03/01/2012

Sen novidade na fronte (noroeste)

Tirado de aquí.

 Katangueiro 

Moito me quedou marcada a lume e ferro aquela historieta-imaxe absolutamente bizantina onde unhas persoas, supostamente sabias, resabias e respectabilísimas, andaban a discutir sobre o sexo dos anxos -que total, tanto ten que o teñan ou non, que eu non mos penso follar- mentres os turcos, os otomanos, os espabilados infieis, petaban nas portas e, posteriormente, daban liquidado a aventura do Imperio Romano de Oriente, mil anos despois da caída do corrompido Imperio de Occidente, como se dun trunfal Reich se tratase.

 A bizantina esquerda progresista (ou o que sexa que for) desta cristalina Galicia -que habitamos pesadamente- discute a eito sobre o sexo dos anxos, en tanto a dereita cavernaria e iletrada cabalga tan rampante. Iletrada porque pensa só en números, porque coloca a raposos fracasados que quebraron bancos, confianzas e malgastaron os aforrrados esforzos dos demais, á fronte da economía total, porque coloca a meritorios sen capacidade coñecida máis que a de servir cafeses a ricos mandamais en postos de altura na administración do Estado. Porque coloca a un tipo do Círculo de Empresarios a dirixir o Instituto Nacional de Estatística, un dereito constitucional en mans privatizadoras. Os nosos datos en mans privadas. As nosas vidas e facendas en mans privadas. O noso futuro privatizado...e a peñita que nin se dá enteirado. Tanto ten. Tanto me ten.

 Din que todo se pega, e debe de ser certo. A imaxe lamentable que está a dar o PSdG-PSOE lembra sen esforzo á imaxe que vén dando a aba nacionalista do "pacto de progreso" que foi quen de derrotar a Fraga no seu día e poñer ao PP de Galicia contra as cordas municipais no 2007. Se pensan, tanto uns coma outros, que se trata de cambiar de cara, de rostro, de cartel eleitoral, van listos. Por poñer caretos, que poñan calquera, que as hostias van vir do mesmo lado. A dereita vai dar desmontado o Estado de Benestar, ou o que había, e precisamente quen máis sofre esa condea é quen máis os vai apoiar. Hahahahahahahaha. "A culpa é da xente, que non sabe nin o que vota", teño escoitado moitas veces. "tTemos o País que nos merecemos", escoitei outras veces. Triple hahahahahahahahahahahahahahaha. Claro, por iso todos os políticos seica son iguais pero sempre -ou case sempre- van e gañan os mesmos iguais. Se é que non nos enteiramos. Se é que andamos a argallar asembleas nacionais, uns, ou consellos federais, outr@s, ou eu que sei que parvadas inútiles en tanto se derruban as portas, se traspasan os límites marcados e nos rouban o que é noso. Non sei vós, pero eu teño ghana de gherra e penso dala. SÓ OU EN COMPAÑA DOUTR@S.

 Ao que haberá que adicar o tempo que nos quede é a construír -e non o digo eu, que o di o amigo Pacotrón (ese que nos observa desde ollos que semellan covas de desatinos)- un referente político transformador, que sexa útil para todas as persoas -moitas moitas moitas- que se resisten a vivir nun presente e futuro domeñado polos "mercados", polo De Guindos e todos os que naceron no Palco do Bernabeu co carné do Real Madrid na man e a gomina en forma de "cara al sol". Ese referente pode ser que xa exista, non digo que non, e haxa que reforzalo en todas as súas paredes e piares fulcrais. Tamén pode ser que non exista, que non exista como marca eleitoral e que haxa que presentalaa xa, haxa que dar cera a eito e a cotío. A todos e todas. Que xa está ben. Xa está ben de tanto careto, de tanta pompa e de tan poucaa sensibilidade política. Colle a historia polos fuciños, por non mentar partes máis xenéticamente importantes, e protagonízaa.

 Onte vin de novo "Veludo Azul". A Laura Dern, chorando pola infidelidade sexual do seu namorado, pregúntase "onde está o meu soño dourado?". Non está, nena. Hai que soñalo aínda.

Abur!!!

Nenhum comentário: