Mostrando postagens com marcador peak oil. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador peak oil. Mostrar todas as postagens

23/12/2012

Corenta anos despois do informe ao Clube Roma. Entrevista

Entrevista a Dennis Meadows, tirada de Sin Permiso (aquí) e traducido por À revolta entre a mocidade.      
Declaracións recollidas en maio de 2012 por Hervé Kempf y Stéphane Foucart, periodistas de Le Monde. Dennis L. Meadows (1942) é profesor emérito da Universidade de Nova Hampshire, presidente do Laboratory for Interactive Learning, e coautor con Donella H. Meadows, Joergen Randers y William W. Behrens III do celebérrimo Informe ao Clube de Roma, Os límites del crecimiento. En 2004 publicouse unha versión actualizada Los límites del crecimiento: 30 años después (Galaxia Gutenberg, Madrid, 2004).


 

En marzo de 1972, en resposta a unha petición dun think-tank con sede en Zurich (Suíza) –o Clube de Roma-, investigadores do Massachusetts Institute of Technology (MIT) publicaban The Limits to Growth, un informe que estabelecía un modelo das posíbeis consecuencias de mantener o crecemento económico a longo prazo. Ao publicarse a última edición [francesa] de Limites à la croissance (Rue de l´Echiquier, colección “Initial(e)s DD, 2012), o seu primeiro autor, o físico norteamericano Dennis Meadows, de 69 anos de idade, responde a Le Monde.

¿Qué balance fai vostede do informe de 1972?

En primeiro lugar, non era un bo título. Todo científico comprende que hai límites ao crecemento da poboación, do consumo enerxético, do PIB, etc. As cuestións interesantes estriban máis ben en saber o que causa este crecemento e cales serán as consecuencias de toparse cos límites físicos do sistema.

No entanto, a idea común segue sendo que non hai límites. E cando demostras que os hai, respóndenche xeralmente que non é grave, porque nos acercaremos a eles de maneira tranquila e ordeada para deternos suavemente grazas ás leis do mercado. O que demostramos en 1972, e segue sendo válido corenta años despois, é que isto non é posíbel: franquear os límites físicos do planeta conduce ao afundimento.

Coa crise financeira, vese o mesmo mecanismo de franquear un límite, o do endebedamento: e vese que as cousas non suceden tan tranquilamente.

Que entende vostede por afundimento?

A resposta técnica es que o afundimento é un proceso que implica un “bucle de retroacción positiva”, é dicir, un fenómeno que reforza aquilo que o provoca. Por exemplo, en Grecia: a poboación perde a súa confianza na moeda. Retira, por tanto, os fondos dos seus bancos e, por tanto, debilítanse os bancos, polo cal a xente retira aínda máis cartos dos bancos, etc., o que leva ao afundimento.

Pódese dar unha respuesta que non sexa técnica: o afundimento caracteriza a unha sociedade que ten cada vez menos capacidade de satisfacer necesidades elementais: alimentación, sanidade, educación, seguridade.

Vense signos tanxíbeis deste afundimento?

Algúns estados xa están nesa situación, como Somalia, por exemplo. Do mesmo modo, a “primavera árabe”, que se presentou un pouco en todas partes como solución aos problemas, non é na verdade máis que o síntoma de problemas que nunca resolveran. A estes estados fáltalles auga, deben importar os seus alimentos, a súa enerxía, todo iso cunha poboación que aumenta. Noutros estados, como os Estados Unidos, andan menos cerca do afundimento, mais están nesa vía.

O crecemento mundial vai, xa que logo, a deterse inelutabelmente?

O crecemento vai deterse en parte en razón da dinámica interna do sistema e en parte en razón de factores externos, como a enerxía. A enerxía ten unha influencia moi grande. A produción petroleira pasou o seu pico e vai comezar a descender. Agora ben, non hai substituto rápido do petróleo para os transportes, para a aviación…Os problemas económicos dos estados occidentais débense en parte aos elevados prezos da energía.

Nos próximo vinte anos, entre hoxe e 2030 veremos máis mudanzas das que houbo nun século na política, no medio ambiente, na economía, na técnica... Os problemas da zona euro non representan máis que unha pequenísima parte do que imos ver. E esas mudanzas non se levarán a termo de maneira pacífica.

No entanto, a China mantén un elevado crecemento…

Descoñezo cal será o futuro da China. Engánase a xente que dice que, cun crecemento de 8% a 10% anual, China será o país dominante en vinte anos. É imposíbel facer que dure este xénero de crecemento. Nos anos 80, Xapón mantiña este tipo de ritmo e todo o mundo dicía que dominaría o mundo. Desde luego, non pasou iso, detívose.E deterase no caso da China- Unha razón pola que o crecemento é fortísimo na China é a política de fillo único, mudando da estrutura da poboación de maneira que cambiou a proporción entre a man de obra e os que dependen dela, é dicir, os mozos e os vellos. Durante un período que vai durar até por volta de 2030, haberá un aumento da man de obra. E despois deterase.

Amais, a China deteriorou considerabelmente o seu medio ambiente, particularmente os seus recursos hídricos, e os impactos negativos da mudanza climática sobre o país serán enormes. Algúns modelos climáticos suxiren así que no horizonte de 2030 podería ser pouco menos que imposíbel cultivar calquera cousa nas rexións que proporcionan actualmente 65% das colleitas chinesas... Que é que acredita vostede que farán entón os chineses? Que ficarán na casa sofrendo eles sós a fame? Ou que irán ao norte, para a Rusia? Non sabemos como reaccionará a China a este xénero de situación.

Qué consello lles daría a François Hollande, Angela Merkel ou Mario Monti?

 Ningún, porque lles importa ben pouco na miña opinión, mais supoñamos que eu fora un mago: a primera cousa que faría sería alongar o horizonte de tempo dos homes políticos. Para que non se pregunten que facer de aquí ás próximas eleccións senón que se pregunten:  "Se fago isto, que consecuencias terá en trinta ou corenta anos?" Se amplía o horizonte temporal, é máis probábel que a xente empece a comportarse dun modo bo.

Que pensa vostede da “política de crecimento” na zona euro?

Se a túa única política se funda no crecemento, non quererás ouvir nin falar da fin del crecemento. Porque iso significa que tes que inventar algo novo. Os nipóns teñen un proverbio interesante: "Se a túa única ferramente consiste nun martelo, todo parécese a unha punta". Para os economistas, a única ferramenta é o crecemento e todo aseméllase por tanto a unha necesidade de crecemento.

Igualmente, os políticos son elixidos para pouco tempo. O seu propósito consiste en parecer bos e eficaces durante o seu mandato; non se preocupan do que pasará despois. Xusto por iso téñense tantas débedas: pídese prestado sobre o futuro, para ter beneficios inmediatos, e cando se trata de devolver a débeda, que a contraeu xa non se ocupa desas cousas.




17/04/2012

O futuro é rural

Xoan R. Doldán. Artigo tirado de Altermundo (aquí). Este artigo de Xoán R. Doldán foi publicado no nº1 da revista O Peteiro, voceiro do Partido da Terra.

Brasov, Romenia.


Máis da metade da poboación mundial vive en núcleos urbanos, un 20 por cento do total en cidades que superan os 750 mil habitantes. Na Galiza case o 60 por cento da poboación vive nas áreas urbanas das nosas sete cidades, elevándose a máis do 70 por cento a poboación que poderíamos considerar urbana, aínda que o tamaño medio dos núcleos urbanos galegos non é demasiado elevado. O fenómeno da urbanización foi crecendo paulatinamente nos últimos anos. Con todo esta evolución só foi posíbel grazas a que se dispuxo de cantidades crecentes de enerxía abundante e barata, cun sistema enerxético baseado nos combustíbeis fósiles e, en particular, no petróleo. Isto permitiu afastar a pantasma da falta de recursos locais como limitación ao crecemento demográfico e ao crecemento urbano, ofrecendo en contraste a abundancia dos mercados.

A posesión de escravos mecánicos movidos polo petróleo favoreceu unha agricultura que xa non requiriría de tantas persoas para traballaren a terra, ou mesmo que os alimentos ou outros recursos materiais e enerxéticos puideran vir de calquera parte do mundo, por moi afastado que estiver. Deste modo mentres había unha queda da poboación activa na agricultura, o uso da enerxía exosomática para a obtención de alimentos foi en aumento. Na Galiza, de 1985 a hoxe abandonaron a agricultura 350 mil persoas (un 85 por cento da poboación activa que tiña naquela altura) e desapareceron dous terzos das explotacións. O mundo rural esmoreceu, as explotacións labregas foron convertidas en empresas agrícolas, a cultura rural substituíse por unha extensión dos valores urbanos, os espazos periurbanos transfórmanse en arremedos das antigas aldeas, onde a morriña polo paraíso rural perdido fai aflorar un negocio inmobiliario que recrea os antigos campos mediante xardíns á moda urbana, e as antigas casas labregas en chalets, contribuíndo a acelerar a desaparición do rural, ao estabelecer unha xerarquía dos territorios en función das necesidades e da rendibilidade promovida desde o mundo urbano, onde as comunidades rurais son substituídas por urbanizacións. O proceso de descomposición e recomposición de áreas rurais virá tamén da man do turismo rural estacional ou de fin de semana, onde os habitantes das urbes pretenden recuperar o contacto coa natureza, coas vellas tradicións e a cultura campesiña. No entanto a vida rural só pasa a ser unha representación do que foi, un lugar de lecer e descanso e non un lugar de traballo e de comunidades rurais. Produtores e consumidores de alimentos pasan a constituír categorías nidiamente diferenciadas, mediando entre eles unha basta rede de industrias e distribuidores que necesita de grandes cantidades de enerxía para conectar a uns cos outros, provocando o absurdo de que se utilice máis enerxía nisto que a que conteñen os propios alimentos.

Manter este sistema no futuro vai ser imposíbel, considerando que estamos nun escenario de teitos constatados de extracción do petróleo, inminentes para o gas natural e moi probábeis en poucos anos para o carbón, sen que haxa ningunha outra fonte que poida ofrecer de forma tan rápida, abundante, barata, concentrada e flexible a potencia enerxética da que até agora dispoñemos. Todo aumento da demanda enerxética nunha parte do planeta de aquí en diante farase a costa dunha obrigada redución noutra parte e, en todo caso, a prezos moitos máis altos. Nestas condicións, o crecemento económico só será factíbel en determinados lugares e por certo tempo, mais non poderá ser o modelo universalizábel que o capitalismo nos intentou vender. Máis aínda, esa imposibilidade de crecemento universal pon fin á fantástica idea dunha globalización sen límites onde poboación-territorio-recursos non tiñan porque ir da man, onde as limitacións non eran materiais nin espaciais senón, acaso, financeiras. Con combustíbeis cada vez máis caros e cunha oferta cada vez máis limitada, o transporte mundial de materiais, enerxía, alimentos e outras mercadorías pode caer nunha trampa enerxética e colapsar. De ser así, a este colapso seguiríanlle outros, incluído o do sistema alimentario actual. Logo, o futuro poderá seguir sendo urbano?.

Dificilmente. Os primeiros en constatalo serán aqueles lugares con maior concentración urbana, menor produción de alimentos local e con agriculturas intensivas no uso de enerxía fósil. Cómo cubrir a demanda básica de alimentos onde se ten renunciado a producilos ou onde se producen grazas á importación de petróleo e agroquímicos?.

Re-ruralizar e re-agrarizar o mundo xa non é unha opción mais apenas algo inevitábel. E facelo suporá mudanzas noutros moitos ámbitos. Os prazos, porén, xogan na nosa contra. O debate debería estar en como facer o proceso de transición e o tempo do que se dispón, de modo que os campesiños aumenten a súa resiliencia en tempos de escaseza e volatilidade dos prezos. Neste contexto, e ao marxe da dificultade do cambio de modelo, compre considerar que sistema alimentario, non baseado en enerxías fósiles, necesitamos para que unha vez completado o tránsito poidamos fornecer de alimentos a poboación mundial e, mentres non se produce o tránsito, como resolver o descenso na dispoñibilidade de combustíbeis para realizar as diferentes tarefas de produción e distribución de alimentos.

O repto non é fácil e obrigará a reconsideralo todo: mudar as expectativas polos produtores actuais, achegar a produción agrícola a sistemas naturais rexenerativos da fertilidade da terra e de control de pragas, procurar o autosubministro enerxético con base nas renovábeis, promover a produción local e as redes de comercio local de produtos alimentarios, procurar cambios na dieta alimentaria xeral, favorecer as pequenas explotacións e a autoprodución agrícola, etc.

Estes cambios, de non facerse coa participación da poboación campesiña e do conxunto da sociedade, provocarán grandes desaxustes, mesmo para os produtores actuais de alimentos, polo que é desexábel que se inscriba nunha transformación social e económica global. Debemos transformar esta sociedade hiperurbana, cara outro modelo onde o rural non só predomine senón que serva como eixo vertebral. Sen dúbida, o futuro é rural e debería ser aquel que nós queiramos e axudemos a construír.