20/06/2010

Cidadáns europeos, unídevos!

Boaventura de Sousa Santos artigo tirado de aqui.




O informe que o FMI acaba de publicar sobre a economía española é unha declaración de guerra: a acumulación histórica de loitas sociais, de tantas e tan laboriosas negociacións e de equilibrios obtidos con tantas dificultades, é botada por terra cunha arrogancia inaudita.

A sorte está botada, o xogo está claro e canto máis tarde identifiquemos as novas regras, maior será o custo para os cidadáns europeos. A loita de clases está de volta en Europa, e en termos tan novos que os actores sociais están perplexos e paralizados. En tanto práctica política, a loita de clases entre o traballo e o capital naceu en Europa e, despois de moitos anos de confrontación violenta, foi en Europa onde alcanzou máis equilibrio e deu froitos máis auspiciosos. Os adversarios verificaron que a institucionalización da loita sería mutuamente vantaxosa: o capital consentiría altos niveis impositivos e de intervención estatal a cambio de non ver ameazada a súa prosperidade; os traballadores conquistarían importantes dereitos sociais a cambio de desistir dunha alternativa socialista. Así xurdiron a concertación social e os seus resultados máis envexábeis: altos niveis de competitividade axustados a altos niveis de protección social; o modelo social europeo e o Estado de Benestar; a posibilidade, sen precedentes na historia, de que os traballadores e as súas familias puidesen facer plans a medio prazo (a educación dos fillos, a compra dunha vivenda); a paz social; o continente cos máis baixos niveis de desigualdade social.

Todo ese sistema está ao bordo do colapso e os resultados sonimpredecíbeis. O informe que o FMI acaba de publicar sobre a economía española é unha declaración de guerra: a acumulación histórica de loitas sociais, de tantas e tan laboriosas negociacións e de equilibrios obtidos con tantas dificultades, é botada por terra cunha arrogancia inaudita. E España é mandada a retroceder décadas na súa historia: a reducir drasticamente os salarios, destruír o sistema de pensións, eliminar dereitos laborais (para facilitar despedimentos e reducir indemnizacións). A mesma receita imporáselle a Portugal, como xa aconteceu con Grecia, e a outros países de Europa, e moito máis alá do sur europeo. Europa é vítima dunha hostil OPA (Oferta Pública de Adquisición) por parte do FMI, preparada polos neoliberais que dominan a Unión Europea, de Merkel a Barroso, escondidos detrás do FMI para non pagar os custos políticos da devastación social.

O sentido común neoliberal dinos que a culpa é da crise, que estamosa vivir por riba das nosas posibilidades e que non hai cartos para tanto benestar. Pero calquera cidadán entende isto: se a FAO calcula que 30 mil millóns de dólares serían dabondo para resolver o problema do fame no mundo e os gobernos insisten en que non hai cartos para iso, como se explica que, de súpeto, xurdan 900 mil millóns para salvar ao sistema financeiro europeo? A loita de clases está volvendo baixo unha nova forma, pero coa violencia de hai cen anos: esta vez é o capital financeiro o que lle declara a guerra ao traballo.

Que facer? Haberá resistencia, pero, para ser eficaz, deberá ter en conta dous feitos novos.

En primeiro lugar, a fragmentación do traballo e a sociedade de consumo puxeron en crise aos sindicatos. Nunca antes os que traballan traballaron tanto e nunca lles foi tan difícil identificarse como traballadores. A resistencia terá un alicerce nos sindicatos, pero será moi fráxil se a loita non é compartida en pé de igualdade polos movementos de mulleres, de ambientalistas, de consumidores, de dereitos humanos, de inmigrantes, e os movementos contra o racismo, a xenofobia e a homofobia. A crise afecta a todos porque todos son traballadores.

En segundo lugar, non hai economías nacionais en Europa e, polo tanto, ou a resistencia é europea ou non existirá. As loitas nacionais serán un branco fácil para os que claman pola gobernabilidade ao mesmo tempo que desgobernan. Os movementos e as organizacións sociais de toda Europa terán que articularse para demostrarlles aos gobernos que a estabilidade dos mercados non pode construírse sobre as ruínas da estabilidade da vida dos cidadáns e as súas familias. Non é socialismo; é a demostración de que ou a Unión Europea crea as condicións para que o capital produtivo se desvencelle relativamente do capital financeiro, ou o futuro é o fascismo e terá que ser combatido por todos os medios.

Nenhum comentário: