28/03/2012

Beiras rexeita crear outra fronte ou un partido clásico

Tirado de La Voz de Galicia (aquí). Aproveitamos para denunciar o tratamento totalmente indigno que a TVG e La Voz deron do brigadista onte falecido en Galiza.


Os «irmandiños» expoñen unha organización de democracia directa dada a desafección cidadá cara á política


Mentres o BNG marca o territorio como única alternativa nacionalista ao PP, despreocupado publicamente do que poida facer unha hipotética forza chamada a competir no seu espazo electoral, os escindidos do Bloque comezan a colocar as primeiras pedras dun novo proxecto. O Encontro Irmandiño (EI), liderado por Beiras, acaba de aprobar un documento base que servirá como proposta para o debate con grupos e cidadáns interesados nunha alianza e que parte da premisa de que non hai mellor contexto social para impulsar un proxecto que agora, dada a crecente desafección cidadá cara á política.

Por iso, Beiras e o seu grupo propoñen de saída fuxir dun modelo frontista como o do BNG, que  dexenerou «nunha coalición asimétrica de partidos», e das forzas políticas de corte clásico. En ambos os casos, segundo os irmandiños, incórrese nun funcionamento piramidal, que se afasta das bases e segmentos sociais aos que se di representar.

Así as cousas, os irmandiños expoñen unha organización completamente nova, plural, que se constrúa de abaixo cara arriba, na que funcione a democracia directa, tal e como figura no documento que colgaron na súa páxina web.
Uns principios organizativos mínimos e moi xerais que deixan, polo menos por agora, moitos interrogantes abertos, pero que Beiras e os seus queren concretar con outros grupos nos próximos meses. Unhas conversacións nas que está chamado a xogar un papel relevante Máis Galiza, partido liderado agora por Xoán Carlos Bascuas, e que centra agora todos os seus esforzos en dotar de músculo territorial á súa nova organización, cun papel relevante para os mozos.

Na xestación do novo proxecto hai tamén abertas conversacións coa á centrista dos escindidos do BNG, na que figuran Xosé Mosquera, do PNG, ou o exsenador ourensán Xosé Manuel Pérez Bouza.
Unha alianza nun estado moi embrionario, sobre a que penden numerosos interrogantes que o paso do tempo encargarase de aclarar e que está condicionada polo escaso tempo que hai ata as autonómicas, o que pode afectar a aspectos organizativos.
Talvez por iso especúlese agora sobre a posibilidade de que o novo proxecto concorra á cita electoral como unha grande plataforma ou coalición de distintas sensibilidades.

Sobre a mesa hai moitas outras incógnitas por despexar, como cal será o papel que tería Beiras nun proxecto no que están chamadas a participar outras figuras públicas, como a exconselleira de Vivenda e exdiputada do BNG, Tareixa Táboas, persoa que goza da confianza do Encontro Irmandiño e de Máis Galiza. Con todo, o documento base de proposta de debate que xa fixeron público os irmandiños non inclúe nin unha soa referencia aos liderados e insiste na necesidade de articular unha organización nova, que se constrúa desde a base social como requisito para gañar a confianza cidadá.

4 comentários:

Irmandiño disse...

Na Asemblea Nacional do Encontro Irmandiño aprobouse o seguinte acordo (e colo directamente da sua web):

En consecuencia, a Asemblea Nacional do Encontro Irmandiño acorda:


2. Construír conxuntamente con todas aquelas persoas que estean a prol dunha nova organización política desas características unha fronte ampla nacionalista, plural e co centro de gravidade na esquerda.

Non van as declaracións do compañeiro Beiras en contra do que acordamos na nosa Asemblea Nacional??

Revolta Irmandinha disse...

Ao que se refire Beiras é a que non se pode crear unha fronte clásica. A idea da fronte ampla é congruente co documento borrador. Obviamente, o xornalista aproveita para resaltar que Beiras non quere "fronte".

Indignado disse...

Dame a impresión que ao final isto vaise convertir nun partido ao estilo personalista estilo UPyD onde o que importa é o lider e non as ideas, o Encontro Irmandiño debemos ser algo máis que Beiras!

Paula Verao disse...

O documento aprobado polo Encontro Irmandiño como BORRADOR, aportación á que, nós mesmos, lle engadiremos e cambiaremos cousas, e que é presentada para o debate nos grupos de base, que son "os que máis ordenan", foi feito polo EI, non por Beiras, pero xa sabemos que a prensa di "Beiras perfila su nuevo partido", porque é un titular máis sensacionalista. O EI non é só Beiras, dende logo, e o Novo Proxecto Común é de toda a xente que decida secundalo. E claro que importan as ideas, por iso as propomos como aportación e non estamos falando de nomes.