18/11/2011

As esquerdas no ollo do furacán

Raúl Zibechi. Artigo tirado de La Jornada (aquí) e traducido por nós. O artigo de Serge Halimi ao que fai referencia foi traducido tamén para o noso blogue e podes consultalo na seguinte ligazón.


Na edición de novembro de Le Monde Diplomatique, Serge Halimi desenvolve nun extenso artigo a súa visión dos problemas que atravesa a esquerda europea. En "A esquerda que xa non queremos" debulla unha forte crítica aos gobernos que se proclaman socialistas polo seu manexo da crise, xa que non atopa maiores diferenzas entre o que fan os conservadores e os progresistas unha vez que conducen a cousa pública.

"A esquerda reformista distínguese dos conservadores mentres dura a campaña por un efecto óptico. Logo, cando se dá a ocasión, esfórzase por gobernar como os seus adversarios, por non perturbar a orde económica, por protexer a prataría do castelo", escribe Halimi. Tamén critica á esquerda radical, que "soña con illarse nunha contrasociedad illada das impurezas do mundo e poboada de seres excepcionais".

O interesante da súa análise é que aposta por rupturas. Rescata o triunfo electoral da Fronte Popular francés en 1936, non polo que fixo o goberno, senón porque a súa vitoria "liberou un movemento de revolta social ao dar aos obreiros a sensación de que xa non chocarían como antes co muro da represión policial e patronal". En suma, aposta ao electoral en tanto poida ser un activador da protesta social para procesar as necesarias rupturas co capitalismo. É un cambio respecto da tradicional estratexia das esquerdas, non só europeas, xa que o suxeito volve ser a loita social, a loita de clases, e xa non os aparellos político-electorais.

Halimi recoñece os riscos que encerra a crise actual, ou sexa, o desborde do capital financeiro contra os estados logo do seu ataque frontal aos sectores populares. A súa análise non alcanza, a pesar de todo o positivo que inclúe, a deseñar unha estratexia alternativa á que até agora foi hexemónica nas esquerdas: tanto as europeas como as dos países periféricos, tanto moderadas como radicais. Moitos dos dilemas que se lle expoñen ao "continente que viu nacer o sindicalismo, o socialismo e o comunismo e que parece resignarse máis que outros á súa desaparición", son en realidade problemas que nos afectan a todos os anticapitalistas en todas partes do mundo.

Resumireinos en dous aspectos: non temos estratexias para vencer ao capital, nin electorais nin insurreccionales, e non temos sequera un imaxinario alternativo ás urnas ou á toma do palacio. En segundo lugar, non puxemos en pé economías autosustentábeis, capaces de soster a vida e de entusiasmar aos de abaixo a dedicar todas as súas enerxías a esas tarefas. En suma, se chegamos a triunfar contra o capital, non sabemos con que substituír o capitalismo, salvo empeñarnos en repetir aquel "socialismo de Estado" (que en realidade era un capitalismo de Estado autoritario) que fracasou a finais da década de 1980.

Non é dramático carecer de estratexias, polo menos durante un tempo. O terríbel sería crer que sabemos cara a onde imos e con que pretendemos substituír un sistema que agoniza. A crise en curso, que apunta cara á desarticulación xeopolítica do mundo coñecido, dividido en centro, semiperiferia e periferia, e á parálise da acumulación de capital (ou sexa á guerra de conquista como manifestación extrema da acumulación por desposesión), implica que as forzas antisistémicas xa non poderán seguir operando nos escenarios coñecidos.

Socialdemocracia, socialismo, comunismo e movemento sindical están paralizados porque o mundo no que naceron e creceron está a desaparecer rapidamente
. Aínda iso que chamamos "movementos sociais" está en crise, porque xa non poden seguir actuando do mesmo xeito. Xa se fala de crise da democracia, de golpes de estado, adiviñando que aquel mundo que deu a luz as ideas e prácticas emancipatorias está en bancarrota. Iso é a crise do capitalismo ou o fin do sistema-mundo capitalista.

Cando as esquerdas din que o capitalismo está en crise, apenas se asoman a unha media verdade. Se aceptamos que estamos ante a crise do sistema-mundo, debemos comprender que nós somos parte desa crise, porque os nosos movementos naceron nese sistema e están chamados a desaparecer con el. Por iso trátase de construír outra cousa, de imaxinar outras estratexias para "cambiarnos no mundo", porque non só se trata de cambiar o mundo, coma se fose algo externo a nós.

Faltan dúas cuestións. A primeira é comprender que fai falta moita máis crise para que algo poida cambiar. Fai falta que o sistema se desmorone, e debemos traballar para que iso suceda. Cando algo se derruba, é evidente que nós caemos, e ese é un risco que non podemos eludir, porque sería vanidoso pretender que podemos salvarnos polo só feito de crernos revolucionarios, e porque resulta eticamente inaceptábel ocultar ese risco aos seres humanos cos que convivimos e con quen militamos.

Hai habilidades para reducir o impacto dun derrube sendo parte do que se autodestrúe. Porén é bo saber que a lóxica dun derrube consiste en que non se pode controlar o proceso enteiro, porque as cousas na vida real non funcionan como esas demolicións programadas que nos mostra a televisión. Nesta caída sistémica hai un impulso interior autodestructivo incontrolado (léase sistema financeiro ou guerra nuclear). Nese escenario debemos reconstruír algo que non sexa capitalismo.

A segunda cuestión é que hai que facer non capitalismo aquí e agora, porque o que veña logo do derrube non se pode improvisar. Só os pobos indíxenas e campesiños, os afrodescendientes e sectores populares urbanos do noso continente teñen experiencia en vivir deste xeito. Os seus saberes serán imprescindíbeis para sobrevivir nas caídas e para facer un mundo mellor. Porén, está claro, nada diso é útil para gañar eleccións. A lóxica do mal menor tamén está en crise.

Nenhum comentário: