20/06/2010

O poder financeiro esfarela Europa

Xavier Vence Deza, artigo publicado en Xornal de Galicia.



Os feitos son teimudos e por moito que se enmascaren estamos asistindo en tempo real ao fracaso dunha forma de entender a integración europea. A aposta alemá por unha estratexia que parece romper co seu papel tradicional está a marcar un punto de inflexión. É a reacción fronte á evidencia do fracaso dun modelo político-institucional que non foi quen de resistir a actual crise financeira; modelo do que o poder económico e financeiro alemán foi ideólogo, co partenariado subordinado do resto do capital europeo.

A actual crise da débeda puxo ao descuberto non só os desacertos nas políticas macroeconómicas neoliberais dos últimos anos senón, e sobre todo, a radical inconsistencia da andamiaxe institucional adoptada para a Unión Monetaria: o invento do euro foi algo tan orixinal que corría o risco de ser un fracaso. É orixinal na medida en que rompe co que viñera ocorrendo en toda a historia do capitalismo contemporáneo, na que a existencia dunha moeda sempre estivo asociada á existencia dun Estado e un Goberno, que outorgaba ao seu Banco Central o monopolio da creación da moeda e asignáballe o crucial papel de ser o instrumento privilexiado para as operacións fianceiras do Goberno, en particular a colocación da débeda pública.

A xenialidade europea foi crear unha ­moeda e un banco central que non ían ter ese vínculo soberano. Un banco central europeo independente, que non ten as atribucións esenciais dun banco central como era a de ser o “banqueiro” dun Estado, que non ten detrás un goberno e que tampouco ten como función actuar como brazo financeiro deses gobernos. Para entendérmonos, no fondo o euro non se concibe como unha moeda dos países europeos senón como unha moeda global que os países poden adoptar e a súa política vai ser marcada por un consello de administración dun Banco que en teoría só ten que preocuparse de que a inflación non dane o valor desa moeda, pero que está exonerado de calquer compromiso co crecemento económico dos países en cuestión ou coas necesidades de financiamento dos Gobernos dos países que adoptaron esa moeda.

Así chegamos ao esperpento actual en que o Banco Central Europeo presta diñeiro aos bancos privados ao 1% e, pola contra, ten prohibido prestar diñeiro aos Gobernos da zona euro, que se ven obrigados a colocar a débedas nos mercados financeiros nos que eses bancos privados lle reclaman uns tipos de xuro do 3, 4, 6 ou 10%. De xeito que dentro da mesma zona euro Alemaña pode colocar a súa débeda ao 1,5%, España ao 4% e Grecia ao 9%. É un despropósito. Os estados que entraron no euro non só prescindiron da súa moeda senón que perderon o instrumento de financiación soberana que era o seu banco central e, agora, están ao pairo da banca privada e os dichosos mercados. Neste momento as sociedades inermes vense obrigadas a asumir compromisos de pago de intereses de débeda que supoñen a servidume de entregar durante moitos anos ao capital financeiro unha parte sustancial do noso traballo.

A constitución dun fondo de rescate para países en risco de creba ou o intento de saltarse transitoriamente a limitación de compra directa de débeda por parte do BCE é un remendo absolutamente inconsistente. Alemaña reacciona á evidencia do fracaso do modelo tentando salvar o seu pelexo aínda que sexa a costa do pelexo desa outra media Europa que agora está cautiva e con escasa marxe de manobra. Pero o peor que lle pode pasar a esta outra Europa –é dicir, a nós– é que non nos deamos conta da envergadura do problema e reaccionemos con brazadas atolondradas coma o naúfrago que non sabe cara onde queda a súa ribeira. As brazadas desesperadas e sen rumbo non farán máis que precipitar a súa condena. Entre tanto, non faltará a gaivota carroñeira que tente risparlle o anel de rubíes que loce na man esquerda. Hoxe máis ca nunca, as sociedades europeas están condenadas a elexir entre a servidume prolongada ou a rebeldía de contruír outra Europa, a dos cidadáns e a soberanía democrática.

Nenhum comentário: