16/02/2012

"O alvo da nova fronte é recuperar os 200.000 votos que perdeu o BNG"

Entrevista a Xosé Manuel Beiras Torrado por Daniel Domínguez para Faro de Vigo (aquí). A tradución é de noso.



Xosé Manuel Beiras móstrase afábel tras anunciar o seu adeus, xunto ao Encontro Irmandiño, ao BNG, en cuxa creación participou en 1982. O líder histórico nacionalista recoñece que crearán outra fronte para presentarse ás autonómicas. "O noso obxectivo é recuperar os 200.000 votos que o BNG perdeu", comenta sobre o teito logrado en 1997 de case 400.000 apoios. Entón, el era o candidato. Ademais, pide "diálogo" para evitar a "inestabilidade" nos concellos, descartando que os escindidos dimitan dos seus cargos.

-Que tal o seu ánimo?

Teño mestura de tristeza, porque é moi doloroso, pero doutra banda teño alivio porque se tomou por fin unha decisión. E esperanza e moitas ganas de construír unha alternativa.

Como comunicou a súa baixa?

Chamoume [Francisco] Jorquera a véspera da asemblea irmandiña para entrevistarnos con Guillerme Vázquez o luns antes da executiva e alí formalizámosllo. Hoxe temos unha coordinadora para estabelecer o método para darnos de baixa e dialogar co BNG para cuestións de unidade de acción.

Que tal a reunión?

Moi afábel, somos vellos camaradas. O portavoz nacional mostrouse receptivo para dialogar a nivel municipal.

Entón sorprenderíalle que horas máis tarde Guillerme Vázquez convidase a todos os cargos irmandiños que deixen o BNG a dimitir dos seus cargos?

É discordante do que dixo. Se se acepta unha interlocución, precipitarse a tomar estas actitudes non é moi congruente. O diálogo é necesario. Non queremos guerrear co BNG. Queremos unha separación sen malos tratos e evitar a inestabilidade. Os cargos foron elixidos os cidadáns, non polo BNG.

Teme que o BNG force a perda de alcaldías como Teo?

Confío en que non. Unha cousa son as súas declaracións e outra son as súas decisións. Ademais, Máis Galiza está en proceso de toma de decisións. Hai un compás de espera. Nós actuaremos civilizadamente co interese veciñal por diante.

Presentarase ás autonómicas a súa alternativa?
Tomará as súas decisións cando se constitúa e non será só dos irmandiños. Queremos ser un motor para unha fronte ampla máis actual, máis democrático, máis participativo e aberto á cidadanía. Iso require diálogo con sectores organizados en plataformas sociais, ecoloxistas ou o 15-M. Evidentemente, unha alternativa debe aspirar a participar en eleccións. E está previsto que as haxa en Galiza a curto prazo.

Daralles tempo?

Por que non? Encontro Irmandiño cobrou moita credibilidade ante sectores que se afastaron do BNG.

Vese como candidato?

Non me vexo como nada. O primordial é construír unha alternativa que exprese a esquerda social. Falar de candidato é precipitarse.

Poderán superar a barreira do 5% de votos para acceder ao Parlamento galego?

É un problema. Que a esquerda e o nacionalismo divídanse no plano electoral ten connotacións negativas, aínda que se o sistema electoral fose proporcional non as tería. Por iso insistimos na necesidade de acción contra a regresión en material laboral ou o idioma. Estamos a favor dunha unidade de acción, mais a proxección electoral depende do contexto. O BNG chegou a 400.000 votos en 1997 e desde entón perdeu a metade. Connosco dentro non gañaría votos: sería visto como o actual BNG. Porén se nos imos e a nosa alternativa recupera os votantes que perdeu o Bloque, a suma total será maior á que ten agora o nacionalismo. Esa é a intención. O resultado sería peor se nos pelexamos. Pero dous non pelexan se uno non quere. Outra cousa é se hai agresión: existe a lexítima defensa.

Xa ten unha idea de nome para o seu novo partido?

Será unha fronte ampla. De aí sairá algo... se se acepta.

Decepcionaríalle que Máis Galiza quedase no BNG?

Non creo que quede. Pode quedar algunha parte.

Nenhum comentário: