Xoan R. Doldán. Artigo tirado de Altermundo (aquí). Este artigo de Xoán R. Doldán foi publicado no nº1 da revista O Peteiro, voceiro do Partido da Terra.
Brasov, Romenia. |
Máis da metade da poboación mundial vive en núcleos urbanos, un 20 por cento do total en cidades que superan os 750 mil habitantes. Na Galiza case o 60 por cento da poboación vive nas áreas urbanas das nosas sete cidades, elevándose a máis do 70 por cento a poboación que poderíamos considerar urbana, aínda que o tamaño medio dos núcleos urbanos galegos non é demasiado elevado. O fenómeno da urbanización foi crecendo paulatinamente nos últimos anos. Con todo esta evolución só foi posíbel grazas a que se dispuxo de cantidades crecentes de enerxía abundante e barata, cun sistema enerxético baseado nos combustíbeis fósiles e, en particular, no petróleo. Isto permitiu afastar a pantasma da falta de recursos locais como limitación ao crecemento demográfico e ao crecemento urbano, ofrecendo en contraste a abundancia dos mercados.
A posesión de escravos mecánicos movidos polo petróleo favoreceu unha agricultura que xa non requiriría de tantas persoas para traballaren a terra, ou mesmo que os alimentos ou outros recursos materiais e enerxéticos puideran vir de calquera parte do mundo, por moi afastado que estiver. Deste modo mentres había unha queda da poboación activa na agricultura, o uso da enerxía exosomática para a obtención de alimentos foi en aumento. Na Galiza, de 1985 a hoxe abandonaron a agricultura 350 mil persoas (un 85 por cento da poboación activa que tiña naquela altura) e desapareceron dous terzos das explotacións. O mundo rural esmoreceu, as explotacións labregas foron convertidas en empresas agrícolas, a cultura rural substituíse por unha extensión dos valores urbanos, os espazos periurbanos transfórmanse en arremedos das antigas aldeas, onde a morriña polo paraíso rural perdido fai aflorar un negocio inmobiliario que recrea os antigos campos mediante xardíns á moda urbana, e as antigas casas labregas en chalets, contribuíndo a acelerar a desaparición do rural, ao estabelecer unha xerarquía dos territorios en función das necesidades e da rendibilidade promovida desde o mundo urbano, onde as comunidades rurais son substituídas por urbanizacións. O proceso de descomposición e recomposición de áreas rurais virá tamén da man do turismo rural estacional ou de fin de semana, onde os habitantes das urbes pretenden recuperar o contacto coa natureza, coas vellas tradicións e a cultura campesiña. No entanto a vida rural só pasa a ser unha representación do que foi, un lugar de lecer e descanso e non un lugar de traballo e de comunidades rurais. Produtores e consumidores de alimentos pasan a constituír categorías nidiamente diferenciadas, mediando entre eles unha basta rede de industrias e distribuidores que necesita de grandes cantidades de enerxía para conectar a uns cos outros, provocando o absurdo de que se utilice máis enerxía nisto que a que conteñen os propios alimentos.
Manter este sistema no futuro vai ser imposíbel, considerando que estamos nun escenario de teitos constatados de extracción do petróleo, inminentes para o gas natural e moi probábeis en poucos anos para o carbón, sen que haxa ningunha outra fonte que poida ofrecer de forma tan rápida, abundante, barata, concentrada e flexible a potencia enerxética da que até agora dispoñemos. Todo aumento da demanda enerxética nunha parte do planeta de aquí en diante farase a costa dunha obrigada redución noutra parte e, en todo caso, a prezos moitos máis altos. Nestas condicións, o crecemento económico só será factíbel en determinados lugares e por certo tempo, mais non poderá ser o modelo universalizábel que o capitalismo nos intentou vender. Máis aínda, esa imposibilidade de crecemento universal pon fin á fantástica idea dunha globalización sen límites onde poboación-territorio-recursos non tiñan porque ir da man, onde as limitacións non eran materiais nin espaciais senón, acaso, financeiras. Con combustíbeis cada vez máis caros e cunha oferta cada vez máis limitada, o transporte mundial de materiais, enerxía, alimentos e outras mercadorías pode caer nunha trampa enerxética e colapsar. De ser así, a este colapso seguiríanlle outros, incluído o do sistema alimentario actual. Logo, o futuro poderá seguir sendo urbano?.
Dificilmente. Os primeiros en constatalo serán aqueles lugares con maior concentración urbana, menor produción de alimentos local e con agriculturas intensivas no uso de enerxía fósil. Cómo cubrir a demanda básica de alimentos onde se ten renunciado a producilos ou onde se producen grazas á importación de petróleo e agroquímicos?.
Re-ruralizar e re-agrarizar o mundo xa non é unha opción mais apenas algo inevitábel. E facelo suporá mudanzas noutros moitos ámbitos. Os prazos, porén, xogan na nosa contra. O debate debería estar en como facer o proceso de transición e o tempo do que se dispón, de modo que os campesiños aumenten a súa resiliencia en tempos de escaseza e volatilidade dos prezos. Neste contexto, e ao marxe da dificultade do cambio de modelo, compre considerar que sistema alimentario, non baseado en enerxías fósiles, necesitamos para que unha vez completado o tránsito poidamos fornecer de alimentos a poboación mundial e, mentres non se produce o tránsito, como resolver o descenso na dispoñibilidade de combustíbeis para realizar as diferentes tarefas de produción e distribución de alimentos.
O repto non é fácil e obrigará a reconsideralo todo: mudar as expectativas polos produtores actuais, achegar a produción agrícola a sistemas naturais rexenerativos da fertilidade da terra e de control de pragas, procurar o autosubministro enerxético con base nas renovábeis, promover a produción local e as redes de comercio local de produtos alimentarios, procurar cambios na dieta alimentaria xeral, favorecer as pequenas explotacións e a autoprodución agrícola, etc.
Estes cambios, de non facerse coa participación da poboación campesiña e do conxunto da sociedade, provocarán grandes desaxustes, mesmo para os produtores actuais de alimentos, polo que é desexábel que se inscriba nunha transformación social e económica global. Debemos transformar esta sociedade hiperurbana, cara outro modelo onde o rural non só predomine senón que serva como eixo vertebral. Sen dúbida, o futuro é rural e debería ser aquel que nós queiramos e axudemos a construír.

Nenhum comentário:
Postar um comentário