16/05/2012

Plutonomía e precariado: o declinio da economía estadounidense

Avram Noam Chomsky. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Revolta IrmandiñaNoam Chomsky é profesor emérito do Departamento de Lingüística e Filosofía do MIT. Universalmente recoñecido como renovador da lingüística contemporánea, é o autor vivo máis citado, o intelectual público máis destacado do noso tempo e unha figura política emblemática da resistencia antiimperialista mundial.

George Grosz


O movemento "Ocupemos" experimentou un desenvolvemento estimulante. Até onde a miña memoria alcanza, non houbo nunca nada semellante. Se consegue reforzar os seus lazos e as asociacións que se crearon nestes meses ao longo do escuro período que se aveciña -non haberá vitoria rápida- podería protagonizar un momento decisivo na historia dos Estados Unidos.

A singularidade deste movemento non debería sorprender. Despois de todo, vivimos unha época inédita, que arrinca en 1970 e que supuxo un auténtico punto de inflexión na historia dos Estados Unidos. Durante séculos, desde os seus inicios como país, foron unha sociedade en desenvolvemento. Que non o fosen sempre na dirección correcta é outra historia. Porén en termos xerais, o progreso supuxo riqueza, industrialización, desenvolvemento e esperanza. Existía unha expectativa máis ou menos ampla de que isto seguiría sendo así. E o foi, mesmo nos tempos máis escuros.

Teño idade suficiente para lembrar a Gran Depresión. A mediados dos anos 30, a situación era obxectivamente máis dura que a actual. O ánimo, con todo, era outro. Había unha sensación xeneralizada de que sairiamos adiante. Incluso a xente sen emprego, entre os que se contaban algúns parentes meus, pensaba que as cousas mellorarían. Existía un movemento sindical militante, especialmente no ámbito do Congreso de Organizacións Industriais. E comezábanse a producir greves con ocupación de fábricas que aterrorizaban ao mundo empresarial -basta consultar a prensa da época-. Unha ocupación, de feito, é o paso previo á autogestión das empresas. Un tema, dito sexa de pasaxe, que está bastante presente na axenda actual. Tamén a lexislación do New Deal comezaba a ver a luz a resultas da presión popular. A pesar de que os tempos eran duros, había unha sensación, como sinalaba antes, de que se acabaría por "saír da crise".

Hoxe as cousas son diferentes. Entre boa parte da poboación dos Estados Unidos reina unha marcada falta de esperanza que ás veces se converte en desesperación. Diría que esta realidade é bastante nova na historia norteamericana. E ten, desde logo, unha base obxectiva.

A clase traballadora

Nos anos 30' do século pasado os traballadores desempregados podían pensar que recuperarían os seus postos de traballo. Actualmente, cun nivel de paro similar ao existente durante a Depresión, é improbábel, se a tendencia persiste, que un traballador manufactureiro vaia a recuperar o seu. O cambio tivo lugar cara a 1970 e obedece a moitas razóns. Un factor chave, ben analizado polo historiador económico Robert Brenner, foi a caída do beneficio no sector manufactureiro. Non obstante, tamén houbo outros. A reversión, por exemplo, de varios séculos de industrialización e desenvolvemento. Por suposto, a produción de manufacturas continuou do outro lado do océano, mais en prexuízo, e non en beneficio, das persoas traballadoras. Xunto a estas mudanzas, produciuse un desprazamento significativo da economía do ámbito produtivo -de cousas que a xente necesitase ou puidese usar- ao da manipulación financeira. Foi entón, en efecto, cando a financiarización da economía comezou a estenderse.

Os bancos

Antes de 1970, os bancos eran bancos. Facían o que se espera que un banco faga nunha economía capitalista: tomar fondos non utilizados dunha conta bancaria, por exemplo, e darlles unha finalidade potencialmente útil como axudar a unha familia a que se compre unha casa ou a que envíe ao seu fillo á escola. Isto cambiou de forma dramática no setenta. Até entón, e desde a Gran Depresión, non houbera crises financeiras. Os anos cincuenta e sesenta foron un período de grande crecemento, o máis alto na historia dos Estados Unidos e posibelmente na historia económica. E foi igualitario. Ao quintil máis baixo da sociedade foille tan ben como ao máis alto. Moita xente accedeu a formas de vida máis razoables -de "clase media", como se chamou aquí, de "clase traballadora", noutros países-. O sesenta, pola súa banda, aceleraron o proceso. Tras unha década un tanto sombría, o activismo daqueles anos civilizou o país de forma moitas veces duradeira. Coa chegada do setenta, producíronse unha serie de cambios abruptos e profundos: desindustrialización, deslocalización da produción e un maior protagonismo das institucións financeiras, que creceron enormemente. Eu diría que entre os anos cincuenta e sesenta produciuse un forte desenvolvemento do que décadas despois se coñecería como economía de alta tecnoloxía: computadores, Internet e revolución das tecnoloxías da información, que se desenvolveron substancialmente no sector estatal. Estes cambios xeraron un círculo vicioso. Conduciron a unha crecente concentración de riqueza en mans do sector financeiro, mais non beneficiaron á economía (máis ben prexudicárona, do mesmo xeito que á sociedade).

Política e diñeiro

A concentración de riqueza trouxo consigo unha maior concentración de poder político. E a concentración de poder político deu lugar a unha lexislación que intensificaría e aceleraría o ciclo. Esta lexislación, bipartidista no esencial, comportou a introdución de novas políticas fiscais, así como de medidas desreguladoras do goberno das empresas. Xunto a este proceso, produciuse un aumento importante do custo das eleccións, o que afundiu aínda máis aos partidos políticos nos petos do sector empresarial.

Os partidos, en realidade, comezaron a degradarse por diferentes vías. Se unha persoa aspiraba a un posto no Congreso, como a presidencia dunha comisión, o normal era que o obtivese a partir da súa experiencia e capacidade persoal. En só un par de anos, tiveron que comezar a contribuír aos fondos do partido para logralo, un tema ben estudado por xente como Tom Ferguson. Isto, como dicía, aumentou a dependencia dos partidos do sector empresarial (e sobre todo, do sector financeiro).

Este ciclo acabou cunha tremenda concentración de riqueza, basicamente en mans do primeiro un por cento da poboación. Mentres tanto, abriuse un período de estancamento e mesmo de decadencia para a maioría da xente. Algúns saíron adiante, mais a través de medios artificiais como a extensión da xornada de traballo, o recurso ao crédito e ao sobrendebedamento ou a aposta por investimentos especulativos como as que conduciron á recente burbulla inmobiliaria. Moi pronto, a xornada laboral acabou por ser máis longa en Estados Unidos que en países industrializados como Xapón ou que outros en Europa. O que se produciu, en definitiva, foi un período de estancamento e de declive para a maioría unido a unha aguda concentración de riqueza. O sistema político comezou así a disolverse.

Sempre existiu un laño entre a política institucional e a vontade popular. Agora, con todo, creceu de maneira astronómica. Constatalo non é difícil. Basta ver o que está a ocorrer co grande tema que ocupa a Washington: o déficit. O grande público, con razón, pensa que o déficit non é a cuestión principal. E en verdade non o é. A cuestión importante é a falta de emprego. Hai unha comisión sobre o déficit mais non una sobre o desemprego. Polo que respecta ao déficit, o grande público ten a súa posición.  Os inquéritos testemúñano. De forma clara, a xente apoia unha maior presión fiscal sobre os ricos, a reversión da tendencia regresiva destes anos e a preservación de certas prestacións sociais. As conclusións da comisión sobre o déficit seguramente dirán o contrario. O movemento de ocupación podería proporcionar unha base material para tratar de neutralizar este puñal que apunta ao corazón do país.

Plutonomía e precariado

Para o groso da poboación -o 99%, segundo o movemento Ocupemos- estes tempos foron especialmente duros, e a situación podería ir a peor. Poderiamos asistir, de feito, a un período de declive irreversíbel. Para o 1% -e mesmo menos, o 0,1%- todo vai ben. Son máis ricos que nunca, máis poderosos que nunca e controlan o sistema político, de costas á maioría. Se nada llo impide, por que non continuar así?

Tomemos o caso de Citigroup. Durante décadas, foi un dos bancos de investimento máis corruptos. Con todo, foi resgatado unha e outra vez con diñeiro dos contribuíntes. Primeiro con Reagan e agora novamente. Non incidirei aquí no tema da corrupción, mais é bastante alucinante. En 2005, Citigroup sacou uns folletos para investidores baixo o título: "Plutonomía: comprar luxo, explicar os desequilibrios globais". Os folletos animaban aos investidores a colocar diñeiro nun "índice de plutonomía". "O mundo -anunciaban- está a dividirse en dous bloques: a plutonomía e o resto".

A noción de plutonomía apela aos ricos, aos que compran bens de luxo e todo o que isto leva. Os folletos suxerían que a inclusión no "índice de plutonomía" contribuiría a mellorar os rendementos dos mercados financeiros. O resto ben podía amolarse. Non importaba. En realidade, non eran necesarios. Estaban alí para soster a un Estado poderoso, que rescataría aos ricos no caso de que se metesen en problemas. Agora, estes sectores adoitan denominarse "precariado" -xente que vive unha existencia precaria na periferia da sociedade-. Só que cada vez é menos periférica. Está a volverse unha parte substancial da sociedade norteamericana e do mundo. E os ricos non o ven tan mal.

Por exemplo, o ex presidente da Reserva Federal, Alan Greenspan, chegou a ir ao Congreso, durante a xestión de Clinton, a explicar as marabillas do grande modelo económico que tiña a honra de supervisar. Foi pouco antes do estalido do crack no que tivo unha responsabilidade clarísima. Aínda se lle chamaba "San Alan" e os economistas profesionais non dubidaban en describilo como un dos máis grandes. Dixo que grande parte do éxito económico tiña que ver coa "crecente inseguridade laboral". Se os traballadores carecen de seguridade, se forman parte do precariado, se viven vidas precarias, renunciarán ás súas demandas. Non tentarán conseguir mellores salarios ou mellores prestacións. Resultarán superfluos e será fácil librarse deles. Isto é o que, tecnicamente falando, Greenspan chamaba unha economía "saudábel". E era eloxiado e enormemente admirado por iso.

A cousa, pois, está así: o mundo está a dividirse en plutonomía e precariado -o 1 e o 99 por cento, na imaxe propagada polo movemento Ocupemos. Non se trata de números exactos, mais a imaxe é correcta. Agora, é a plutonomía quen ten a iniciativa e podería seguir sendo así. Se ocorre, a regresión histórica que comezou nos anos setenta do século pasado podería resultar irreversíbel. Todo indica que imos nesa dirección. O movemento Ocupemos é a primeira e máis grande reacción popular a esta ofensiva. Podería neutralizala. Porén para iso é mester asumir que a loita será longa e difícil. Non se obterán vitorias da noite para a mañá. Fai falta crear estruturas novas, sustentábeis, que axuden a atravesar estes tempos difíciles e a obter triunfos maiores. Hai un sinnúmero de cousas, de feito, que poderían facerse.

Cara a un movemento de ocupación dos traballadores

Xa o mencionei antes. Nos anos trinta do século pasado, as greves con ocupación dos lugares de traballo eran unhas das accións máis efectivas do movemento obreiro. A razón era sinxela: tratábase do paso previo á toma das fábricas. Nos anos setenta, cando o novo clima de contrarreforma comezaba a instalarse, aínda pasaban cousas importantes. En 1977, por exemplo, a empresa US Steel decidiu pechar unha das súas sucursais en Youngstown, Ohio. En lugar de marcharse, simplemente, os traballadores e a comunidade propuxéronse unirse e comprala aos propietarios para logo convertela nunha empresa autoxestionada. Non gañaron. Porén de conseguir o suficiente apoio popular, probabelmente o fixeran. Gar Alperovitz e Staufhton Lynd, os avogados dos traballadores, analizaron con detalle esta cuestión. Tratouse, en suma, dunha vitoria parcial. Perderon, mais xeraron outras iniciativas. Isto explica que hoxe, ao longo de Ohio e de moitos outros sitios, xurdisen centos, quizais milleiros de empresas de propiedade comunitaria, non sempre pequenas, que poderían converterse en autoxestionadas. E esta si é unha boa base para unha revolución real.

Algo similar pasou na periferia de Boston hai aproximadamente un ano. Unha multinacional decidiu fechar unha instalación rendíbel que producía manufacturas con alta tecnoloxía. Evidentemente, para eles non era o suficientemente rendíbel. Os traballadores e os sindicatos ofreceron comprala e xestionala por si mesmos. A multinacional negouse, probabelmente por consciencia de clase. Creo que non lles fai ningunha graza que este tipo de cousas poida ocorrer. Se houbese suficiente apoio popular, algo similar ao actual movemento de ocupación das rúas, posibelmente terían éxito.

E non é o único proceso deste tipo que está a ter lugar. De feito, producíronse algúns cunha entidade maior. Non fai moito, o presidente Barack Obama tomou o control estatal da industria automotriz, a propiedade da cal estaba basicamente en mans dunha miríada de accionistas. Tiña varias posibilidades. Porén escolleu esta: reflotala co obxectivo de devolvela aos seus donos, ou a un tipo similar de propiedade que mantivese o seu status tradicional. Outra posibilidade era entregala aos traballadores, estabelecendo as bases dun sistema industrial autogestionado que producise cousas necesarias para a xente. Son moitas, de feito, as cousas que necesitamos. Todos saben ou deberían saber que os Estados Unidos teñen un enorme atraso en materia de transporte de alta velocidade. É unha cuestión seria, que non só afecta a maneira en que a xente vive, senón tamén a economía. Teño unha historia persoal respecto diso. Hai uns meses, tiven que dar un par de charlas en Francia. Había que tomar un tren desde Avignon, ao sur, até o aeroporto Charles de Gaulle, en París. A distancia é a mesma que hai entre Washington DC e Boston. Tardei dúas horas. Non se se tomaron o tren que vai de Washington a Boston. Opera á mesma velocidade que fai sesenta anos, cando a miña muller e eu subímonos por primeira vez. É un escándalo.

Nada impide facer nos Estados Unidos o que se fai en Europa. Existe a capacidade e unha forza de traballo cualificada. Faría falta algo máis de apoio popular, mais o impacto na economía sería notábel. O asunto, con todo, é aínda máis surrealista. Á vez que refugaba esta opción, a administración Obama enviou ao seu secretario de transportes ao Estado español para conseguir contratos en materia de trens de alta velocidade. Isto poderíase facer no cinto industrial do norte dos Estados Unidos, mais foi desmantelado. Non son, pois, razóns económicas as que impiden desenvolver un sistema ferroviario robusto. Son razóns de clase, que reflicten a debilidade da mobilización popular.

Cambio climático e armas nucleares

Até aquí limiteime ás cuestións domésticas, mais hai dous desenvolvementos perigosos no ámbito internacional, unha sorte de sombra que planea sobre todo o a análise. Por primeira vez na historia da humanidade, hai ameazas reais á sobrevivencia digna das especies.

Unha delas estívonos roldando desde 1945. É unha especie de milagre que a sorteamos. É a ameaza da guerra nuclear, das armas nucleares. Aínda que non se fala moito diso, esta ameaza non deixou de crecer co goberno actual e os seus aliados. E hai que facer algo antes de que esteamos en problemas serios.

A outra ameaza, por suposto, é a catástrofe ambiental. Practicamente todos os países no mundo están a tratar de facer algo respecto diso, aínda que sexa de maneira vacilante. Os Estados Unidos tamén, mais para acelerar a ameaza. Son o único país dos grandes que non fixo nada construtivo para protexer o medio ambiente, que nin sequera se subiu ao tren. É máis, en certa medida, están a empuxalo cara atrás. Todo isto está ligado á existencia dun xigantesco sistema de propaganda que o mundo dos negocios desprega con orgullo e desvergoña co obxectivo de convencer á xente de que o cambio climático é unha patraña dos progres: "Por que facer caso a estes científicos"?.

Estamos a vivir unha auténtica regresión a tempos moi escuros. E non o digo de broma. De feito, se se pensa que isto está a pasar no país máis poderoso e rico da historia, a catástrofe parece inevitábel. Nunha xeración ou dúas, calquera outra cousa da que falemos carecerá de importancia. Hai que facer algo, pois, e facelo pronto, con dedicación e de maneira sustentábel. Non será sinxelo. Haberá, por descontado, obstáculos, dificultades, fracasos. É máis: se o espírito xurdido o ano pasado, aquí e noutros recunchos do mundo, non crece e consegue converterse nunha forza de peso no mundo social e político, as posibilidades dun futuro digno non serán moi grandes.

Nenhum comentário: