13/06/2012

Reino de España: após o resgate

Antoni DoménechG. BusterDaniel Raventós. Artigo tirado de SinPermiso (aquí). Tradución: Revolta IrmandiñaAntoni Domènech é o Editor xeral de SinPermiso. Gustavo Búster e Daniel Raventós son membros do Comité de Redacción de SinPermiso.



O grupo de maior vulnerabilidade da poboación española son xa os nenos. En toda a UE, só Rumania ten unha proporción maior de nenos que viven por baixo do limiar oficial de pobreza. Os mozos non o teñen moito mellor: máis do 50% están no desemprego, unha proporción peor que a de Grecia; os mellores e máis formados, emigran en masa, como os seus pais e os seus avós: a Alemaña, a Inglaterra, á Arxentina. E o paro a fins deste ano, -no peor escenario- previsto polos tecnócratas que deseñaron o rescate do sector financeiro español decidido onte, superaría amplamente o 25% da poboación.

En plena sintonía con estas malas novas, a vicepresidenta do goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, deixou pampo ao auditorio a pasada semana -na presentación do último libro dun xornalista conservador barcelonés no candeeiro madrileño- confesando como compunxida que, no futuro mundo que nos preparan, "os nosos fillos vivirán peor que nós".

Talvez non haxa hoxe no planeta lugar mellor que o Reino de España para testemuñar a quebra das eufóricas promesas e das institucións da "globalización", da "sociedade da información", da "economía do coñecemento" -esa que superaría para sempre os "ciclos económicos"-, da "sociedade do risco", da "postmodernidade líquida" e de todos eses eufemismos ridículamente pomposos con que os peritos en lexitimación de quenda viñeron disfrazando nas últimas décadas a verdadeira contrarrevolución económica, social, política e espiritual que viñeron despregando os novos mandamais do capitalismo serodio, herdeiros resucitados dos "monarcas financeiros" combatidos por Roosvelt e daqueles "rendistas" aos que Keynes recomendou encarecidamente aplicar a "eutanasia".

A primeira vítima desa "guerra de clases desde arriba" foi, como en todas as guerras, a verdade. De aquí o triunfo apoteótico dos eufemismos.

Con esa mestura tan súa de xesto firme, paupérrima contundencia adverbial -"absolutamente"- e dicción insegura e gaguexante, o ministro De Guindos empeñouse antonte noutro: non é un "resgate", "en absoluto", "imos ver", "é, é... é... unha axuda financeira, un préstamo a xuros moito máis baixos, como vostede ben sabe, que os do mercado". Inutilmente: toda a imprensa, nacional e internacional, amiga e menos amiga -que entre bois non hai cornadas-, intitula en primeira plana: "Rescate do Reino de España".

A segunda vítima é a democracia, entendida simplemente como predominio político da opinión pública dos máis. Porque non hai modo de que os menos impoñan políticas abertamente hostís aos máis. Sobre todo cando os máis se decatan, como obviamente o fan, da mentira, xa vaia eufemisticamente vestida e ao agravio sómese o insulto. O resgate chegou tras negalo enfática e repetidamente os dirixentes máis importantes do PP: o propio Rajoy o pasado 28 de maio, e esta mesma semana pasada, o ministro de Facenda Montoro, e antonte mesmo, o ministro de Industria, Soria, a vicepresidenta do goberno e a irritante secretaria xeral do partido, a señora de Cospedal, a do rictus avinagrado.

Cando falla o eufemismo, fican a policía e a "necesidade". Da policía moito hai que falar; a austeridade trae inexorabelmente consigo autoritarismo. E con ministros do interior de escasa convicción democrática -como o grotesco Puig en Cataluña, como o exfranquista Fernández Díaz no goberno central-, cousas moito peores. Por exemplo, robustecemento do espírito de corpo e do fanatismo represor entre os subordinados: estímase que en Grecia o 50% das chamadas forzas de orde pública son agora mesmo votantes do neonazi grupúsculo Alba Dourada.

Pero hoxe toca falar da "necesidade".

Necesidade, arbitrariedade e lexitimidade política

Ninguén votou a Zapatero para facer o que fixo a partir do 12 de maio de 2012, pero o homiño dixo, tan contristado, que o faría "custe o que custar e cústeme o que me custe". Era "necesario", contra!

Rajoy empeñouse en superarlo. Non só ninguén o votou para que negociase un resgate, senón que se presentou ás eleccións do pasado novembro coa explícita mensaxe de que só el podía evitalo. O cal habería de ser relativamente fácil, tendo en conta de que todo se reducía a un problema de "confianza" dos mercados financeiros, e para inspirar "confianza", aí estaban o mozo de Pontevedra e os seus amiguetes (como Rato, mesmamente). Agora descubriu a "necesidade", que -como a "confianza"- vaia vostede a saber en que consiste exactamente, mais que parece servirlle tamén para saír arbitrariamente do paso e, como a Zapatero, para ciscarse nos seus electores. Todo moi quevedesco:

No olvides que es comedia nuestra vida
y teatro de farsa el mundo todo
que muda el aparato por instantes
y que todos en él somos farsantes.

Nunhas declaracións á emisora Onda Cero realizadas a fins de maio, cando negaba por fas e por nefás que o sistema financeiro español necesitase resgate, decidiu de todos os xeitos curarse en saúde, cun bo baño de arbitraria "necesidade": "farei calquera cousa que sexa necesaria, aínda que non goste dela e aínda que dixese que non o ía a facer". E fíxoo.

Con este resultado: a lexitimidade política do goberno de Rajoy terminou onte, como a de Zapatero se afundiu irreversibelmente o 12 de maio de 2012 [1].

Quen decide o que é "necesario" nun momento dado? A cuestión non ten sequera que ver coa representación democrática (dos intereses dos máis), senón coa representación política tout court. A representación política fiduciaria duns intereses cidadáns -grandes ou pequenos- non é un mandato persoal para que o elixido por catro anos decida pola súa conta e risco que políticas (lle) impoñen as cambiantes "necesidades" interpretadas ao seu antollo e acomodo.-Iso sería, como máximo, usurpación tecnocrática da representación política.- É, ao contrario, un mandato para desenvolver e pór por obra un programa de goberno que se supón ex ante factíbel e realizábel, é dicir, un programa que incorpora xa explicitamente e somete ao electorado, se se quere como restricións, todos as posíbeis "necesidades" (as anankaia de Aristóteles: así de vello é o problema). Cando un programa se revela, polo que sexa, irrealizábel, termina o mandato político lexítimo, e o representante non ten senón cesar ou someter un novo programa a unha cuestión de confianza ante a cidadanía.

Política ilexítima, tecnocracia de medio pelo e unha dereita dividida

É farto sabido: a sufrida esquerda social española arrastra desde o comezo mesmo da Transición un grave problema de representación política. A soada lei de ferro das oligarquías políticas formulada por Robert Michels en 1910 cebouse espectacularmente co pobo español de esquerda. Carrillo impuxo sen maiores discusións -e para máis INRI, desde unha universidade norteamericana- o abandono do leninismo aos comunistas; logo, sen maiores explicacións a ninguén, decidiu o abandono da República e a aceptación da Monarquía e o seu himno e a súa bandeira. Felipe González, contra o parecer abrumadoramente maioritario dos socialistas españois, fixo repetir un congreso do partido para imporlles o abandono do marxismo en 1979; logo, contra as promesas electorais que lle levaron a un triunfo irresistíbel no outono de 1982, chantaxeou ao seu electorado até lograr imporlle -polos pelos- a permanencia de España na OTAN en 1986. Boa parte do éxito inicial de Zapatero na súa primeira lexislatura consistiu en que, e para pasmo de todos, cumpriu co seu compromiso electoral de retirar as tropas españolas de Iraq. Tanto máis devastadora psicoloxicamente resultou a volta á "normalidade" coa traizón ao seu electorado no xiro de maio de 2010.

Unha das máis rechamantes -e tráxicas- consecuencias dese endémico problema de representación política fiduciaria da (demograficamente maioritaria) esquerda social española, fraguado no arranque da Transición, maniféstase na pouca calidade dos seus dirixentes políticos. Pois afianzouse e prosperou todo un conxunto de mecanismos de selección inversa, que adoitou enviar sucesiva e regularmente a casa, ou ao vertedoiro da historia -como dicían os vellos estalinistas-, aos mellores e máis capaces, promovendo xeralmente aos incapaces, aos mediocres, aos servís, aos fechados, aos sectarios doídos, e moitas veces -hai que dicilo-, aos máis corrompíbeis (como, por sinalado exemplo, Roldán). E a tenores ocos, a barítonos bufos, a revolucionarios de salón e tartarines de oficina, a buscavidas sen oficio nin beneficio coñecido e a logreiros de diversa laia (como os do "tamayazo", que lograron a imposíbel fazaña de levantar a Esperanza Aguirre ao poder en Madrid). E a inconsistentes zascandís, como Zapatero. Todo un espectáculo coral. O asombroso descrédito da política entre o pobo -todas as sondaxes de opinión coinciden en que o terceiro problema percibido como máis grave polos cidadáns é a "clase política"- ten que ver tamén con iso, máis, desde logo, que cunha espontánea querenza ibérica pola antipolítica.

A representación política fiduciaria da (demográficamente minoritaria) dereita económica e social española nunca coñecera ese tipo de problemas, non coa gravidade con que os padeceu a esquerda. Baste lembrar como se desembarazaron sen pestanear de Hernández Mancha -o "parlanchín delirante" (Javier Pradera)- na Alianza Popular antecesora do actual PP, ou -maiúsculo exemplo- a saña e rapidez con que liquidaron a Adolfo Suárez e á súa UCD, axiña que empezaron a resultarlles incómodos. A diferenza co destino de Felipe González -o dos gatos negros e os gatos brancos e a "mirada tontiastuta do gatazo castrado e satisfeito" (Rafael Sánchez Ferlosio)- salta á vista.

Pois ben; en menos de seis meses de goberno, a crise e a súa xestión polo goberno Rajoy está a conseguilo. O xornalista Federico Quevedo -un informado chufón do mundo da dereita (El Confidencial) e a extrema dereita (Intereconomía) mediáticas madrileñas- contaba o pasado 1 de xuño esta incidencia de "un importantísimo ministro do Goberno de Mariano Rajoy ante un reducido grupo de empresarios":
"Nunca pensamos que a seis meses de gañar unhas eleccións con maioría absoluta, cun poder como nunca tivera un partido político en España, iamos sufrir un desgaste tan brutal até o punto de que se cuestione a nosa continuidade. E o peor é que non sabemos que facer".

Obviamente, o "brutal desgaste" a que se refire o "ministro importantísimo" non pode ser electoral (teñen tres anos e medio por diante), senón que alude á perda de confianza da súa base social fideicomitente directa, é dicir, ao reducido núcleo de intereses sociais e económicos grande empresariais do que o goberno do PP é, supostamente, fideicomisario.

Uns días antes, o diario El País publicara un artigo asinado por tres destacados economistas novos do principal think tank da dereita española (a Fedea xenerosamente financiada polas grandes empresas nacionais), ao que xa tivemos ocasión de referirnos a semana pasada, e en que se daba por amortizado ao goberno de Rajoy e viña a pedir un goberno tecnocrático de unidade nacional para manter ao Reino no euro. O goberno, principalmente De Guindos, o propio Rajoy e o secretario económico de presidencia, Álvaro Nadal, consideraron iso pouco menos que alta traizón, e algún xornalista afín a ese grupo chegou a falar de intento de golpe de estado. (Véxase "El día en que Fedea propugnó un golpe de estado (y cavó su tumba)", El Confidencial, 9 de xuño de 2012.) Porén a fidelidade do xornalista á fracciónn de Rajoy, De Guindos e Nadal faille verosemellantemente apresentar as cousas ao revés. Descuberto o "complot" para terminar con Rajoy, estes mozos estarían acabados, porque, supostamente, o Goberno Rajoy e as grandes empresas que financian a Fedea serían unha e a mesma cousa. Ou non?:
" 'Non se trata -aseguran estas fontes- de cuestionar a Fedea nin o seu labor durante estes anos, que foi excelente, senón de expornos por que unha institución que nace coa vontade de achegar ideas, eríxese de súpeto nun baluarte da oposición ao Goberno até o punto de promover a destitución do mesmo'. A Fundación cruzou unha liña vermella perigosa, e agora ten na súa contra nada menos que ao Goberno de España -BBVA, Banesto, Santander, Abengoa, El Corte Inglés, Telefónica, A Caixa, Sabadell, Iberdrola, Repsol...-, e resulta cando menos pouco probábel que os patróns da Fundación, os que poñen o diñeiro co que se paga a economistas supostamente de recoñecido prestixio para que escriban artigos como o mencionado, estexan dispostos a apoiar semellante proposta de Golpe de estado... Ou si?."

Polo momento, ninguén que saiba un pouco do negocio bancario pode crer que no Santander, o BBVA e a Caixa -os tres grandes- estexan precisamente entusiasmados coas esixencias indiscriminadas de recapitalización da banca. Os directivos de Bankinter -unha entidade moito máis pequena, pero con balances axustados- foron os primeiros en denunciar en público que esas esixencias son consecuencia das dúas sucesivas "reformas financeiras" erraticamente acometidas nun treito de menos de tres meses polo ministro de Economía. Responsábeis directas, dito sexa de paso -como non se mordeu a lingua en dicilo Rato-, da inopinada aparición do buraco negro no exercicio contábel 2011 de Bankia e a consecuente escandaleira internacional, que terminou por facer imparábel o resgate.

Polo demais, os non tan velados simulacros de ameaza de saír do euro e provocar a Grande Catástrofe -que certa imprensa atribúe a Nadal e ao propio de Guindos, e o mismísimo New York Times (7/6/2012), ao propio Rajoy, que tería "unha brisca gardada"-, a fin de evitar custe o que custar o resgate e gañar tempo, forzando ao BCE a volver comprar títulos españois de débeda pública nos mercados secundarios, lonxe de conseguilo, con toda probabilidade aceleraron as fugas de depósitos dos bancos españois e agravaron as sensacións de angustia e desconcerto[2].

Porén o certo é que a terrorífica presión internacional a que se someteu a pasada semana ao goberno de Rajoy -televisiva aparición Obama incluída- non tiña que ver con iso. O Reino podía aguantar perfectamente un bo tempo, non estando, como non estaba, a diferenza de Italia, urxido por grandes vencimentos inmediatos dos seus títulos de débeda pública. Acababa, ademais de colocar -a quinta feira- títulos por un monto superior aos 2.000 millóns de euros cunha demanda que triplicaba a oferta, servíndose do clásico truco dos últimos tempos de forzar aos propios bancos españois en dificultades a entrar no negocio de comprar eses títulos (negocio grotescamente irracional onde os haxa, mais redondo: a banca española toma prestado diñeiro do BCE a 1% e compra títulos de débeda pública española que, no caso dos bonos a dez anos, renden uns xuros superiores a 6%). En suma, o Reino e os seus banqueiros podía aguantar aínda: xa se sabe que os borrachos tambaleantes poden terse certo tempo en pé sostidos uns noutros.

O que verdadeiramente acelerou o rescate, como logo haberá ocasión de explicar, é o medo, o pánico, ao resultado das eleccións en Grecia o próximo 17 de xuño, e a un probábel triunfo alí do partido da esquerda grega Syriza, que foi capaz de desafiar intelixentemente á eurocracia.

"Liñas de crédito", "condicionalidades" e "resgates"

En que consiste, pois, a "liña de crédito" negociada en tan "favorábeis" termos e despois de "presionar tanto" Rajoy?

Após o informe do FMI, publicado apresuradamente ante o anuncio da teleconferencia do eurogrupo, que estimaba as necesidades nuns 40.000 millóns de euros, o goberno Rajoy achantouse a solicitar o resgate dun sector financeiro español incapaz xa de financiarse nos mercados de capitais. Alemaña negouse en redondo á pretensión inicial de España -apoiada, en cambio, por Hollande e Rehn- dunha axuda directa aos bancos que o solicitasen do Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEE), tras a súa prevista constitución e modificación dos seus estatutos en xullo próximo.

Por tanto, a única formula posíbel era un crédito ao FROB, garantido polo estado español, que á súa vez inxectaría o capital necesario, directamente ou a través dos chamados bonos convertíbeis continxentes, cun teito estimado de 100.000 millóns de euros.

Esta cantidade, lonxe de ofrecer como afirma De Guindos un "confortábel colchón", queda curta tras as pouco meditadas esixencias fixadas polas dúas últimas reformas financeiras, porque a maioría dos estudos realizados até a data por grupos e bancos de investimento privados sobre as necesidades de recapitalización da banca española cífranas entre os 134 e o 180 mil millóns de euros. O certo é que os investidores esperan o mellor, mais prepáranse para o peor dos cenarios posíbeis. E esta é a súa cifra. Ao sinalar un teito finalista de 100 mil millóns aos dous evaluadores privados contratados para escarnio do Banco de España e os seus funcionarios -Oliver Wyman e Roland Berger-, é evidente que se pon abertamente coto á súa independencia, por outra banda máis que cuestionábel. Para semellante viaxe, non merecía a pena empeñarse antes na destrución da credibilidade evaluadora do banco central español.

Coa política de transparencia que caracteriza ao goberno Rajoy, descoñécense até agora as condicións impostas polo eurogrupo na negociación, a despeito de que De Guindos repetise até a saciedade na rolda de imprensa o retrouso "como vostede ben sabe". Porén iranse filtrando algunhas, e outras resultan obvias. En primeiro lugar, o Financial Times revela hoxe (11 de xuño) que queda aínda por resolver se o diñeiro virá do MEE, cando se cre en xullo, ou da Facilidade Europea para a Estabilidade Financeira (FEEF). A diferenza non é cativa, porque implica no primeiro caso a prioridade condicionada no pago dos xuros. E iso é o que esixen Países Baixos e Finlandia.

En segundo lugar, serán os representantes directos do eurogrupo, da Comisión e do MEE ou do FEEF, e non o goberno de Rajoy, quen decidan e vixíen -coa axuda do FMI- a reestruturación do sector bancario español, con todas as consecuencias que iso trae consigo, como garantir o obxectivo da "reprivatización" e fechar o paso a calquera veleidade dunha banca pública. Iso si, a "responsabilidade" será do goberno.

En terceiro lugar, porque como estabelece negro sobre branco o comunicado do eurogrupo: "o Eurogrupo confía en que España respectará os seus compromisos baixo o procedemento por déficit excesivo e con respecto ás reformas estruturais, con vistas a corrixir os desequilibrios macroeconómicos no marco do semestre europeo. O progreso nestas áreas será revisado de perto e regularmente en paralelo coa asistencia financeira. Alén da aplicación decidida destes compromisos, o Eurogrupo considera que as condicións da asistencia financeira deberían centrarse en reformas específicas dirixidas ao sector financeiro". E por moito que Rajoy insista en negar os feitos, a parte do 100 mil millóns de euros (10% do PIB) que se utilicen, virá sumarse a ese 70% do PIB que, aproximadamente, supón agora a débeda pública.

Unha cifra que non sería alarmante -seguiría por baixo da media comunitaria, e en particular, da alemá-, se non fose porque o goberno Rajoy opta por recapitalizar a banca privada á conta de aumentar e prolongar no tempo os recortes do gasto social. Que non do gasto público, envorcado, como é farto sabido, nun sector financeiro que recibiu xa, entre pitos e frautas, a friorenta dun 150 mil millóns de euros desde 2008, unha suma que, sumada aos millóns agora previstos polo rescate, podería chegar a alcanzar o 25% do PIB.

Nunha devastadora crítica do resgate español, o coñecido columnista do Spiegel e do Financial Times, Wolfgang Münchau móstrase máis que escéptico (FT, 11 de xuño 2012). O rescate do sistema financeiro español só conseguiría volver gañar tempo na crise do euro, que non se desencallará mentres non se avance resoltamente cara a unha unión bancaria. Unha unión bancaria que esixe un novo tratado intergobernamental que institúa unha autoridade bancaria central reguladora e supervisora, un sistema de garantía de depósitos e, o máis difícil, corte polo dereito o nó gordiano que apalancouu a débeda privada na débeda soberana dos estados. Porque no caso español a pública aínda non supera o 75% do PIB, pero a suma da pública e a privada montaba un 363% do PIB en 2011. E este é o perverso mecanismo que non fixeron senón reforzar as catro reformas financeiras -emprendidas sucesivamente polos gobernos do PSOE e do PP- e os dous programas de crédito barato posto por obra polo BCE para inxectar liquidez ao sistema bancario. Co rescate da banca, o estado español converteuse no maior propietario da súa propia débeda soberana. Que sentido ten nesta situación a palabra "solvencia"?

Pendentes esvaradizas, desfiles de horrores, e o factor decisivo: a esquerda grega

A urxencia do resate español e a súa grandiosa cenificación internacional -xa foi dito- ten sobre todo que ver coas eleccións gregas do próximo 17 de xuño. É evidente: para a UE, arde Troia. E o cabalo da pena non é a disciplinada e autoritaria Esparta, senón a democrática Atenas.

Ninguén mellor que o economista grego Varoufakis, un dos mellores economistas científicos de Europa, e home próximo a Syriza, para debuxar o escenario da crise do eurogrupo:
"A falta dun proceso constitucional (ou habilitado mediante Tratado) para saír da eurozona está apoiada por unha sólida lóxica. Todo o desenvolvemento da moeda común estaba concibido para impresionar aos mercados coa idea de que se trataba dunha unión permanente que garantiría perdas enormes para quenqueira ousar apostar contra a súa solidez. Basta unha soa saída para facerlle un descosido a esa percepción de solidez. Como un lene laño nun dique de portentosa contención, unha saída de Grecia traerá inevitabelmente consigo o colapso do edificio, demolido polas irrepresábeis forzas desintegradoras que se coarán por ese laño. No momento en que Grecia se vexa empuxada a abandonar, ocorrerán dúas cousas: unha fuga masiva de capitais desde Dublín, Madrid, Lisboa, etc., seguida da acrecida renuencia do BCE e de Berlín a autorizar liquidez ilimitada aos bancos e aos Estados. Iso significará a inmediata bancarrota de todos os sistemas bancarios, e a de Italia e España. Chegados a ese punto, Alemaña enfrontarase a un terrorífico dilema: pór en risco a solvencia do Estado alemán (comprometendo uns cantos billóns de euros na tarefa de salvar o que quede da eurozona) ou salvarse a si mesma (é dicir, abandonando ela a eurozona). Non teño a menor dúbida de que optará polo segundo. E posto que iso significará romper uns cantos Tratados e Estatutos (incluído o do BCE), a UE, en substancia, pasaría a mellor vida." [Preme AQUÍ para ver a fonte]

O incríbel balbordo internacional provocado a conta do resgate do Reino de España, a ciclópea e estudada dramatización mediática do problema -filtración de Reuters incluída- estaban primordialmente destinados a dar a entender ao electorado grego estas dúas cousas. A primeira: que, caso de gañar as eleccións a esquerda, de ningún modo se renegociarán os tratados de austeridade que  devastaron social e economicamente a Grecia, e que a saída de Grecia do euro resultaría entón inevitábel. E a segunda: que á Troika non lle tremerá o pulso, porque tomou xa todas as medidas necesarias para evitar o contaxio catastrófico a España, e ao seu través, a Italia. (Á hora de escribir isto, Reuters fai outra filtración interesada: un grupo de superexpertos da UE teno xa todo estudado para o caso de Grecia salga do euro, corralitos bancarios incluídos, en Grecia e - ai! - noutros países membros.)

Non levaba razón onte Rajoy cando, tras comparecer a rastro ante os medios de comunicación antes de irse ao fútbol, proclamou propagandísticamente que o resgate era tan bo para o Reino como para a eurozona.

Non é bo para a nosa economía. Primeiro, porque, ademais de avalar, e con toda seguridade agudizar, as catastróficas políticas procíclicas de austeridade do seu goberno, avala tamén o pésimo diagnóstico que anda por detrás do "reformismo" financeiro do PP (idéntico ao do PSOE): non é verdade que o saneamento da banca española se reduza a un problema de capitalización. A enorme débeda privada das familias e as empresas españolas nos anos do "España vai ben" (Aznar) e "España entrou na liga de Campións" (Zapatero) é o principal problema da economía española, e por mor dese problema estamos nunha recesión de balances e a banca privada española máis comprometida coa burbulla inmobiliaria áchase en situación de insolvencia. Sanear a banca en serio non quere dicir recapitalizarla con inxeccións infinitas de liquidez -que, dada a recesión de balances, vaise sen máis polo sumidoiro, como acaban de comprobar amargamente á súa costa os clientes e os empregados de Bankia que se deixaron embaucar na compra de emisións de capital-, senón proceder a unha reestruturación a grande escala, cuxo centro debe ser a quita da débeda. Nunha cousa leva razón o PP cando carga agora oportunistamente o morto ao PSOE, alegando que se os socialistas fixesen unha reforma financeira a tempo, agora non nos veriamos abocados ao resgate. Porén non nos argumentos para avalar esa razón. O certo é que Zapatero, seica demasiado entretido en batalliñas culturais miopes e en fotoxénicos ágapes con Botín, perdeu en 2008 a grande ocasión de proceder a unha nacionalización da enorme parte da banca privada máis danada polo tixolo -entón había diñeiro público para facelo: a nosa débeda pública apenas representaba un terzo do PIB, e a nosa prima de risco era inferior a 100 puntos-, crear unha grande banca estatal -incluíndo o robustecemento da constitución social das caixas de aforros-, sanear a fondo todo o sistema financeiro con quitas masivas de débeda privada e, de paso, xerar un grande parque público de vivenda de aluguer barata.

Sic transit: no primeiro día hábil após o resgate, a bolsa pechou en -0,54 puntos, despois dun subidón á primeira hora de +5,9. E a prima de risco volveu a superar os niveis anteriores ao rescate, pasando de 462 a 520 puntos. É coma se os mercados se decataran xa de que, grazas á incalificábel política económica en curso, o Reino de España, ademais do resgate do seu sector financeiro, deberá, de aquí ao 2014, buscar refinanciamento para a súa débeda soberana por valor de 155 mil millóns de euros e conseguir outro 121 mil millóns de euros para cubrir o seu déficit orzamentario.

Porén o resgate non é bo tampouco para Europa. O que Europa necesitaría é crebar a resistencia de Merkel, abandonar canto antes as catastróficas políticas procíclicas de austeridade, instituir rapidamente unha autoridade fiscal unificada, mutualizar a débeda da eurozona e pór por obra políticas fiscalmente expansivas. Por iso os desafíos e ameazas do tándem austérico Rajoy-De Guindos eran, ademais de ridículas, incríbeis. Esixían esmolas, en troques de seguir destruíndo ao seu ar, e tan daniña como innecesariamente, a vida económica e social española. Non desafiaban nin ameazaban ao núcleo das políticas suicidas da Troika, e moi señaladamente, de Berlín. Por iso dobráronlles o brazo.

Porén quen quita que esta vitoria "preventiva" de Merkel, Rehn e o resto da eurocracia ultraliberal non termine por facerlles avanzar un paso para retroceder dous? En Portugal e en Irlanda, especialmente tras o recente referendo sobre o Pacto Fiscal, levántanse xa por todos lados voces que esixen unha renegociación dos termos dos seus resgates, sobre a base do que o goberno Rajoy xura pola súa honra obter en mellores condicións. A periferia da eurozona arma barafunda, xusto antes da proba decisiva en Grecia.

Estar por ver se o pobo grego, a diferenza do irlandés, será capaz de resistir a chantaxe da Troika o vindeiro domingo 17 de xuño. E entón veriamos, grazas a Syriza, se Berlín, Bruxelas e o FMI son capaces tamén de dobregar ao pequeno xigante da decencia resistente europea en que se converteu a Atenas en que naceu a primeira democracia radical plebeia, a que botou a andar, con Solón, pondo por obra un programa político tan sinxelo como actual: repartición da propiedade da terra (géa anasdesmos) e cancelación da servidume por débedas (kreón apokopé).

NOTAS:

[1] Aínda que desde mediados de febreiro podíase percibir a inflexión na tendencia ao voto do PP, desde marzo de esborrallou máis de 9 puntos, até un 37,1%. Rajoy recolle actualmente un rexeitamento do 78%. Pero os electores non esquecen quen iniciou en maio do 2010 o plano de axuste: o PSOE só remontou na oposición 2,9% e Rubalcaba ten un rexeitamento do 89%, superior a Rajoy. Os electores iranlle desenvolvendo estes meses tres certezas, que parecen guiar as súas prospectivas de futuro: que a situación económica ira a peor (90,2%), que o rescate era inevitábel (64%), dada a inutilidade da clase política, e nefasto (70%). (http://politica.elpais.com/politica/2012/06/09/actualidad/1339258034_213987.html)

[2] Usura do tempo, isto é o que, o 21 de Novembro de 2011, tras gañar Rajoy as eleccións, escribimos desde estas mesmas páxinas de SinPermiso::

"O goberno do PP vai ter que enfrontarse, queiras que non, á seguinte e pouco prometedora disxuntiva.

1) Obediencia máis ou menos cega do goberno de Rajoy ás directrices dos mandamases dunha UE dominada polas actuais concepcións da señora Merkel e a elite político-bancaria alemá. Esa opción ten dous escenarios posíbeis: http://www.sinpermiso.info/articulos/ficheros/20n2011.pdf

a) De persistir na actual negativa alemá a cambiar rapidamente o deseño institucional da política fiscal da eurozona, non se chega senón ao desastre e ao final do euro. A eurozona, simplemente, se desmembraría, e o goberno de Rajoy converteríase basicamente nun aterrorizado xestor político, ou da europeseta, ou dun novo euro devaluado, do que sairía xa unha Alemaña resolta a crear unha nova zona Deutschemark (verosímilmente, con Holanda, Austria, Finlandia, Luxemburgo e quizá Bélxica, mais non Francia). En calquera caso, a implosión da eurozona significaría unha catástrofe económica, non xa para España, non xa para o continente europeo, senón para a economía mundial: un verdadeiro tsunami financeiro que faría palidecer por contraste ao provocado pola decisión norteamericana de deixar caer ao banco Lehman Brothers en 2008: a Gran Recesión de 2008-2011 converteríase con toda probabilidade nunha Gran Depresión II de duración indefinida e de resultados económicos e políticos de todo punto incertos.

b) De mudar rapidamente a actual política ditada pola señora Merkel á UE, indo resoltamente a unha salvación do euro con pasos prestos cara a un Tesouro común europeo, con eurobonos e un Banco Central normal, capaz de desempeñar a función de prestamista de último recurso, entón, caso de chegarse a tempo, abriríase en Europa un cenario algo mellor, mais simplemente semellante ao norteamericano: comezaría o debate político sobre que política económica é mellor: se unha política dereitista (à a Tea Party) de austeridade fiscal, axustes estruturais, etc., ou unha política progresista de expansión fiscal, crecemento económico e reequilibrio entre a economía alemá e as periféricas. Este último escenario tería a vantaxe de que volverían aparecer, como problemas propiamente políticos, e non meramente técnicos, dúas opcións distintas de política económica a escala europea. As perspectivas políticas do goberno de Rajoy non serían moi felices aquí, pois as políticas ultradereitistas de austeridade fiscal a escala europea dificilmente poderían presentarse ante a opinión pública como compatíbeis cos intereses nacionais máis elementais dos estados periféricos.

2) A segunda opción que se ofrece ao goberno de Rajoy é a dunha resistencia desde o primeiro día a Merkel, xa pola vía de intrigar, como parece estar a comezar a facer (véxase respecto diso a información proporcionada polo conservador Times de Londres o pasado 18 de novembro) con Cameron e o goberno conservador británico (fóra da eurozona), e/ou cun cada vez máis alarmado Sarkozy (dentro da eurozona). Porén esta segunda opción, se non lograse vencer a teimosía de Merkel -que aterra xa até á dereita económica máis encallecida do noso Estado-, significaría un serio agrietamento da elite político-bancaria eurocrática, e é o máis probábel que terminase coa destrución da eurozona e, de novo, como no escenario presentado en 1a, cun Rajoy xestor político da europeseta, con todas as tremebundas consecuencias de alcance mundial xa ditas alí."
Postar um comentário