16/12/2011

A odisea de Beiras nun país náufrago

 Manolo Rivas. Artigo tirado de El Pais (aquí).



Deixarán entrar a Xosé Manuel Beiras na homenaxe a Xosé Manuel Beiras?

A broma ven a conto por un sucedido que narrou Vladimir Nabokov, e que trataba dunha homenaxe a un poeta ruso na súa vila natal, despois dun período de ausencia en que o deron por desaparecido. Cando ía comezar o acto, ocorreu un incidente na porta do teatro. Presentárase un barbas que pretendía entrar sen a correspondente invitación, coa desculpa de que el era o poeta homenaxeado. Mais os porteiros, cumprindo o estrito protocolo, entendían que non era esa razón dabondo para o presunto desaparecido ocupar unha cadeira.

Beiras non terá ese problema, esperemos, cando se presente mañá, no auditorio de Compostela, a unha ben choída homenaxe, na que se presentará o libro de ensaios Á beira de Beiras (Editorial Galaxia), unha reflexión poliédrica sobre Galicia coa participación de 35 autores, que tecen as súas pescudas a partir daquela lanzadeira de tear que foi O atraso económico de Galicia, a piques de cumprir o 40º aniversario. Malia o título, O atraso foi unha revolución. Contribuíu a unha revolución da ollada, alén da economía. Nas clases de alfabetización de adultos, a clave é aprender a escribir e ler o propio nome. A partir de aí, en feliz expresión oída en Moaña á mestra Elisa, a xente "rompe a ler". Pois O atraso foi un deses libros estrelampos en que a xente "rompe a ver". Galicia estaba no atraso, mais non era pobre. Vivía unha malversación histórica.

Beiras podía ficar aí, como un campión da Estrutura Económica. Admirado polos seus mestres, xente moi ilustre, construíuse con el a figura dun príncipe dos contos infantís. Chamábano así, era "o noso principiño". Un día bicaría a bela terra e Galicia espertaría. Naquel tempo de emigración, a mocidade marchaba, mais nos herbais galegos aclimatábanse as vacas frisonas, as suízas, as canadenses. Velaí o absurdo paradoxo. Estraño cosmopolitismo que exportaba xente e importaba vacas. Por que Galicia non podía ser Frisia? Por que non ter algo do benestar dos cantóns que liberaron os irmandiños de Guillermo Tell? E así. Había unha Europa vitamínica, alimentada, instruída, liberal (no mellor sentido da palabra, é dicir, sexual). O socialismo nórdico, por exemplo, era o máis próximo a un paraíso posíbel. E Beiras era o noso príncipe socialista! Un príncipe que pisaba a terra, que era quen de pasar da lama da corredoira á partitura de Sibelius, que explicaba a Keynes na facultade de Económicas ao tempo que traducía a Giradoux ou Camus.

Houbo un intre en Compostela, cando se cruzaron os vellos superviventes republicanos e galeguistas e a mocidade antifascista e vangardista, en que talvez se podía dicir, na súa escala, o que Aron dicía da Normale parisina: "Nunca me encontrei con tanta xente intelixente nun espazo tan pequeno".

Mais o príncipe bicou a terra e Galicia non espertou. Quero dicir, espertar espertou, mais foise con outros, mesmo con descoñecidos, e non con el. Iso é o que teñen os contos infantís, que son os máis terríbeis. Pensen en Capuchiño Vermello, en Brancaneves, en Hansel e Gretel ou Os músicos de Bremen.

Mais a historia non rematou aí, coa frustración. O noso príncipiño podía subir ao estribo do poder e incorporarse ao que Cornelius Castoriadis chamou "oligarquías liberais", e só con dicir o abracadabra: "Amén e Okey!". Mais aforcou dunha póla de figueira o maletín atado da gravata. Beiras pasou ser un Odiseo, un náufrago. Coñeceu as bocas do inferno e as tempestades. E a viaxe que viviu foi mesmiño a de Ulises: o proceso laborioso da reconstrución da memoria. Recompoñer as cachizas das intermitencias persoais e as lembranzas colectivas, mesmo os anacos tabú, os recantos prohibidos. Cando volveu, case ninguén o recoñecía. O can, o porqueiro... E algo foi pasando polo país adiante. A voz era a mesma de antes, mais tiña algo novo: traía vento. E dicía o que René Char: "Berremos ao vento que nos leva que somos nós quen o levamos". Despois do 28 de xuño de 1936, cando se plebiscitou o Estatuto de Autonomía, o "proxecto común" co que Beiras anovou o BNG déronlle os mellores resultados electorais da historia ao nacionalismo democrático galego. Era maioría a mocidade, rural e urbana. Ano de 1997. Foi a segunda forza, con 18 deputados, e o 25% dos votos. A xeira tamén en que Camilo Nogueira levará como nunca se levou a voz de Galicia a Europa.

Ademais das curvas do galego, a linguaxe de Beiras tiña, ten, o acento da esquerda transformadora. Non necesitaba explicalo. Que é o que pasou? Que síndrome autodestrutiva puido levar a semellante declive? Imaxinan a Beiras no Congreso dos Deputados ou a Nogueira no Senado? Coido que a voz de Galicia tería un eco e un prestixio de honoris causa. Sería un agasallo para o parlamentarismo hispano. E imaxinan unha homenaxe a Beiras na que falasen Touriño, Ferrín, Guerreiro, Paco Rodríguez, Aymerich et álii? Non, non é posíbel. Por que? Porque se impuxo o estilo de causa perduta. Todos a cantar o Nabucco de Verdi: "Oh mia patria sì bella e perduta!".

Teño un amigo que mantén que todo se debe á teoría dos caranguexos. En que consiste? Vai alguén pola praia cun caldeiro cheo de caranguexos, algúns están a piques de, como din en Camariñas, "meterse fóra". Outro que pasa por alí dille: "Vanche fuxir os caranguexos!". E o mariscador responde: "Non hai problema, que son galegos, e tiran os uns dos outros para abaixo". Non creo nesta fatalidade. En xeral, non creo nas fatalidades. Son unha máscara das responsabilidades.

Eu crer creo que é tempo, como diría a mestra Elisa, de "romper a ver".

Será interesante para iso oír a Beiras, se é que consegue entrar na súa homenaxe, a versión da segunda parte da Odisea galega.

E os náufragos que volvan ese día do "paraíso inquieto" do Incio, de homenaxear a Lois Pereiro, aínda teremos oportunidade de incorporármonos na noite coruñesa á expedición cívico-bohemia organizada por In Nave Civitas, en honor do pintor e "náufrago encantado" Urbano Lugrís, quen foi quen de unir por camiño submarino Percalinópolys e Xouba City (A Coruña e Vigo, en terminoloxía lugrisiana). Un punto central da convocatoria é o Palco da Música, cun acto creativo de Acción Urbano consistente en pintar paraugas, e percorrer a cidade como unha profundidade habitada, a incendiar de cores a noite e a chuvia. E pórse de xeonllos diante do mar, ese que sempre recomeza.

Xa o dixo Avelino de Corón e pregoa Xurxo Souto: "Está subindo a marea, ¡ti non quedes varado en seco!".

Nenhum comentário: