23/02/2012

Salarios e competitividade

Vicenç Navarro. Artigo tirado de Público (aquí) e traducido por nós. Ilustración Mikel Jasó.



Unha postura sustentada polas elites gobernantes da Unión Europea (UE), tales como o Consello Europeo liderado polo binomio Merkel-Sarkozy, a Comisión Europea e o Banco Central Europeo, así como polos partidos conservadores que hoxe gobernan a maioría de países do tal comunidade, é que os estados periféricos da eurozona deben o seu estancamento económico a un excesivo crecemento dos salarios que converteu ás súas economías en pouco competitivas. Esta postura subliña, pois, que a non ser que estes países reduzan os seus salarios, non poderán saír da Gran Recesión na que se atopan.

Respondendo a esta postura, o Goberno Rajoy impuxo (utilizo a expresión "imposto", pois ditas medidas non estaban no seu programa electoral) a reforma laboral máis agresiva que existise en España no seu período democrático, que ten como obxectivo reducir os salarios a base de intervencións que tentan debilitar ao mundo do traballo; como son a facilitación do despedimento (que inevitabelmente aumentará o desemprego), a descentralización e enfraquecemento dos convenios colectivos e o enfraquecemento moi marcado da protección social (con redución moi acentuada de dereitos laborais e sociais que a clase traballadora e outros sectores das clases populares adquiriran). Os recortes en gasto público social, con redución das transferencias, como as pensións, así como do gasto nos servizos do Estado do benestar, teñen tamén como obxectivo debilitar ao mundo do traballo, diluíndo a universalidade de tales servizos, converténdoos en servizos de beneficencia, de tipo asistencial. Hoxe, as clases populares en España están sometidas ao ataque máis frontal que experimentasen no período democrático, baixo o pretexto de aumentar a competitividade.

Tal postura ignora deliberadamente a evidencia científica que mostra o erro e/ou a falsidade de cada un dos seus postulados. Vexamos os datos. En primeiro lugar, non é certo que os salarios reais (a diferenza dos nominais) crecesen máis que, por exemplo, os salarios alemáns. O economista David Lizoain sinalou nun artigo publicado en Social Europe Journal (The ECB's Housing Omisión, 16-02-12) que Eurostat, a axencia de datos da UE, non inclúe no seu cálculo da inflación dos países membros de tal comunidade a evolución do prezo da vivenda (un dos artigos máis importantes de consumo no noso país, acentuado aínda máis no período da burbulla inmobiliaria), co cal os datos comparativos salariais subestimaron espectacularmente a inflación existente en España. Incluíndo a vivenda (para todos os países da UE), resultaría que o salario real español (que mide a capacidade adquisitiva do traballador) foi descendendo en lugar de ir aumentando, como aparece erroneamente nos datos oficiais, incrementándose aínda máis a diferenza co salario real alemán (e o salario media da Eurozona).

Outra falsidade de tal postura é asumir que o prezo dos produtos que se exportan é o variábel determinante do éxito das exportacións. En realidade, o caso alemán é o mellor exemplo da falsidade do devandito suposto. A variabilidade dos prezos de exportación en Alemaña ten escaso impacto no éxito das súas exportacións. Juan Torres, nun artigo publicado no seu blog Ganas de escribir titulado "Fai falta baixar salarios para que España sexa competitiva?", mostra, en base a un estudo internacional sobre competitividade (de Natixis), que esta non depende primordialmente dos prezos nin dos salarios, senón doutros factores relacionados co tipo de produtos exportados. As exportacións españolas baseadas en tecnoloxía media e media alta, e noutras de tecnoloxía baixa (agrícola, pesqueiro, bebidas, tabaco, téxtil e calzado), teñen unha marca diferencial de calidade que explican o seu éxito por vías diferentes ao prezo. Iso explica o mantemento -e mesmo o aumento- das exportacións nos últimos anos, desde 1999 a 2011 (para profundar neste punto, ver o meu artigo "Necesita España unha fustrega para saír da crise?").

É importante sinalar que, aínda que os prezos fosen os variábeis determinantes do nivel de exportacións, os salarios non son os únicos determinantes dos prezos. Cando se vende un produto, o diñeiro que se ingresa vai en parte a pagar os salarios, pero por outra banda engrosa os beneficios (un custo de produción que ha ir crecendo dunha maneira moi marcada). No argumento que dá o Goberno de Rajoy de que hai que diminuír os salarios para reducir os prezos, deliberadamente ignórase que seguindo o mesmo razoamento debesen reducirse os beneficios, que son tamén determinantes na configuración dos prezos. Esta alternativa é sistematicamente excluída, o cal mostra con maior claridade a falsidade da súa postura: non é aumentar a competitividade, senón aumentar os beneficios empresariais o que se tenta conseguir con tales reformas, acentuando aínda máis o que estivo ocorrendo estes anos. As rendas empresariais (os beneficios) superaron este ano por primeira vez ás rendas salariais en España. Isto é o que se chama (aínda que ninguén o di) a brutal loita de clases unilateral que a banca e a gran patronal, a través da súa influencia no Estado, están a impor en España, causando ademais dunha enorme dor (totalmente innecesario), un desastre económico, pois a redución dos salarios determinará aínda máis un descenso da demanda, causa da Gran Recesión, en vías de ser a Gran Depresión. E se non llo cren, esperen e verano. En realidade, para grandes sectores da poboación, a Gran Depresión xa está aquí.

Nenhum comentário: