13/12/2011

O PP aproba a Lei de Política Industrial



O pleno do Parlamento aprobou este martes a Lei de Política Industrial de Galicia, cos votos a favor do PPdeG e a oposición de PSdeG e BNG, que acusaron o Goberno galego de pretender "deslegalizar" e "entregar" o territorio en beneficio de proxectos empresariais concretos.

A Xunta defendeu, tras aprobar o texto da súa proposta no conselo en setembro, que a nova norma define os proxectos industriais estratéxicos e simplifica a súa tramitación administrativa. Precisamente, o voceiro do PSdeG no debate, José Luis Méndez Romeu, criticou que os conselleiros competentes na materia decidirán sobre a necesidade de informes urbanísticos e ambientais en caso de que un proxecto sexa declarado estratéxico --a lei elimina parte e prevé procedementos abreviados nestes supostos--.

Esta modificación supón, advertiu, "a deslegalización total do territorio" para permitir determinadas actuacións. Así, afirmou que o concurso eólico se fixo "á medida" e con esta lei os responsables da Xunta serán "señores de forca e coitelo", e tomarán as decisións sobre se os proxectos deberán someterse ou non a algúns trámites.

No mesmo sentido, o voceiro do BNG no debate, Fernando Branco Parga, indicou que "agora" se coñece a necesidade desta lei, que "xa ten apelidos", dixo en alusión ao proxecto da segunda incineradora que a empresa castelá-leonesa Estela Eólica --adxudicataria no concurso eólico-- desenvolverá no municipio ourensano de O Irixo.

"Dentro do fracaso do concurso eólico aparece unha incineradora e van encaixando as pezas", sinalou e acusou á Xunta de permitir que os proxectos estratéxicos "ata poidan recibir subvencións saltándose a lei de subvencións".

"Esta lei entrega a terra", acusou, e avisou de que "non serve declarar Galicia territorio industrial sen limitacións e vender o territorio a conta de nada". Para o nacionalista o texto constata o "fracaso" da Consellería de Economía e Industria, pois a comunidade "estrá chea de parques industriais baleiros".

  Así mesmo, reivindicou os recursos "endóxenos" de Galiza e o seu sector industrial e indicou que a explotación de enerxía hidráulica produce 350 millóns de euros de beneficios para empresas que non teñen o seu domicilio na comunidade. "Esta lei xa ten apelidos; Estela Eólico aplaudirá", resolveu.

"PROXECTO DE CALADO"

Pola súa banda, o deputado do PPdeG Pedro Arias sostivo que se trata dun "proxecto de calado" e sostivo que os populares e a Xunta son "responsables" do que fan. Así, eloxiou a análise da situación económica coa que empeza a lei.

  Ademais, Arias analizou que as dificultades de Galiza para atraer industrias se deben a "moitos problemas estruturais", como a súa "condición xeográfica de 'fisterra', que non hai un mercado grande non tampouco unha cidade "dominante".

ACORDO SOBRE O TERRITORIO

  O voceiro do PSdeG en materia de industria tamén interpretou que a nova norma se redactou ad hoc para algúns proxectos" e considerou que será "lesiva" para o tecido industrial galego, pois vai crear "un limbo xurídico". Neste sentido, augurou que o texto será "unha fonte inesgotable de conflitividade".

Méndez Romeu considerou que a Xunta desenvolve coa lei "unha política de destrución do territorio sen precedentes" e advertiu de que o texto "rompe o intento de consenso da normativa de chan" e pon "punto final" ao debate sobre se se pode alcanzar un acordo "de amplo espectro" nesta materia.

O socialista afirmou que tampouco servirá para atraer investimentos "importantes", pero a cambio "vai situar o territorio a mercede de quen queira especular, coa conivencia, apoio e subvención da Xunta".

DEBATE DE "CINCO MINUTOS"

Pola súa banda, o representante do BNG denunciou tamén que o debate no relatorio se saldou "en cinco minutos", malia que a oposición presentou 128 emendas ao texto. As que admitiron, agregou, son "de fe de erratas". "Debería dar vergoña que nós, que cobramos salarios públicos, liquidemos unha lei en cinco minutos", queixouse.

Branco Parga considerou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nomeou ao seu goberno para que "non o faga sombra" e suxeriu que o PP trata de "desvalorizar tamén o Parlamento" para que Feijóo "se converta no Rei Sol". "Pero coidado coa monarquía, que en calquera momento lles pode saír un Urdangarín", ironizou e engadiu que "o seu Urdangarín é o Igape".

Um comentário:

Anônimo disse...

E o rei di que veñen tempos duros e que teremos que traballar máis... sempre fala a merda que máis cheira!

http://www.publico.es/espana/411975/el-rey-ve-venir-tiempos-muy-duros-en-la-economia