19/01/2012

Garzón e a Transición

Vicenç Navarro. Artigo tirado de Público (aquí). Ilustración de Mikel Jaso e tradución de noso.

Unha das concepcións máis estendidas nos círculos políticos e mediáticos de maior influencia e difusión en España é que a Transición da ditadura á democracia foi modélica. Liderada polo monarca, tal Transición deu como resultado -segundo esta versión- unha democracia homologábel a calquera outra democracia existente en Europa, o cal se conseguiu sen maiores convulsións nas institucións políticas, económicas, financeiras e mediáticas do país. O suposto éxito de tal proceso explica que se quixo mesmo exportar este modelo de Transición a outras ditaduras que estaban baixo presión para que se transformasen en sistemas democráticos. Varias veces, o ministro de Asuntos Exteriores suxeriu a ditaduras en declive, e aos seus opositores democráticos, que tomasen a Transición española como punto de referencia.

A mesma concepción que valora a Transición española como modélica (elemento fundamental da sabedoría convencional existente no país sobre aquel proceso), tamén considera exemplar o compromiso adquirido polas forzas políticas maioritarias de non furgar no pasado. É dicir, esquecerse das enormes violacións dos dereitos humanos, predominantemente realizadas polas forzas golpistas en contra dun sistema democrático, esquecemento que se defendía e continúa defendéndose como necesario para construír o futuro. Parte deste obxectivo asumía que os definidos como os dous bandos do conflito civil eran igualmente responsábeis do acaecido e que, por tanto, era mellor pechar contas e esquecerse do ocorrido. Desta concepción deriva a Lei de Amnistía, en que todas as violacións quedaron amnistiadas, lei que se considera determinante para que ocorrese a Transición, supostamente modélica. Hai que sinalar que, aínda cando as dereitas foron as que promoveron esta versión da Transición, moitos elementos importantes foron tamén asumidos por grandes sectores das esquerdas, o cal contribuíu a que tal percepción se reproducise case como unha dogma.

Tal dogma, con todo baseouse nunha falsidade. A Transición non foi modélica como tampouco o foi a democracia que estabeleceu. Foi un proceso realizado baixo o dominio das forzas conservadoras e polos aparellos herdados do réxime anterior, liderados pola monarquía, e claramente enquistados no Estado español. Non foi unha Transición pactada entre iguais: antes ao contrario. As esquerdas acababan de saír do cárcere ou da clandestinidade e do exilio.

O seu peso procedía das enormes mobilizacións da clase traballadora e outros elementos das clases populares que presionaron para que terminase aquel réxime. Por iso é polo que, aínda cando o ditador morreu na cama, a ditadura morrese na rúa. No entanto, as esquerdas non tiñan o poder nin para romper con aquel Estado nin para negociar en bases de igualdade, dando lugar ao enorme rumbo conservador que existe, non só nas estruturas do Estado, senón tamén nas institucións financeiras, económicas, culturais e mediáticas do país. É este poder o que explica as enormes insuficiencias do Estado do benestar español, que 33 anos despois de terminar a ditadura aínda ten o gasto público social máis baixo da UE-15. A democracia incompleta conduciu a un benestar claramente insuficiente.

Non hai un indicador mellor do inmodélica que foi a Transición e das enormes limitacións que ten a democracia española que o que ocorrerá esta próxima semana. O Tribunal Supremo xulgará ao único xuíz que se atreveu a esixir ao Estado que atope aos desaparecidos durante a brutal represión dos golpistas sublevados contra as forzas democráticas, honrándoos, á vez que denunciando aos responsábeis. Esta situación cobre de vergoña a toda España.

Como pode España presentarse como unha sociedade democrática cando ocorre este feito que culmina un proceso que reproduce unha das maiores inxustizas que ocorreu no século XX en Europa? España é o país onde houbo un número maior de desaparecidos por causas políticas en Europa sen que se fixo nada sobre iso. E cando se quere facer algo, o Estado (nada menos que o Tribunal Supremo) quere pechar o caso e castigar ao xuíz que ousou mirar baixo a alfombra e tentar facer algo de limpeza, recoñecendo ademais a aqueles que foron asasinados o seu compromiso coa democracia. A comparación do que está a ocorrer en España co sucedido noutros países que sufriron ditaduras fascistas ou fascistoides semellantes é un indicador máis do enorme subdesenvolvemento democrático deste país. En ningún outro país houbo a ocultación desta enorme represión, deixando indefensos ás vítimas e ás súas familias, que non poden nin sequera honrar aos seus mortos (que son os mortos de todos os demócratas) por non saber onde se atopan. O contraste entre o comportamento do Estado español cara ás vítimas do terrorismo de ETA e o das vítimas das forzas golpistas e do Estado terrorista é bochornoso (non hai outra maneira de definilo).

Esta situación é indignante e vergoñosa. O Tribunal Supremo non é consciente do enorme desprestixio que o enjuiciamiento de Garzón polo caso dos desaparecidos significa para a Xustiza española e para o Estado español. No programa de humor de maior audiencia en Estados Unidos sinalábase que, na mesma maneira que Bolivia, sen mar, ten Ministerio de Mariña, España tiña Ministerio de Xustiza. Non se dan conta da vergoña que están a orixinar os membros do Tribunal Supremo co seu comportamento, no ámbito internacional? Por mera coherencia democrática debería haber manifestacións ao longo do territorio español en protesta polo insulto que o enjuiciamiento de Garzón supón a todas as forzas democráticas de España e do mundo.

Um comentário:

Anônimo disse...

Pero para sinalar supostos ditadores e xenocidas en países dos que non sabemos nin atopa-los no mapa,para isi sin que somos dilixentes,carallo,ven proclaman contra gadafi,hussein e similares,que antes foran " amiguitos del alma",proclaman e máis enchense de razón,sabendo,como saben,que alá onde queira que poñan o seu atril,será sempre enriba da dinidade dalgunha familia,porque xa que os tempos cambean coas circunstancias,aquil refrán que dicia que en tempos unha ardilla podia cruza-la peninsula saltando de arbre en arbre,deberiano modificar,xa que dende vai 70 e pico de anos a peninsula podese cruzar saltando de fosa común en fosa común,e isto,malia que o pareza,non é un chiste,o chiste é o da democracia,ise sin que é un bó chiste.