18/06/2013

Turquía: un segundo 1848... ou 1905?

Cihan Tugal. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por À revolta entre a mocidade.  Cihan Tugat é profesor asociado de sociología da Universidade de Californía, Berkeley. Autor de Passive Revolution: Absorbing the Islamic Challenge to Capitalism.


Cando a revolta se estende a un dos alicerces da estabilidade capitalista, todo parece indicar que onda internacional de protestas de 2011 segue viva. Turquía, que é posta como exemplo en todo o mundo como un éxito neoliberal (e no mundo árabe como un modelo de democracia), esta en pé contra o autoritarismo e o capitalismo de libre mercado (ou polo menos a súa especulación inmobiliaria). As revoltas turcas, que agora se suman ao tren de 2011, terán consecuencias máis aló do país.

Con todo, esta onda de protestas, como as de 1848 e 1905, acabará probabelmente en pequenas vitorias e derrotas parciais. Dalgunha maneira, as perspectivas son algo peores que as das anteriores ondas de protestas. O pesimismo a nivel internacional post-1980 segue estando presente. Carecemos de alternativas sólidas á actual orde mundial. A desorganización é xeral e mesmo é reproducida por un activismo que fixo do espontaneismo un culto.

A onda de protestas de 2011 non terminará nun 1789, 1917 ou 1949.

Herdanzas inesperadas

Como en 1848 e 1905, as herdanzas culturais e organizativas de 2011 poden resultar máis importantes que as vitorias inmediatas. 1848 non deu como resultado ningún réxime democrático estábel, mais convenceu á clase obreira e ás clases medías europeas de que era posíbel un mundo con máis democracia e máis social. Puxo na axenda a socialización. É máis, as derrotas das revoltas masivas ensinaron aos militantes que necesitaban unha organización e unha dirección moito máis consolidadas se querían alcanzar os seus obxectivos. Os dispersos espazos e ambientes políticos republicanos e obreristas deron paso a sólidas organizacións nacionais e continentais cara a finais do século XIX.

A onda de 1905 pasou á historia máis polas súas derrotas que polas súas vitorias. Pero esas derrotas proporcionaron a experiencia necesaria para unha maior educación e organización política; crearon ademais as organizacións de democracia directa de masas autónomas da historia (os consellos de obreiros, campesiños e soldados). Sen as derrotas, semi-vitorias e leccións de 1905-1911 non houbese revolución en Rusia, nin en China (nin tampouco culturas de oposición fortes e duradeiras en México, Turquía e Irán).

Para resumir: aínda que o resultado inmediato das revoltas internacionais en 1905 foi moito máis desmoralizante, a maduración dos seus efectos foi moito máis revolucionaria.

A cuestión que se expón é se 2011 será un segundo 1848 0 1905. Teremos que esperar décadas para coñecer os seus froitos ou é 2011 o anunciou de algo que está por vir moi pronto, quizais un segundo 1917? Alguén poderá preguntar para que queremos un segundo 1917, tendo en conta que as esperanzas postas nel foron totalmente desproporcionadas? A revolución dos consellos estendeuse rapidamente a outras partes de Europa, mais foi derrotada e esmagada completamente en poucos anos. Quizais foi política e economicamente prematuro avanzar cara ao socialismo nunha Rusia illada, como demostrou a ditadura de partido único consecuente. Con todo, os primeiros anos despois de 1917 demostraron a todo o mundo que as clases populares eran capaces de auto-organizarse e tomar decisións que determinasen o destino dos seus países e de todo o mundo. É máis, todo o Occidente capitalista tivo que reorganizar as súas estruturas políticas e económicas para incorporar as voces e as reivindicacións populares ante o medo de ser destruído por esa experiencia de democracia directa. E os dirixentes dos consellos rusos houbesen feito mellor e se axudasen máis ao resto do mundo se se impuxesen uns obxectivos máis realistas e fosen máis tenaces á hora de estendelos ao resto do mundo no canto de tentar en balde construír o socialismo nun país semi-capitalista empobrecido e illado.

O primeiro intento de revolución post-capitalista foi unha traxedia. Como á xente non lle gusta hoxe en día, e con razón, as farsas, ningún movemento quererá aprender de 1917 a menos que atopemos o concepto co que extraer as leccións correctas daquel momento crucial.



A revolución recorrente

Por tanto, que é o que necesitamos para construír un segundo 1917 sen as ilusións, derrotas e horrores do primeiro?

Nin as estruturas económicas nin os niveis políticos e ideolóxicos dos activistas e da xente están aínda preparados para un mundo post-capitalista hoxe en día. Os dirixentes rusos sabían que ningunha das condicións necesarias existían tampouco en 1917. A súa solución, como a formulou un deles, foi a "revolución permanente" (ou nas palabras doutro deles, a "revolución ininterrompida"), que combinase as tarefas de preparación coas propias da revolución; as tarefas do cambio capitalista e democrático coas da transformación post-capitalista. A perspectiva deste desafío era valida: se se deixa ao capitalismo funcionar ao seu aire, acabará por destruírse e con el ao mundo, no canto de crear as bases neste mundo para unha civilización post-capitalista. Por esta mesma razón, calquera transformación post-capitalista ten que ser necesariamente inmatura.  Pero o seguinte paso lóxico que adoptaron estaba equivocado: confiaron en que o proceso revolucionario (do que os consellos eran a columna vertebral) e a súa propia dirección serían capaces por se mesmos de combinar con éxito a preparación do socialismo e a revolución. A súa esaxerada confianza na vontade popular e o seu equivocado optimismo en relación coa súa capacidade de dirección revolucionaria foi o crisol das ilusións de 1917. Nunha Rusia illada, os revolucionarios foron empuxados primeiro a silenciar aos que disentían, despois aos consellos e finalmente a eles mesmos, uns contra outros. As estruturas que lles presionaban non poden simplificarse nunha fórmula rápida que saliente a mala fe e o autoritarismo dunhas poucas mazás podrecidas. Se as ilusións volven reaparecer en circunstancias favorábeis, tamén o fan os horrores.

Porén, se toda transformación post-capitalista ten necesariamente que comezar de forma inmatura, que pode facela madurar, senón é unha revolución permanente? A enerxía popular (do tipo que emanaban os consellos, ou a Comuna de Taksim hoxe e as innovacións anarquistas de OWS) e a dirección revolucionaria son imprescindíbeis, mais non suficientes. Deixadas á súa propia dinámica, unha está condenada a destruír á outra e viceversa, e con elas ao propio proceso revolucionario. É necesario un proceso lento de maduración política e co-educación ideolóxica (unha educación interactiva na que tanto os intelectuais como as masas se transformen simultaneamente) que as acompañe. A xente insatisfeita co capitalismo ten tamén que crear as súas propias institucións post-capitalistas (como cooperativas e outras formas de economía social colectivistas), sen esquecer nunca que non son sustentábeis (en tanto que institucións democráticas e populares) a longo prazo sen intervencións revolucionarias (e revoltas masivas).

Un proceso así, en que os activistas e a xente se concentren en construír institucións alternativas, na co-educación e na acumulación de experiencias políticas nos períodos máis tranquilos até que as barreiras e obstáculos que xurdirán impedindo a súa extensión lles obríguen a recorrer de novo á protesta, pode ser chamado unha revolución intermitente ou recorrente.

A revolución intermitente non é unha revolución permanente: parte da comprensión de que son necesarios períodos de calma para a construción de institucións, para a co-educación, na sociedade civil. Porén, os revolucionarios intermitentes, a diferenza dos reformistas, recoñecen a necesidade das revoltas de masas para crear e soster os órganos de poder popular e as culturas de solidariedade e para superar os obstáculos que se interpoñen no camiño das institucións alternativas.

Os dirixentes de 1917 tamén tiveron outra visión parcialmente válida: a imposibilidade da transición post-capitalista nun só país. Esta visión, con todo, estaba unida a outra ilusión: a inmediatez da revolución europea (especialmente en Alemaña). Para evitar a monstruosidade que implicaría impor á forza este soño (invadindo aos países veciños!), Rusia acabou por sucumbir ao pragmatismo autoritario dun ditador (envolvido nos hábitos dun estrito dogmatismo). Porén cando se abandonan as ilusións dunha transición inminente ao socialismo, tamén se poden evitar a falsa dicotomía entre revolución mundial e socialismo nun só país; ao mesmo tempo que entre un internacionalismo de manual e un nacionalismo pragmático. Só podemos construír un mundo post-capitalista a través dunha revolución interrexional, intermitente; é dicir, a través da cooperación de activistas e xente que non terán máis remedio que aceptar derrotas e semi-vitorias, continuar e perseverar, e facer da solidariedade o seu mellor instrumento. Os cadros e os dirixentes da revolución intermitente terán as súas raíces nos seus propios países, mais pensarán estratexicamente e alentarán as posibilidades de cambio noutros lugares, en interacción activa cos dirixentes deses lugares e os seus contextos nacionais. Estas relacións estanse xa forxando hoxe en todo o mundo.

Á procura de novas formas de organización

Que podemos esperar, por tanto da onda de protestas internacionais de 2011?

Podemos razoabelmente esperar a extensión de formas de cultura e organización democráticas e populares. Non podemos saber aínda que culturas e estruturas estatais existentes cambiarán e até que punto, como nas décadas posteriores a 1848. Esa época foi testemuña en Europa da construción dos primeiros alicerces do estado do benestar. Incorporarán da mesma maneira as culturas e os estados actuais as novas sensibilidades de 2011 en relación coa natureza, os dereitos urbanos e a democracia participativa? Dependerá sen dúbida de que se siga estendendo a revolta a nivel internacional, xa que hoxe as elites e os réximes en cuestión son moito máis reaccionarios se se lles compara cos da Europa de mediados do século XIX.

Por tanto, quizais poida parecer ilusorio falar, de maneira máis ambiciosa, dun segundo 1905. Pero a tarefa é máis urxente hoxe: o capitalismo está a alcanzar os seus límites financeiros e naturais. Xa non é sustentábel. Se non aparecen alternativas e son postas en práctica, o planeta será destruído baixo o seu peso. Cales poden ser as alterativas ao capitalismo é outro tema, mais esa discusión tamén é imprescindíbel. Porém agora quero centrarme noutra tarefa: a construción dos suxeitos que poidan loitar por esas alternativas.

Que podemos esperar conseguir neste momento? Ademais da extensión da revolta, podemos traballar por crear lazos interrexionales entre activistas e dirixentes; recrutar e educar a unha nova capa de cadros da nova xeración que por primeira vez participa en política. Porén este recrutamento e esta construción dunha rede de alianzas só será relevante historicamente se parte dunha visión estratéxica. No canto de celebrar o espontaneismo e a falta de dirixentes, os activistas necesitan construír estruturas de dirección flexibles e democráticas, As revoltas espontaneas disípanse con facilidade ou perden os seus obxectivos (se non houbese unha "dirección" en Taksim hoxe, como pretenden algúns activistas, o movemento na praza caese rapidamente nas mans dos kemalistas -os nacionalistas liberais laicos-; foi grazas ás diferentes gamas de dirección das esquerdas plurais, a pesar da súa dispersión, como se puido evitar a ameaza kemalista). Pero tamén sabemos que unha dirección centralizada acaba por desposuír á xente do seu poder.

A nova forma de dirección para unha transformación post-capitalista sustentábel esixe a habilidade de aprender da base, a vontade de interactuar coa enerxía popular, institucionalizar mecanismo de equilibrio entre forzas e a constante inmersión en institucións alternativas e a co-educación. Como 1905 puxo o seu selo na historia mediante a consolidación dunha nova forma de organización (o partido revolucionario centralizado), 2011 pode crear (ou polo menos expor) unha nova forma de organización revolucionaria (máis democrática e ao mesmo tempo máis eficiente).

Só entón poderemos empezar a falar dun novo 1905.



Postar um comentário