24/04/2012

A socialdemocracia no seu labirinto

José María Ridao. Artigo tirado de El País (aquí) e traducido por Revolta Irmandiña.



Non se necesitarían líderes políticos, senón experimentados feiticeiros para elaborar, primeiro, e administrar, despois, a pócima reconstituínte que desde diversos ámbitos vén prescribindo á socialdemocracia. Mesturando ingredientes como a reafirmación dos valores tradicionais con excipientes como republicanismo ou sustentabilidade, a fórmula maxistral promete unha pronta recuperación para a socialdemocracia e, por extensión, para as sociedades devastadas pola insensata utopía da desregulación dos mercados. Quen sabe se semellante pócima chegará a destilarse algunha vez; de momento non pasa de ser un galimatías entre escolástico e farmacéutico que, aínda que se mira, só logrou un éxito tan rotundo como desconcertante: forxar unha inane lingua de madeira, sen outra utilidade que dar conta da crise da socialdemocracia.

Os diagnósticos máis habituais aseguran que a socialdemocracia está en crise porque alí onde goberna perde as eleccións e onde está na oposición non a gana. José María Maravall demostrou o erro desta percepción, deste diagnóstico, mais non importa: trátese ou non dun erro, a lingua de madeira forxada para dar conta da crise da socialdemocracia enseñorouse da totalidade do espazo público, permitindo disfrazar como profunda controversia ideolóxica o que, a final de contas, non é máis que unha discusión con pretensións sobre estratexia e propaganda electoral. Unha discusión exposta, ademais, en termos suicidas. Porque de verdade pode crer alguén, así sexa un gurú da modernidade ou un intelectual orgánico encadrado nun think tank, que os partidos socialdemócratas poden gañar eleccións prometendo empregabilidade, flexiseguridade, gobernanza global e outros aparatosos modismos frecuentes na lingua de madeira en circulación, que nada explican e que nada resolven porque, en realidade, non significan nada?

A socialdemocracia non está en crise; o que está en crise é a economía, a política, a cultura e, en fin, a sociedade no seu conxunto, tras varias décadas de aplicación intensiva das políticas inspiradas pola insensata utopía da desregulación dos mercados. A socialdemocracia, sen dúbida, non ofrece respostas. Porén tampouco as ofrecen os partidos que promoveron a desregulación. O monstro que crearon volveuse contra eles tanto como contra a socialdemocracia e, en xeral, contra todos os partidos democráticos, cuxa sorte electoral cando están no Goberno é sempre adversa con independencia do seu signo político; o mesmo que, cando están na oposición, obteñen vitorias que se volven calvarios en poucas semanas ou, peor aínda, centrifugan o voto cara a unha constelación de forzas populistas.

A sorte destas forzas unha vez que alcancen o Goberno, ou que se apropien definitivamente da axenda política, non será distinta da que padecen os partidos democráticos. Só que, a diferenza dos partidos democráticos, as forzas populistas non dubidarán en manipular as institucións do Estado de dereito a cambio de gañar tempo para perseverar nas súas promesas. Ao final, nin lograrán cumprilas, nin as institucións do Estado de dereito que manipularían conservarán a autoridade, nin talvez a lexitimidade, que require a súa función.

Se todos os partidos, absolutamente todos, incluídas as forzas populistas, se mostran impotentes para afrontar a crise actual, que é unha crise da sociedade no seu conxunto, iso quere dicir que a insensata utopía dos mercados desregulados non só empuxou en dirección á catástrofe, senón que, ademais, destruíu polo camiño os instrumentos ardua e pacientemente elaborados polos sistemas democráticos para evitala.

O peor erro, o erro máis imperdoábel que cometeu a socialdemocracia cando se deixou encandear pola Terceira Vía e o seu discurso da nova era, o erro fatal do que aínda non logrou desembarazarse, foi avalar a premisa na que se apoiou a insensata utopía dos mercados desregulados. A globalización, díxose, era un feito desencadeado polo avance imparábel das novas tecnoloxías, ante o que só cabía adaptarse ou perecer. En realidade, a globalización non era un feito senón un programa, e só na medida en íase cumprindo como programa íase convertendo nun feito. Un programa que, polo demais, non se aplicou desde a clandestinidade senón a plena luz do día, con académicos e publicistas repetindo simples hipóteses até facelas cristalizar en incontestábel ortodoxia, e cos organismos económicos internacionais imbuíndose dela e servindo de trampolín para proxectala desde os dous países pioneiros, o Reino Unido e os Estados Unidos da revolución conservadora, sobre o resto.

Antes de converterse no feito que cebou a crise da sociedade no seu conxunto, a globalización foi o programa da insensata utopía dos mercados desregulados; un programa que defendía que desregulación e liberalización eran sinónimos, suxerindo que a liberdade xorde en ausencia de normas e non no interior das normas pactadas, tanto entre Estados como dentro dos Estados mesmos; un programa que emprendeu a desregulación dos fluxos financeiros mais non a do comercio internacional e, menos aínda, o tránsito de traballadores entre uns países e outros, xerando os desequilibrios que provocaron a bancarrota do casino financeiro e reducido a unha situación de semiesclavitud a lexións de persoas nos países máis pobres e tamén nos máis desenvolvidos; un programa que, para pechar o círculo da suposta inexorabilidad, axitou a pantasma da quebra dos Estados de benestar para terminar cuestionando a viabilidade de calquera forma de Estado.

As novas tecnoloxías contribuíron, sen dúbida, a multiplicar os efectos deste programa, o mesmo que, chegado o caso, poderían multiplicar os de calquera outro, mais nin foron a súa causa nin facían inevitábel a súa aplicación. Ao avalar a premisa de que a globalización é un feito desencadeado polo avance imparábel das novas tecnoloxías, a socialdemocracia condenouse ao contrasenso de aplicar o seu programa no interior dun programa alleo, facéndose corresponsábel do rumbo á catástrofe emprendido. A lingua de madeira coa que agora dá conta da súa crise, asumindo como propia unha crise que é da sociedade no seu conxunto, demostra que persiste no peor erro, no erro máis imperdoábel que cometeu cando se deixou encandear pola Terceira Vía e o seu discurso da nova era.

A pesar da súa inanidade, a lingua de madeira está a impedir que a socialdemocracia distinga entre os problemas políticos inaprazábeis e as elucubracións sobre o futuro do mundo. Do futuro do mundo, nin agora nin nunca se soubo o bastante. O único coñecemento certo é dos problemas políticos inaprazábeis, e entre estes o máis inaprazábel é o que fixou o seu epicentro en Europa. A Unión é hoxe a única zona monetaria onde segue en vigor a insensata utopía da desregulación dos mercados, non por unha deliberada decisión dos Vinte e sete, senón porque a crise estalou cando o euro estaba a medio construír. Sen un Banco Central con plenas competencias e unha fiscalidade común que o apoie, os Estados da eurozona pouco ou nada poden contra os mercados desregulados, aos que se enfrontan sen regras, que foron abrogadas mentres durou a festa mundial, e sen instrumentos, que non foron creados pola Unión. Primeiro sucumbiu Grecia e máis tarde Irlanda e Portugal, e ningún Goberno en Europa, nin socialdemócrata nin conservador, parece preocuparse de evitar novas vítimas, senón de non ser a próxima na lista.

A socialdemocracia poderá seguir falando de empreabilidade, flexiseguridade, gobernanza global e outros aparatosos modismos, poderá seguir deambulando polo labirinto da lingua de madeira coa que pretende destilar unha pócima reconstituínte. Mentres non asuma a imposibilidade de aplicar o seu programa no interior dun programa alleo e non distinga entre as elucubracións sobre o futuro do mundo e os problemas políticos inaprazábeis, como os que afectan o Banco Central e a fiscalidade común en Europa, non levantará cabeza nin contribuirá a que Europa, e o mundo, tamén o fagan.

Nenhum comentário: