30/03/2012

"É preciso un proxecto que rache todos os esquemas en política"

Entrevista a Tareixa Táboas tirada de El País (aquí).



A exconselleira Teresa Táboas (México DF, 1961) quere volver á política. Asegura que fala con "moita xente" e que agora se trata de "buscar a fórmula". Pregunta. Vostede foi a primeira dunha serie de baixas ilustres no BNG. Que fallaba?

Resposta. Por honestidade e por coherencia, non podía defender a liña política saída da asemblea de Amio. Non cría nela. Entendo o nacionalismo de maneira distinta e dei un paso atrás. Hai quen di que prendín a mecha.

P. Foi a primeira.
R. Pero son procesos que levaban tempo fraguándose.

P. Como é esa "maneira distinta" de entender o nacionalismo?

R. Coa liña maioritaria do Bloque, que xa saíra na asemblea de 2009, había cousas que compartía e outras que non. Eu estaba na Executiva, ademais. Porén íase consolidando a parte coa que eu non coincidía.

P. Por exemplo?

R. Debemos achegarnos a sectores concretos mais hai que abrirse ao resto da sociedade. Efectivamente pivotando na esquerda, mais achegándoche a sectores dos que o nacionalismo se afastou. Só facendo unha foto real do que hai podes transformalo.

P. Deixou de funcionar o modelo do Bloque?
R. Está en implosión. Nun momento de crise económica, política e social, a convulsión afecta as formacións políticas. Uns e outros fixemos tamén lecturas diferentes do bipartito.

P. E cal é a súa?

R. Cada vez vexo máis luz naquela experiencia. Houbo erros e présa, de quen gobernaba e da propia sociedade, que quería cambios máis rápido. Porén en tres anos de goberno de Feijóo non vexo unha soa noticia, unha soa medida de importancia... Só fogos de artificio que raian no surrealismo, ineptitude, desidia, cando se necesitan políticas contundentes. Isto arroxa luz sobre o bipartito.

P. Entrou no Bloque co bipartito e saíu seis anos despois. Non é moito tempo.

R. Suficiente para entender o papel que debe xogar a política. É necesario estar atentos e escoitar a esa parte da sociedade que non está adormecida e que se concretou no 15-M.

P. Sufriu decepción por como funcionan as cousas?

R. Se. Descobres que hai ferramentas caducas. Por exemplo, catro anos, agora, son moitos sen que a xente poida opinar.

P. Volverá á política institucional?

R. O que estou a facer é escoitar, reunirme, xa desde hai moitos meses, con grupos de persoas de distintos sectores sociais, de distintos sectores de pensamento político. Sobre todo da esquerda. Ultimamente, estas reunións teñen máis présa. Hai que escribir primeiro o guión e despois ver como se participa.

P. "Cada vez con máis présa" significa que as eleccións están á vista?

R. Non debe ser un proceso temporalmente limitado, senón que cimente un novo proxecto político que sexa vangarda, que rompa todos os esquemas de como se traballa na política. Para iso hai falta tempo e non limitalo a unhas eleccións. Hai que facer as cousas desde abaixo.

P. Hai espazo para máis nacionalismos en Galiza?

R. Hai espazo para outro nacionalismo e para outras formas de facer política. En todo o planeta. Basta mirar a Islandia: despois da rebelión cidadá contra a especulación crece un 3%.

P. No oitenta, fracasaron Esquerda Galega e o nacionalismo centrista.

R. A construción do BNG ocorre despois dun traxecto en solitario. O nacionalismo de centro súmase no 91, despois do tripartito. Esa fórmula foi vangarda, mais non hai que ancorarse no conservadurismo de certa esquerda dogmática. Hai que avanzar, porque somos seres históricos, non ahistóricos. O século XXI véxoo antes como procura de solucións que como solucións precociñadas.

P. É partidaria de recuperar o termo galeguismo?

R. Son partidaria porque o Partido Galeguista, o de Castelao, chamábase así. Deixouse esa bandeira en mans de PP e PSOE, que por certo non a recolleron.

P. Si retóricamente.

R. Exactamente. Son partidaria de recuperalo, porque hai persoas que teñen un sentimento que non concretaron nunha fórmula política mais si sentido de pertenza a unha cultura e a un país. Traballadores, empresarios, profesionais.

P. A historiografía considera o nacionalismo a seguinte etapa ao galeguismo. Non é un paso atrás?

R. Non, porque a resposta da sociedade está nun 10%. Alguén quedou, xente que haberá que recoller de novo.

P. Porén galeguismo é hoxe un termo baleiro de contido.

R. Si, parece que todo cabe nel, pero haberá que enchelo. E revisar cuestións identitarias.

P. En que sentido?

R. A globalización dilúe as fronteiras e orixina identidades superpuestas, difusas. Creo no nacionalismo como proxecto cívico. É a grande reflexión que o nacionalismo non fixo.

P. Beiras fala de recuperar o espírito do BNG do 82, pero Máis Galiza non quere ouvir nada dun "BNG dous".

R. Non é tanto recuperar como buscar. O Bloque foi o camiño adecuado no seu momento, mais agora hai que buscar a fórmula. Falar con moita xente, saber que demandan, que queren, que cren que debe ser a política. Dicía Punset que á xente cada vez lle molesta máis que lle falen de ideoloxías, que a xente quere que lle falen dos seus problemas.

P. Iso tamén é ideoloxía.

R. Porén unha nova ideoloxía, que ten que beber do 15-M, mais tamén na Primavera Árabe, en Occupy Wall Street, en Islandia. Quero beber do que sucede no meu tempo. Do pasado aprendo, non podo vivir nel.

P. Até Rubalcaba cita o 15-M. Converterase en muletilla?

R. Do 15-M gústame que a sociedade de súpeto se levantase e dixera "xa está!", xente ideológicamente diversa que confluía nas prazas. Porén defendo reivindicacións concretas: as listas abertas, a participación cidadá e os referendos. Por que non se podería votar se estamos de acordo co convenio de Barreiros? Tamén a adscrición individual. Non entendo que se te adhires a un proxecto colectivo, despois haxa dentro colectivos que exercen presión...

P. Sucede en todos os partidos.

R. Se as persoas deciden sumarse a un proxecto colectivo, non necesito máis. Se non, perdemos o tempo con cuestións internas e non cos problemas da xente.

P. Será posíbel organizar aos grupos e sectores escindidos, de esquerda ou nacionalistas?

R. A sociedade está a esperalo. Non se poden repetir un BNG dous. Debemos sumar á xente que nunca estivo en política, que estivo en iniciativas de base... Non me interesa de onde veñan, senón cara a onde queremos ir.

P. Pensa nalgún modelo?

R. Estamos no taller do que vai ser a concreción do modelo político do século XXI. É complicado.

Nenhum comentário: