08/01/2012

En defensa do Estado do benestar

Vicenç Navarro. Tirado de Público (aquí) e traducido por nós. Ilustración de Mikel Jasó.

Non hai plena conciencia nas estruturas de poder do país do grande atraso do sector público en España. 40 anos dunha ditadura profundamente conservadora que promocionou os intereses privados á conta do público deixou tal sector nunha situación de escaso desenvolvemento. O caso máis claro é o Estado do benestar, que capítulo por capítulo (desde as pensións públicas, até a sanidade e educación públicas, pasando por outros elementos como gardarías públicas ou vivenda social), está moi pouco desenvolvido.

Moito se fixo, mais o dominio conservador na transición política e durante o proceso democrático explica que este atraso continúe. Non é defendíbel o argumento de que o emprego ou o gasto públicos sexan excesivos en España. Os datos mostran que en ambos os casos estamos á cola da UE-15.

Esta pobreza do sector público afecta negativamente a calidade de vida da grande maioría, e os recortes actuais empobrecerana máis. Iso leva unha polarización social en que os sectores máis podentes usan os servizos privados e as clases populares usan os públicos, polarización que non é boa nin para uns nin para outros. Os servizos privados poden ter maior confort que os públicos, pero estes adoitan ter maior calidade científica, de persoal e infraestruturas. O que se necesita é un sector público multiclasista, que esixe uns ingresos ao Estado máis elevados que os actuais, con base nunha política fiscal progresiva, aínda moi limitada en España

Nenhum comentário: