29/11/2011

Onde se meteu o 15-m?

Artigo tirado de aquí e traducido para o galego por nós.



Foi unha das preguntas máis repetidas nos días previos e posteriores ás eleccións: onde está o 15-M? Nalgúns casos formulábase cun riso de esguello, como saboreando unha derrota que algúns levan meses vaticinando, e que se confirmaría coa inacción no 20-N. Para outros, a pregunta levaba un deixe de decepción, como quen espera a chegada dun superheroe que no último segundo frustre os planos do vilán.

Que uns e outros se pregunten polo paradoiro do 15-M xa dá a medida do que alcanzou: converteuse nun suxeito político a ter en conta, que uns ven como ameaza e outros como esperanza. Entre os primeiros, houbo quen levaba semanas advertindo de que se preparaba "outro 'pásao' contra o PP, como en 2004".

Uns e outros non entenderon o cambio de estratexia das asembleas do 15-M. Fronte a quen os queren na rúa e nas portadas permanentemente (garantía para que terminase por desinflarse e se torrara baixo os focos), o núcleo do 15-M, que por suposto é máis reducido que os millóns que nun momento puntual súmanse, decidiu un repregamento e unha reorientación: ambos os movementos buscan a construción dunha base social que nos primeiros momentos era ampla pero volátil, e que agora é máis reducida pero máis sólida, e sobre todo máis activa.

Nas últimas semanas o 15-M non parou. Non recibiu tanta atención mediática (tampouco a buscou), mais non cesou a loita contra desafiuzamentos (con cada vez máis contundencia policial), a ocupación de edificios e as accións locais, de barrio mesmo. Ademais, desde o momento en que as asembleas repolitizaron a moitos cidadáns, o 15-M deu forza e axilidade a mobilizacións en curso (como a educativa en Madrid). E ao mesmo tempo seguen activos grupos que xa existían antes do 15-M e confluíron neste: hoxe hai unha marcha desde os barrios e pobos de Madrid até as Cortes, para lembrar ao novo Goberno que, como se dixo ao deixar Sol, volvemos aos nosos barrios, pero sabemos o camiño de volta.


Nenhum comentário: