03/01/2012

O gran erro da socialdemocracia

Vicenç Navarro

SEMELLANZAS ENTRE O GOBERNO DE SCHRODER E O GOBERNO ZAPATERO

En círculos próximos ao goberno Zapatero tentouse presentar ao Presidente Zapatero como o político que "se sacrificou para salvar a España", comparándoo co chanceler Schröder de Alemaña que, aínda que era consciente de que ía a antagonizar ás súas bases electorais coas súas políticas de claro corte neoliberal, tirou adiante con elas, pois creu que con iso salvaba a Alemaña da situación de estancamento económico en que se atopaba. Retrospectivamente parecería que os defensores de tales políticas levan razón no enxuiciamento da figura de Schröder como "o salvador de Alemaña". Este país parece ser o único na Eurozona que non ten problemas coa súa débeda pública: os intereses da súa débeda son os máis baixos e estables da Eurozona. E a inflación e o desemprego son os máis baixos de tal comunidade monetaria. Parecería, pois, que os mercados financeiros teñen plena confianza cara ao Estado alemán que, co seu rigor e disciplina, se converteu no modelo e punto de referencia dos outros países da Eurozona. Até aquí a percepción amplamente promovida polos medios de maior difusión que tenden a ser de sensibilidade neoliberal. Vexamos agora os datos.

Pero antes, é importante coñecer o debate que houbo entre o presidente do goberno socialdemócrata, o chanceler Schröder e o seu ministro de Economía, Oskar Lafontaine, un debate de gran relevancia non só para Alemaña, senón para o resto da Eurozona e a Unión Europea (UE). Schröder deu toda prioridade na súa política económica a estimular a economía a base de acentuar as exportacións, o cal significou unha gran concentración de euros en Alemaña, que se empregaron en comprar débeda pública dos países PIIGS e tamén en prestalo ás bancas privadas de tales países (Grecia, Portugal, Irlanda, España e Italia), a suma de cuxos déficits comerciais é igual ao superávit de Alemaña.
Esta gran acumulación de euros conseguiuna Schröder a base de reducir a porcentaxe do valor producido (pola elevada produtividade) que ía ao mundo do traballo, á conta de aumentar a porcentaxe que ía ao capital (é dicir, ao mundo empresarial da banca e das empresas exportadoras). Unha condición para que Schröder puidese conseguir esta situación foi o enfraquecemento do mundo do traballo, consecuencia da aplicación das medidas neoliberais do chanceler Schröder (tal como tamén estivo facendo o goberno Zapatero e que, sen ningunha dúbida, continuará facendo o goberno Rajoy). Un resultado diso é que en Alemaña se perderon 2.1 millóns de empregos a tempo completo, sendo substituídos por 1.1 novos postos a tempo parcial, medio millón de autónomos e outro medio millón de traballos temporais. É certo que o desemprego é relativamente baixo, 7,1% (en comparación coa media da UE-15) pero iso non se debe ás reformas de Schröder, senón ao sistema de coxestión (no que os traballadores nas empresas participan na xestión das empresas) que facilita a retención de postos de traballo a base de reducir as horas de traballo, transformando traballo a pleno emprego en traballo parcial ou temporal. Resultado do enfraquecemento do mundo do traballo conseguiuse reducir os salarios e a protección social. Alemaña nin ten salario mínimo e millóns de alemáns teñen salarios de 400 euros ao mes, a solución proposta pola gran patronal española. A porcentaxe de traballadores pobres creceu dun 15% en 1998 a un 22% en 2005.

Non existe plena conciencia nos círculos mediáticos e políticos da Unión Europea do erróneo que é definir o modelo alemán, baseado nas exportacións, como modélico. O politólogo e economista alemán Fabian Linder escribiu cumpridamente sinalando o escaso éxito de tal modelo (ver "Following Germany's Lead to Economic Disaster"). O crecemento económico alemán foi moi baixo e lento, debido a unha escasa demanda doméstica, resultado do descenso moi notable dos salarios reais ocorrido como consecuencia das medidas levadas a cabo por Schröder e continuadas por Angela Merkel.

Schröder gañou aquel debate e Lafontaine perdeu e, con el, a clase traballadora alemá e as clases populares dos países da UE. Lafontaine quixo basear o estímulo económico de Alemaña no crecemento da demanda doméstica, redistribuíndo o crecemento do produto (producido pola elevada produtividade) en dirección dos traballadores. Con iso as importacións aumentarían e as exportacións descenderían, estimulando así as economías dos outros países da Eurozona. No seu lugar, o modelo Schröder, continuado con Merkel, quere exportarse a todos os países, o cal é imposible, pois a diminución da demanda doméstica de todos os países está a conducir á Gran Recesión e Depresión, incluída Alemaña.

En realidade, o que estamos a ver é unha alianza de clases entre a banca (e a gran patronal) en España e a dos países periféricos, en contra dos intereses das clases populares alemás e as dos outros países. É, como ben dixo Jeff Faux, fundador de Economic Policy Institute, de Washington D.C., "a exitosa loita de clases a nivel internacional". E aí está o problema. O deseño do euro e da Eurozona estaba orientado para que ocorrese o que está a ocorrer. Ao impedírselle a un país que puidese devaluar a súa moeda, este viuse na necesidade de devaluar os seus salarios e debilitar a súa protección social. Estas eran as dúas alternativas que sempre se presentaban como as dúas únicas posibles. Pero hai outra, e é a resposta colectiva a base de estimular a economía mediante políticas expansivas, tanto de subidas de salarios como de aumento do gasto público, mellorando a infraestrutura física e social do país, tal como ocorreu co New Deal en EEUU e co Plan Marshall en Europa despois da II Guerra Mundial, e tal como tamén propuña Oskar Lafontaine para Alemaña e para a Unión Europea. O feito de que este último perdese naquel conflito foi unha gran oportunidade perdida para Alemaña e para todos. E algo semellante ocorreu co goberno Zapatero. Sería de desexar que o PSOE na súa necesaria autocrítica do goberno Zapatero fose consciente diso. Nin que dicir ten que tal goberno fixo reformas positivas e algunhas delas moi positivas. Pero, o seu talón de Aquiles foi a súa política económica que foi de clara orientación neoliberal e que se debe cambiar profundamente, cun cambio de persoal que dubido que se realice. Até agora non houbo ningún asomo de crítica de tales políticas.

Nenhum comentário: