28/03/2012

As razóns para a folga xeral

Vicenç Navarro. Artigo tirado de aquí e traducido por nós.



Mírese como se mire, moitas das políticas públicas do goberno do Partido Popular teñen como obxectivo diminuír os salarios e reducir a protección social. Tal obxectivo xustifícase co argumento de que hai que recuperar a confianza dos "mercados financeiros", medorentos estes de que o elevado déficit do Estado español imposibilite o pago dos xuros da débeda pública, creando un grave problema para tal Estado, pois non poderá conseguir diñeiro prestado de tales mercados para realizar as súas funcións. Esta xustificación adquiriu a dimensión de dogma, imposto polas autoridades que rexen a Eurozona e a Unión Europea. En realidade, tales autoridades xa nomearon un supervisor que instrúa ao goberno español sobre cando e como alcanzar tales obxectivos, convertendo a España nun protectorado, con escasa soberanía e capacidade de decisión nacional. Tal argumento require para a súa sustentabilidade que a poboación crea que tales medidas, que son altamente impopulares, son necesarias para recuperar o seu benestar, presentándoas como as únicas posíbeis.

O que a cidadanía debería coñecer (e non é fácil que coñeza, debido á escasísima diversidade ideolóxica existente nos medios de información e persuasión do país) é que cada un dos supostos que sosteñen tal xustificación é erróneo. A evidencia científica amplamente dispoñíbel mostra os seguintes feitos:

- A falta de confianza dos chamados mercados financeiros cara á economía española non se debe, neste momento, ao "excesivo déficit" ou á "excesiva débeda pública" (máis baixa que a de Alemaña), senón ao escaso crecemento económico, que empeorará coas medidas de recortes de gasto público (incluíndo gasto público social) e de emprego público, e coa redución dos salarios. A evidencia de que tales medidas empeorarán a situación económica é abafadora. Pasou en Grecia, está a pasar en Portugal, e ocorre tamén no Reino de España.

- Os xuros da débeda pública están altamente influenciados polo comportamento do Banco Central Europeo (BCE), o cal é, en realidade, máis un lobby da banca que un banco central. O BCE está a axudar masivamente á banca europea (incluíndo a banca española) á conta de non axudar aos Estados. Se o Banco Central Europeo fose un banco central, o Reino de España e os outros países periféricos da Eurozona non terían o problema que teñen en poder vender débeda pública, pois tal banco compraría tanta como fose necesario para baixar os seus intereses. Agora ben, o feito de que o Banco Central Europeo non interveña e axude aos Estados comprando débeda pública directamente, é precisamente para beneficiar aos bancos. A evidencia de que isto é así é tamén abafadora.

- En realidade, o elevado desemprego de Estado español non se debe nin ás "supostas" rixideces do mercado de traballo nin á "excesiva" protección social. España foi, en 2011, o país xunto cos EUA e Irlanda, onde proporcionalmente se despedíron máis traballadores, tanto fixos como temporais. E o gasto público social por habitante é o máis baixo da UE-15 (o grupo de países de semellante nivel de desenvolvemento económico ao español). A evidencia científica de que os recortes sociais e as reformas do mercado laboral non só non crearán emprego senón que o destruirán, é contundente e abafadora.

A pregunta que o lector se fará é: por que, entón, o Partido Popular fai tales políticas? A resposta é que os intereses que representan -a banca e a gran patronal- si que se están beneficiando destas políticas. En realidade, están a conseguir o que sempre desexaron. Están a utilizar a crise que eles crearon (e moi en especial, a banca) para alcanzar o que sempre quixeron, é dicir, baixar os salarios, diminuír a protección social e privatizar o Estado do Benestar. E estano facendo sen que houbese un mandato popular. En realidade, negaran que farían cada unha das medidas que están agora implementando. Este insulto democrático debe denunciarse nunha democracia. E a maneira de responder é cunha folga xeral.

Unha última observación. Non é casualidade que os países que teñen maiores problemas económicos e financeiros na Eurozona son aqueles países que estiveron dominados por períodos máis longos da súa historia, polas forzas conservadoras: Grecia, Portugal e España. Nestes países, os Estados foron influenciados en grande maneira pola banca, a grande patronal e as grandes fortunas, que explica a regresividade das súas políticas fiscais e a grande fraude fiscal. Segundo os técnicos da Axencia Tributaria do Estado español, o 72% de todo a fraude fiscal en España realízano estes grupos, cuxa influencia sobre o Estado é enorme. Esta situación explica a pobreza do Estado español (tanto central, como autonómico e municipal), a súa débeda pública e o subdesenvolvemento do seu Estado do Benestar. Son estas mesmas forzas financeiras e económicas as que agora están a impor tales políticas, co apoio das elites gobernantes da Eurozona. Por iso é polo que unha folga xeral é tamén unha continuación dunha longa historia para recuperar a democracia e o benestar da cidadanía, denunciando os responsábeis, dentro e fóra do Estado español, do seu escaso desenvolvemento social.

Nenhum comentário: