizando a este país que non os quere.

A ocupación militar de Haití está a custar ás Nacións Unidas máis de oitocentos millóns de dólares por ano.

Se as Nacións Unidas destinasen eses fondos á cooperación técnica e a solidariedade social, Haití podería recibir un bo impulso ao desenvolvemento da súa enerxía creadora. E así se salvaría dos seus salvadores armados, que teñen certa tendencia a violar, matar e regalar enfermidades fatais.

Haití non necesita que ninguén veña a multiplicar as súas calamidades. Tampouco necesita a caridade de ninguén. Como ben di un antigo proverbio africano, a man que dá está sempre arriba da man que recibe.

Porén Haití si necesita solidariedade, médicos, escolas, hospitais e unha colaboración verdadeira que faga posíbel o renacemento da súa soberanía alimentaria, asasinada o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial e outras sociedades filantrópicas.

Para nós, latinoamericanos, esa solidariedade é un deber de gratitude: será a mellor maneira de dicir grazas a esta pequena gran nación que en 1804 abriunos, co seu contaxioso exemplo, as portas da liberdade.

(Este artigo está dedicado a Guillermo Chifflet, que foi obrigado a renunciar á Cámara de Deputados do Uruguai cando votou contra o envío de soldados a Haití.)

Nenhum comentário: