23/06/2013

Marx, Walras e Shumpeter

Henri Denis. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Â revolta entre a mocidade.  Henri Denis é un historiador francés das ideas económicas.



1

Non é unha das menores orixinalidades de Schumpeter a de expresar xuízos extremadamente favorábeis sobre autores tan opostos como Marx e Walras. En Capitalismo, socialismo e democracia (1942) escribiu:
"A visión de Marx era xusta. Podemos, pois, ir da súa man vinculando a transformación social específica que se desenvolve ante os nosos ollos coa evolución económica que é o seu motor inicial."

2

Non menos eloxioso é Schumpeter con Walras, de quen di o que segue na súa Historia da análise económica (1954):
"Se o sistema walrasiano non pode ser, ao final, máis que un vasto programa de investigación, constitúe, en troques, por mor da súa calidade intelectual, a base de case todas as mellores obras do noso tempo."

3

Non é posíbel tratar os textos antes citados como expresión de xuízos episódicos. Nunca deixou Schumpeter de recoñecer os vínculos do seu propio pensamento co de Marx e o de Walras. Xa na súa Teoría do desenvolvemento económico (1912) deixou dito que a súa forma de entender o problema "sería máis ben paralela á de Marx"; e a exposición do marxismo que constitúe a primeira parte de Capitalismo, socialismo e democracia, a despeito do seu contido crítico, revela páxina tras páxina a admiración que o autor profesa ao seu predecesor.

E para facerse unha idea suficientemente precisa da actitude de Schumpeter cara a Walras, bastaría observar que a Historia da análise económica non consagra menos de 33 páxinas (na edición francesa) á exposición da teoría do equilibrio xeral. De ningún outro autor se deu tan pormenorizada conta, en punto á súa contribución ao progreso da ciencia económica, nesta monumental obra.

4

A existencia desta dobre filiación de Schumpeter expón un problema merecedor de solución. Propóñome mostrar que Schumpeter retomou o proxecto de Marx de construír unha interpretación económica da historia, mais, resultándolle inaceptábeis as teses da economía política clásica abrazadas por Marx, quere servirse da economía política walrasiana para levar a cabo a tarefa que se propuxo o autor d'O Capital. Teremos ocasión de ver que esa empresa paradoxal foi perseguida con moita continuidade, o que desembocou no estupefaciente xuízo de 1943 sobre a superior eficacia dunha economía integralmente planificada.

5

Adóitase celebrar a obra de Schumpeter pola súa rara combinación dos métodos da historia e da socioloxía cos da economía política pura. Porén non nos equivoquemos: Schumpeter é, antes que outra cousa, o discípulo de Böhm-Bawerk e de Wieser. Como observa con toda razón François Perroux no seu limiar á tradución francesa da Teoría do desenvolvemento económico, "Schumpeter non só se embarca na abstracción con suma soltura, senón que se entretén nela."

6

A teoría económica neoclásica, da que Schumpeter é adepto, ve a economía como un conxunto de actividades estritamente individuais, a combinación das cales é estudada sen apelar á natureza social do ser humano. Esa visión individualista e mecanicista da economía parece de todo punto asumida por Schumpeter, cando presenta na Teoría do desenvolvemento económico a súa particular concepción da economía de mercado sen innovacións, á que chama "circuíto":
"Así pois, fronte aos medios de produción e do proceso de produción, na nosa hipótese, non hai sequera un director propiamente dito. O director, en realidade, é o consumidor (...), o único factor activo é o afán de satisfacer as necesidades, e o traballo, o mesmo que a terra, non son senón instrumentos dese afán."

7

O estrito punto de vista de economista que parece querer adoptar o noso autor sitúanos moi lonxe de Marx. Con todo, cando fala do seu predecesor, Schumpeter non deixa de afanarse en mostrar que a achega esencial de Marx é a que desenvolveu no tres volumes d'O Capital, e que nesa obra Marx non vai de filósofo. Para Schumpeter, quen ven na filosofía de Hegel a chave do sistema de Marx non poden andar máis errados:

"Equivócanse, na miña opinión, e non fan xustiza ao valor científico de Marx. É verdade: Marx compracíase con certas analoxías formais constatábeis entre a súa argumentación e a de Hegel. Gustáballe confesar o seu hegelianismo e servirse de fraseoloxía hegeliana. Iso é todo. En parte algunha traizoa Marx a ciencia positiva a favor da metafísica."

8

Constatada esa vontade, repetidamente manifestada por Schumpeter, de tratar a obra de Marx exclusivamente como a obra dun economista, sorprende menos a dupla admiración, por Marx e por Walras, que podemos atopar nel.

9

Schumpeter admira en Marx a tentativa de fundar na economía política unha explicación da historia. O autor da Teoría do desenvolvemento económico non limita, en efecto, a súa investigación á interpretación do mundo que ten á vista. Recibiu a influencia dos economistas da escola histórica alemá e a de Max Weber. Quere situar o capitalismo moderno nun proceso de despregamento evolutivo. A súa orixinalidade, así pois, ten que ver co feito de que considera posíbel pór a economía política pura como base de explicación da historia, á maneira en que Marx construíu o seu sistema inspirándose en Ricardo.

10

A insuficiencia do marxismo, ou iso cre saber, vén exclusivamente do feito de que a economía política ricardiana resulta insatisfactoria, porque a teoría do valor-traballo é errónea. Walras e Wieser descubriron na utilidade marxinal a verdadeira fonte do valor dos bens. Do que se trataría agora é de facer descansar a interpretación da historia sobre o fundamento da nova economía política.

11

Porén que relación podería gardar a teoría do equilibrio xeral cunha explicación das transformacións da sociedade? Dirase que Walras preocupouse moi pouco de situar na historia humana a economía sobre a que teorizaba, tendendo a presentar esa economía como algo pouco menos que intanxíbel. Schumpeter non negaba, desde logo, o escaso interese pola historia da economía política marxinalista; mais pensaba que había que ampliar o seu horizonte e, en suma, realizar a síntese entre a escola histórica e a escola da economía política pura. Tomando plena consciencia desta intención fundamental do economista austríaco é posíbel comprender a maneira en que constrúe o seu propio sistema de pensamento a partir dunha oposición que estabelece entre o "circuíto" e a "evolución".

12

A economía do "circuíto" é, para Schumpeter, unha economía sen empresario, sen capital, sen beneficio. É, en suma, a economía walrasiana na situación do equilibrio xeral, porque Walras declara que en, nesa situación, o beneficio é nulo, de modo que o empresario, obrigado a vivir mercé aos recursos que obtén como asalariado ou como capitalista, é practicamente eliminado. Estase tentado hoxe a pensar que un modelo así é pouco adecuado para comprender a evolución real da economía. Con todo, Schumpeter creu que inspirándose nel podía atopar o modo de corrixir a teoría de Marx e poder xustificar a visión marxista da historia. En efecto: dicir que non hai beneficios do capital na situación de equilibrio xeral, ou no "circuíto", é en certo xeito adherir ao momento de vista de Marx, segundo o cal o capital en, en si mesmo, improdutivo. Sen necesidade de utilizar a teoría da plusvalía, que estaría infelizmente fundada na concepción do valor-traballo, podíase entón soster que o capitalismo desaparecería, porque nun determinado momento desaparecerían as particulares circunstancias que procrearon os beneficios.
"Basta -escribe Schumpeter- considerar o obxectivo analítico de Marx, para recoñecer que non estaba en absoluto obrigado a aceptar o combate no terreo en que máis fácil resulta derrotalo (...). En efecto, esa facilidade desaparece en canto a teoría do valor-traballo deixa para nós de representar outra cousa que unha tese relativa ao funcionamento dunha economía estática en estado de equilibrio perfecto. Dado que Marx buscaba analizar, non un estado de equilibrio que, segundo el, a sociedade capitalista xamais podería alcanzar, senón, ao contrario, un incesante proceso de transformación na estrutura económica, as críticas que se lle fan non poden ser absolutamente decisivas. Aínda se non poden manifestarse en perfecto equilibrio, as plusvalías poden, con todo, estar sempre presentes, porque o réxime non consente nunca o estabelecemento do equilibrio. Aínda se tenden de continuo a desaparecer, esas plusvalías poden, con todo, existir sempre, porque son incesantemente recreadas. Unha defensa así non pode, desde logo, salvar nin a teoría de valor-traballo -sinaladamente, cando se aplica á propia mercadoría traballo-, nin a argumentación sobre a explotación tal como foi formulada por Marx. Porén, permítenos interpretar máis favorabelmente a súa conclusión."

13

A conclusión de que aquí se trata é a necesaria desaparición do modo de producir capitalista. E Schumpeter sostén que se pode defender esa conclusión fundándose na idea de que non hai beneficios na situación de equilibrio. A ambigüidade do pensamento schumpeteriano resulta aquí particularmente manifesta. O economista austriaco pode pasar por un defensor do liberalismo económico por mor da súa teoría do empresario dinámico que, rompendo o "circuíto", empuxa á economía pola vía da evolución e o desenvolvemento. Con todo, esa mesma teoría do empresario dinámico é para el a base dunha visión extremadamente pesimista do futuro da economía de mercado. Basta, en efecto, exporse a necesidade da decadencia do espírito de empresa, consecuencia da burocratización das tarefas de dirección económica, para poder profetizar, el tamén, o fin próximo do capitalismo:

"Como a iniciativa capitalista -escribe-, polos seus propios resultados, tende a automatizar os progresos, concluiremos que tende a facerse a si propia superflua: a estalar e pedazos baixo a presión do seu propio éxito. A xigantesca unidade industrial perfectamente burocratizada non só elimina -expropiando aos seus propietarios- as empresas de escala pequena e mediana, senón que, ao final, elimina igualmente ao empresario e expropia á burguesía en tanto que clase chamada a perder, pola súa propia dinámica, non só o seu ingreso, senón mesmo -o que é infinitamente máis grave- a súa razón de ser."

14

Discorrendo por esta vía, a reflexión schumpeteriana vai moi lonxe: o noso autor sostén que o socialismo triunfará, porque permitirá obter unha produción máis abundante que a obtida en réxime capitalista, sen necesidade de apelar ao móbil do beneficio. Un podería asombrarse de atopar esta afirmación asinada por un discípulo de Walras. Con todo, hai que lembrar que a teoría neoclásica da economía coñeceu o mesmo malfadado destino que a economía política ricardiana. Elaborada para defender a empresa privada,[1] a teoría marxinalista non tardou en ser utilizada para a defensa do socialismo por parte de economistas tan cegadores como Oskar Lange.

15

Unha fracción da escola neoclásica chegou a soster, na primeira metade do século XX, que nunha economía socialista obteríanse resultados excelentes se se esixise aos planificadores e aos directores de empresa aplicar as regras de cálculo que, argumentábase, eran aplicadas de maneira farto imperfecta nas economías capitalistas: igualdade de oferta e demanda, igualdade de custos marxinais de produción a prezos de equilibrio, abaratamento ao mínimo nivel dos custos medios, etc... Esa idea é retomada en Capitalismo, socialismo e democracia. De aquí a resolta afirmación da superior eficiencia dunha economía planificada:
"O consello central -escribe Schumpeter- podería (e até certo punto, debería) cumprir a función de difusor de informacións e coordinador de decisións: polo menos ao mesmo nivel que unha oficina de cártel que dispuxese de plenos poderes. A existencia dun cerebro central así reduciría inmensamente a cantidade de traballo a realizar por parte dos cerebros intermedios dos xerentes, e a intelixencia que se precisa para facer funcionar un sistema así sería farto menos grande que a que se necesita para pilotar unha empresa de certa importancia a través das correntes e os rompentes da economía capitalista."

16

A partir do marxinalismo, Schumpeter conflúe, pois, coas conclusións de Marx en punto á mellor utilización das forzas produtivas polo socialismo. E o economista austriaco comparte igualmente as ideas de Marx sobre a posibilidade de conciliar a planificación económica coa democracia política:
"A sociedade socialista -escribe- terá menos necesidade de contar coa disciplina autoritaria que a nosa sociedade de capitalismo rebosante de obstáculos."

17

Aínda que resulte estupefaciente, este eloxio do socialismo non nos afasta de Walras tanto como podería parecer. Pois o que está na base tanto das análises de Schumpeter como dos de Lange é a concepción walrasiana dun máximo de satisfacción dimanante da aplicación de leis económicas de todo punto simples. A admiración polo xogo do mercado así concibido leva paradoxalmente a ambos os autores a adoptar unha visión extremadamente optimista dos efectos da planificación. Posto que as leis da economía son simples, pensan, debería ser fácil facer funcionar unha economía socialista.

18

Coa intermediación dos economistas neoclásicos partidarios do "socialismo de mercado", Schumpeter conflúe, pois, con Marx de maneira bastante natural. Pódese, emporiso, observar que, en certo sentido, compórtase así en tanto que herdeiro de toda a tradición da economía política liberal, que tende a minimizar o papel do Estado:

"A mellor fórmula -escribe- consiste en dicir que o Estado, nacido das vicisitudes e os compromisos entre os réximes feudais e a burguesía, constitúe unha parte das cinzas das que nacerá o fénix socialista (...). É verdade que o socialismo pode constituírse por un acto de Estado. Pero na miña opinión nada impide dicir que o Estado morre cumprindo ese acto: como indicara Marx e como Lenin repetiu."

19

Esa confluencia con Marx e con Lenin dun economista liberal resulta evidentemente asombrosa. Convídanos a reflexionar sobre o feito de que a economía política liberal e o marxismo teñen un punto común de partida no individualismo e o empirismo da filosofía da Ilustración. E pódese concluír dicindo que a reflexión sobre a obra de Joseph Schumpeter terminará sen dúbida pondo en cuestión os fundamentos sobre os que até agora descansou a ciencia económica.

Bibliografía mencionada

Schumpeter (J), Theorie der wirtschaflichen Entwicklung, Leipzig, 1912.

Schumpeter (J), Capitalism, Socialism and Democracy, Nova York, 1942.

Schumpeter (J), History of Economic Analysis, Nova York, 1954. (Tradución castelá de Manuel Sancristán: Historia del análisis económico, Barcelona, Ariel, 1970)



NOTA DA T.:
[1] En realidade, os economistas neoclásicos "socialistas de mercado" mencionados polo autor non fixeron senón seguir a senda política do propio Leon Walras, que foi, aínda que se esqueceu de maneira interesada, un socialista -cooperativista- convencido ("je suis pas un economiste, je suis un socialiste" [p. 11ss.]), e cuxo "mercado de competición perfecta" era un mero constructo estático normativo (non descritivo, nin menos dinámico-explicativo) que só funcionaba como tal logo da nacionalización da terra e da banca e mercé a enérxicas e constantes intervencións do Estado republicano-democrático para regular as rendas monopólicas dimanantes das economías de escala. (De aquí o inveterado rexeitamento dos ultraliberais marxinalistas austríacos -à a Hayek- a todo o que cheirase a teoría económica neoclásica.) O uso liberal proempresarial da teoría do equilibrio xeral veu coa falsificación das posicións orixinais de Walras que fixo logo o seu sucesor na cátedra de Lausana, Wilfredo Pareto (nomeado senador vitalicio por Mussolini anos despois).  

Nenhum comentário: