18/01/2012

Fraga: morrer en Madrid

Tirado do site da CIG (aquí).

O «especial» que a TVG transmitiu o domingo ás 23 horas pola morte do ex-ministro de Franco e ex-presidente da Xunta de Galiza vai ser exhibido nas escolas de socioloxía e nas de xornalismo como a mensaxe subliminar máis absurda xamais vista.

Até catro veces vimos a Fraga en top-less en Palomares. Unha das poucas veces que falou, xa vello, foi para contar que aínda tiña o calzón de Palomares, que gardaba para os convidados moi gordos. Non había preguntas máis interesantes?

Ningunha imaxe de Franco e Fraga xuntos e apenas unha ou dúas co rei dos españois. Inaugurando e premendo botóns. Co seu traxe de «apertura» Príncipe de Gales e a imaxe dunha antena e a «apertura» e bafarada de ar fresco que trouxo na «liberdade de prensa» o paso de Fraga pola ditadura.

Nin un sutil comentario sobre as penas de morte asinadas por el e polo goberno do ditador.



Se cadra, as palabras e imaxes referidas a Galiza son as que mellor delatan o personaxe. Os mil gaiteiros da súa toma de posesión que na Cidade da Cultura poderían ser 10.000, a “guayabera” marrón en La Habana facéndolle unha queimada a Fidel, as autovías e o corolario dunha vida entregada a España: berrando no Senado en español ao senador do BNG, Pérez Bouza, que a el ninguén ía ensinarlle nin darlle leccións de galeguismo e que estaba en contra do uso das outras linguas oficiais en tan digna cámara.

Fraga é o exemplo do que non debe ser un galego que se autodefina como tal. Durante a súa andaina como ministro e embaixador de Franco, o único vínculo do excelentísimo señor don Manuel Fraga coas súas orixes foi a súa partida de nacemento.

Durante a democracia, a súa idea de España era a de Madrid e satélites, e Galiza non estivo nas súas aspiracións até que bateu varias veces coa negativa das urnas e co seu pasado franquista na súa intención de ser presidente de Goberno de España.

Galiza non deixou de ser un retiro dourado na periferia da periferia. Coa enchente dos fondos europeos asinou canta obra pública e autovía puido, sen descoidar un interior sen comunicacións, unha desastrosa rede ferroviaria e unha política exterior de polbo e e empanadas. Conxelou a aplicación da Lei de normalización lingüística de forma tal que nunca se aplicase, e falou galego en público de forma tal que non sabiamos se falaba ou desfalaba.



Cando o corpo e Galiza non daba máis de si (para el e os seus intereses), el, que era tan galego, non dubidou en marchar a Madrid á súa casa, porque a de Perbes é casa de señoriño da capital que ven pasar as calores do verán, non apta para vivir nin digna de recibir tal nome.

Alí morreu, no centro do centro… en España, onde sempre quixo ser e estar.

Nenhum comentário: