05/10/2011

Zara e os casos de explotación laboral en Brasil: só unha anécdota?

Escrito por Amarante e tirado de Altermundo (aquí).

O goberno brasileiro anunciou que expedientará á empresa galega Inditex (propietaria de Zara, Bershka, Stradivarius, Pull & Bear e outras marcas de moda de grande éxito comercial) polas condicións nas que traballaban 15 persoas en talleres clandestinos de São Paulo que fornecían roupa na empresa AHA, provedora da marca Zara. Segundo o departamento de traballo brasileiro, estas persoas, entre elas unha adolescente de 14 anos, realizaban xornadas extenuantes superando sistematicamente as 12 horas diarias. 14 delas son de nacionalidade boliviana e a outra é peruana. Todas vivían no mesmo lugar onde traballaban e "debían" grandes cantidades de diñeiro aos empresarios para os que traballaban en concepto de billetes de avión. Os salarios non superaban os 290 dólares ao mes, o que significa que estaban moi por baixo do salario mínimo de 340 dólares vixente no Brasil.

Hai anos que organizacións do Brasil e da Arxentina denuncian as condicións nas que viven as traballadoras e os traballadores de orixe inmigrante, maioritariamente bolivianos, que son recrutados nos seus países para confeccionar roupa nos talleres do arrabalde de Bos Aires e São Paulo. Estes obradoiros son subcontratados por fábricas provedoras de firmas suramericanas e internacionais para completar a súa produción. As persoas traballadoras viven en condicións que poderían considerarse de escravitude xa que non poden abandonar o centro de traballo, que serve á vez de vivenda para familias enteiras. Na Arxentina, a Asemblea Popular La Alameda (colectivo que colabora regularmente coa Campaña Roupa Limpa) denunciou casos similares ao que nos ocupa que salpican a marcas como Puma, Fila ou Adidas entre moitas outras menos coñecidas.

Por desgraza, a realidade destas traballadoras non é moi excepcional no sector da confección global. A precariedade e a vulnerabilidade social das persoas traballadoras é unha constante nun sector ocupado maioritariamente por mulleres novas que realizan xornadas interminábeis, por xornais de miseria e que están moi lonxe de gozar de liberdades e de dereitos sindicais. A falta de planificación da produción e a necesidade de adecuarse aos ritmos irregulares que impoñen as firmas internacionais como Zara, fai que os empresarios de países como Marrocos, China, Bangladesh ou Turquía, non asuman riscos e dispoñan de persoais curtos ás que espremen ao máximo chegado o intre de servir pedidos, realizando horas extraordinarias sen previo aviso que fan que a semana laboral chegue a ser de cerca 70 horas. Os salarios do sector non adoitan superar os salarios mínimos establecidos polas lexislacións locais e, en moitas ocasións non o alcanzan. A remuneración das horas extraordinarias adoita ser irregular e arbitraria. Isto tradúcese en pagos duns 180 euros mensuais en Marrocos, uns 300 euros en Brasil, uns 90 euros en China ou uns 30 euros en Bangladesh. Salarios do todo insuficientes para cubrir as necesidades básicas dunha familia en cada un destes países.

Inditex manifestou que o escándalo no que se viu involucrada a firma Zara no Brasil é unha transgresión puntual do seu código de conduta por parte da empresa provedora brasileira e que xa tomou medidas para que esta situación se corrixa. É frecuente que as grandes firmas dispoñan dun departamento de Responsabilidade Social Empresarial que reaccione ante este tipo de situacións dando explicacións publicamente. Estes mesmos departamentos impulsan programas de auditoría e contratan empresas que verifican o cumprimento dos estándares laborais nas fábricas provedoras de todo o mundo. Pero as visitas dos equipos de auditoría a estas fábricas mostráronse bastante ineficaces para controlar o día a día das persoas traballadoras. Os empresarios locais dispoñen de recursos moi eficaces á hora de burlar os controis, o máis importante a colaboración das persoas traballadoras que, atemorizadas pola posibilidade de que a empresa peche e perdan o traballo, non denuncian as irregularidades que se cometen sistematicamente nas súas fábricas.

O modelo de negocio das grandes firmas como Inditex é un factor crave na orixe das situacións de explotación. As firmas internacionais esixen ás fábricas produtoras unha competitividade baseada na redución a case cero os custos laborais e fiscais e na capacidade para servir os pedimentos de forma rápida e flexíbel. Para aforrar custos de almacenamento e para non acumular produto que quizais non teña o éxito esperado, as firmas de moda, de roupa deportiva ou as cadeas de distribución impoñen ademais prazos de entrega cada vez máis curtos. Como consecuencia, a comercialización de roupa muda nun sector dominado por unhas poucas empresas transnacionais con milleiros de fábricas provedoras que asumen as súas draconianas condicións facendo pagar os custos reais desta forma de producir ás traballadoras.

O Grupo Inditex rexistrou un beneficio de 1.732 millóns de euros en 2010, ano en que abriu 437 tendas. En 2011, conta con 5.044 establecementos en 77 países. Até as obreiras e os obreiros que traballan en fábricas que cumpren a legalidade vixente viven en situación de pobreza como alternativa á miseria que supón non ter un posto de traballo. O sector global da confección, do mesmo xeito que moitos outros, aliméntase da miseria económica de inmigrantes e de persoas expulsadas do campo en lugar de xerar riqueza para os países e as comunidades onde tan axiña se deslocalizou.

Máis información:
Na publicación Moda: Industria e dereitos laborais. Guía para un consumo crítico. http://www.ropalimpia.org/documentos/publicaciones/Guia%20CRL%20castellano.pdf
Nas páxinas web da Campaña Roupa Limpa: http://ropalimpia.org | http://cleanclothes.org
Na Galiza: ONG Amarante

Nenhum comentário: