13/05/2013

Goberno grego acaba por decreto co dereito á greve

Notícia tirada de Librered (aqui).



O conflito aberto no sector educativo endureceuse este fin de semana coa decisión do executivo de impedir custe o que custe unha folga prevista para os días en que levarán a cabo os exames nacionais de ingreso na universidade de alumnos de bacharelato.

O primeiro ministro, Antonis Samarás, asinou un decreto o sábado pola tarde polo que se ditaba a mobilización civil dos profesores de secundaria, o que significa que en caso de faltar ás súas obrigacións poderían ser encarcerados e despedidos.

O sindicato de mestres (OLME) criticou a decisión do goberno e enviou unha petición aos dous maiores sindicatos, a Confederación Xeral de Traballadores (GSEE) e a Confederación de Empregados Públicos (Adedy), solicitándolles a convocatoria dunha xornada de folga xeral para o venres, data en que terán lugar as probas estudantís.

OLME tamén anunciou que recorrerá a medida do executivo ante o Consello de Estado, alegando que ese decreto é inconstitucional e contraviene a lexislación nacional e europea en materia de folga, pois a figura da mobilización civil está concibida para períodos de guerra ou tras sucesos extremos como catástrofes naturais.

Ademais organizou unha manifestación fronte ao Parlamento para a tarde de hoxe que se verá reforzada pola convocatoria de apoio do sindicato comunista Pame e polas mostras de solidariedade de organizacións sectoriais como médicos do hospital, empregados municipais e estudantes, entre outras.

O principal partido da oposición, Syriza, considerou que a actuación do primeiro ministro foi irresponsábel e perigosa pois "as explosións sociais actívanse cando se usan métodos ditatoriais", e esixiu a derrogación do decreto así como a procura de solucións dialogadas entre goberno e ensinantes no conflito laboral aberto.

Pola súa banda o Partido Comunista de Grecia (KKE) cuestionou a lexitimidade da decisión de Samarás, condenando "a aplicación da doutrina preventiva da lei e a orde contra o pobo traballador", e chamou aos cidadáns a unirse contra "as políticas inhumanas na educación que van da man coa opresión do Estado e o autoritarismo".
Postar um comentário