25/11/2013

O retorno do problema político

Entrevista a Daniel Bensaïd realizada en setembro de 2009 e publicada en Actuel Marx. Artigo traducido desde Viento Sur (aqui) por À revolta entre a mocidade. Tradución castelá de Tomás Callegari para Democracia Socialista (aqui).


Actuel Marx: Mentres a esquerda europea parecía solidamente ancorada a unha división do traballo entre partidos e sindicatos, no últimos vinte anos asistimos ao desenvolvemento de movementos sociais que buscaban deliberadamente afirmar a propia autonomía e radicalidade en resposta ao enfraquecemento da esquerda tradicional ante o ascenso do neoliberalismo. A vinte anos de distancia, que diagnóstico pode facerse destas formas de loita colectiva? Deben ser consideradas como elementos de fragmentación, como forzas de presión sobre os partidos ou sindicatos, ou como factores de recomposición?

Daniel Bensaid: O surgimiento de agrupamientos diversos probabelmente corresponda á vez a unha tendencia de fondo e a un fenómeno máis conxuntural. A tendencia de fondo é a da crecente complexidade das sociedades contemporáneas e a da pluralidade dos ámbitos sociais: múltiples contradicións e modos de subxectivación revélanse así irredutíbeis ás grandes sínteses a priori e á absorción nun grande suxeito histórico unificante. O fenómeno máis conxuntural depende da perda de lexitimidade por parte dos partidos e sindicatos moldeados na horma do estado de benestar. Estes non foron capaces de responder á reorganización das formas de resistencia á contra-reforma liberal. Os sindicatos restrinxiran a súa función á negociación da relación capital-traballo ao interior da empresa ou do sector produtivo, mentres que o esgotamento do compromiso fordista e a desconcentración industrial obrigaron a reinvestir as prácticas territoriais.

Probabelmente certas formas de organización autónoma serán compoñentes duradeiros dun movemento social proteiforme que transcenda amplamente a función sindical de negociación da forza de traballo, a menos que os sindicatos recuperen as prácticas iniciais do sindicalismo das bourses du travail 1. Está comprobado, en efecto, que as grandes centrais sindicais tenden a xerarquizar obxectivos e a relativizar certas reivindicacións que son mellor tomadas en conta por organizacións específicas como os comités de desocupados, os colectivos de inmigrantes indocumentados, ou as asociacións polo dereito á vivenda. É o caso, en particular, de Francia, onde menos do 10% da forza de traballo (5% no sector privado!) está sindicalizada. Sería imprudente, por tanto, extraer conclusións demasiado xerais. Tamén porque a pregunta que vostedes me fan tende a mesturar cousas bastante diversas.

Droit au logemente, Act-Up ou AC son asociacións que loitan por unha cuestión específica, e as coordinacións ou comités de folga son organismos de mobilización tanto máis necesarios canto en Francia a representación sindical é débil. Pero son tamén formas moi flutuantes. Nas recentes loitas, o fenómeno das coordinacións foi menos frecuente e menos espectacular que cara aos inicios dos anos 90 nas folgas dos enfermeiros e dos ferroviarios, coma se, fronte á brutalidade da crise, as centrais sindicais recobraran as forzas.

Actuel Marx: Mentres que a cuestión da forma-partido suscitou escasas discusións nas últimas décadas, parece volver cobrar actualidade Como explicalo? É o efecto dunha crise dos partidos existentes: crise da representación política en xeral, esgotamento do principio das divisións partidarias da esquerda do século XX? É o síntoma dunha crise da articulación sindicatos-partidos ou das lameiras da alternativa movimentista? É, máis en xeral, a consecuencia dunha carencia estratéxica da esquerda fronte ao neoliberalismo e a súa crise?

Daniel Bensaid: Non me gusta o cliché da crise "da forma-partido", que encobre demasiado facilmente distintas cuestións. Se hai crise, haina en primeiro lugar da política mesma ou, se se prefire, da representación democrática, da cal o retroceso partidario pode ser unha consecuencia. Hai crise, despois, do contido (dos programas, dos proxectos), máis que da forma, e esta crise manifesta a incapcidade de partidos que foran os leais administradores do estado de benestar para afrontar a contra-reforma liberal inaugurada cara aos inicios dos anos 80. Hai crise, finalmente, na redefinición das prácticas militantes, animadas por unha nova esixencia democrática e cultural en relación ás transformacións sociais, coa emerxencia de novas cuestións de fondo como a crise ecolóxica, e co emprego de novos instrumentos de comunicación que quebrantan o monopolio da información do cal se nutrían os principais aparellos burocráticos.

Dito isto, sería simplista contrapor unha cultura descentrada, reticular, ás formas sindicais ou partidarias centralizadas, calcadas sobre unha certa imaxe do Estado. Pódese notar que o discurso sobre as redes e a fluidez é tamén el calcado sobre a sociedade líquida dun capitalismo liberal que, en non menor medida, conxuga eficazmente centralización e descentralización, como ilustra marabillosamente a organización de Wal-Mart (ver, á mantenta disto, o breve libro editado por Prairies ordinaires) /2.

A caída do Muro de Berlín e a desaparición da Unión Soviética marcaron o fin dun longo ciclo histórico e o comezo dun novo, obrigando a todos os actores, políticos e sociais, a redefinirse. De aí a moda do "re-" (renovación, refundación, reconstrución, etc.).

Nun primeiro tempo, como sucede despois das grandes derrotas (como ocorreu na década de 1830 baixo a Restauración), prodúcese o que eu chamo un momento utópico, un momento de fermentación, de experimentación, un momento de tanteos. É o que ocorreu a fins dos anos 90, especialmente no movemento altermundista: unha efervecencia utópica necesaria, pero acompañada dun discurso simplificador que contrapón o "bo" movemento social á "sucia" política. Isto comezou a cambiar despois deses anos: produciuse un click, e o cambio acelérase coa crise. A pretensión de autosuficiencia dos movementos sociais (que lles foi prestada por certos ideólogos, moito máis do que eles mesmos a teorizaron) mostra os seus límites. O problema político regresa con forza e con el un certo gusto pola recuperación do compromiso contido nas formas partidarias.

Actuel Marx: Como deberían articularse hoxe as distintas forzas políticas de esquerda, as forzas sindicais e os movementos? Como redefinir o tipo de intervención específica destas diferentes forzas, por exemplo, nos campos de intervención conxunta, como o traballo asalariado, os servizos públicos, a discriminación? Como pensar esta articulación nunha perspectiva de converxencia e complementariedade?

Daniel Bensaid: A artificialidade dunha forma de división do traballo entre o que concerniría ao social e o que concerniría á política maniféstase cada vez máis claramente.

Os movementos sociais, evidentemente, producen política, no sentido bo do termo. O movemento de indocumentados, cando obriga a repensar a cidadanía e as relacións entre o nacional e o estranxeiro; os movementos de desocupados, cando obrigan a repensar a relación salarial; as asociacións de pacientes ou de investigadores, cando volven pór en discusión o estatuto da ciencia e da especialización; evidentemente, o movemento das mulleres, cando responde á división do traballo e dos roles sociais, etc. Reciprocamente, os partidos, se non se conforman con ser máquinas electorais, nútrense destas experiencias, inscríbenas nunha perspectiva de longo prazo e, complementariamente, irrigan as loitas sociais de tentativas de sínteses programáticas.

Entre movementos sociais e partidos hai, por tanto, unha diferenza, non de natureza senón de función. A súa relación pode basearse na percepción clara desta diferenza e no respecto recíproco da súa independencia. Isto avalíase practicamente segundo a capacidade dos militantes dos partidos (que non son zombis estraños nin exteriores aos movementos sociais, senón á súa vez asalariados, mulleres, inquilinos, pacientes, agremiados...) de articular propostas, respectando a autonomía e as regras democráticas dos movementos nos que participan.

En canto á articulación entre partidos e sindicatos, depende en grande medida da historia dos países en cuestión. A Carta de Amiens 3, por exemplo, é ante todo unha singularidade francesa, que a cultura anglosaxoa comprende pouco. Recentemente, a experiencia do LKP de Guadalupe, ou do movemento do 5 de febreiro en Martinica, demostraron que a converxencia nun mesmo espazo unitario entre sindicatos, movementos e partidos pode constituír unha arma temibelmente eficaz.

Actuel Marx: Cales son, segundo vostede, os obstáculos principais para unha articulación semellante ao interior dun proxecto de transformación social radical? E de que formas poderían ser superados?

Daniel Bensaid: Os obstáculos son de naturezas diversas. O primeiro é sen dúbida a división sustentada pola lóxica competitiva do capital, que contrapón aos traballadores entre si, individualiza os status, os ingresos, os tempos de traballo; que atomiza aos colectivos, contrapón ao público o privado, os usuarios aos folguistas, os franceses aos inmigrantes, etc.

O outro obstáculo, que non é menor, é o que a súa pregunta supón resolto, vale dicir, que exista un proxecto "compartido de transformación social radical". Estamos lonxe. E non polas inconsecuencias ou a mala vontade de tal ou cal aparato, senón por mor dos efectos da alienación do traballo, do fetichismo da mercadoría, do círculo vicioso da dominación. Ás veces pasa que o círculo pode ser crebado, como ás veces pasa que se interrompe a rutina dos traballos e os días, pero iso prodúcese en situacións particulares, situacións de crise social e política. O tempo político, en efecto, non é o tempo lineal, "homoxéneo e baleiro" das penélopes electorais; é un tempo crebado, descontinuo, cheo de espasmos.

Trátase de prepararse para tales situacións de múltiplas maneiras, ou en varios planos simultaneamente. A nivel partidario, recuperando e sintetizando as experiencias máis fecundas, traballando día tras día para que as ideas solicitadas por estas experiencias se fagan camiño. Nos sindicatos e nos movementos, disputando todo o tempo o terreo á inercia e aos intereses de aparato, modificando as relacións de forza ao seu interior. Nas loitas, fomentando, canto sexa posíbel, a emerxencia de formas unitarias e democráticas de auto-organización e autoxestión.

Actuel Marx: Para desafiar a centralidade do capitalismo, esta articulación, debería basearse exclusivamente sobre a igual dignidade de todas as loitas contra a dominación e a explotación? Podería igualmente admitir principios dunha xerarquización práctica?
Daniel Bensaid: Admitir unha xerarquía das prácticas equivalería a retornar á idea dunha "contradición principal" (as relacións de clase), á cal estarían subordinados problemas presuntamente secundarios (o problema ecolóxico ou o feminista, a discriminación racial...). Pódese -débese-, inversamente, partir do que vostedes chaman "a igual dignidade das loitas", sen con iso resignarse ao feito de que a súa pluralidade se traduza na súa dispersión. O seu gran unificador é a dominación sistémica do capital mesmo. É isto o que explica como movementos tan diversos como sindicatos da industria, movementos feministas, asociacións culturais, movementos ecoloxistas, movementos indíxenas, sindicatos campesiños, e tantos outros, lograron tan facilmente converxer nos foros sociais.

Sen que sexa necesario falar de xerarquías, pódese con todo constatar que os diversos campos sociais non cumpren o mesmo rol. O mesmo Bourdieu admitía que o campo económico non ten o mesmo peso que o mediático ou que o académico. Pódese tamén constatar que certos movementos (por exemplo, o movemento anti-guerra) son máis intermitentes que outros (o movemento sindical). Estas diferenzas son reveladoras dunha articulación "sobredeterminada" pola dominación impersoal e sistémica do capital, de xeito que as relacións de clase e de xénero son sen dúbida as dúas principais diagonais contorna ás cales poden rencontrarse de maneira non xerárquica as diversas resistencias.

Notas

1/ A bourse du travail, literalmente "bolsa de traballo", foi un tipo de organización de traballadores de distintos oficios estendida en Francia cara a fins do século XIX. Precursora das centrais sindicais, tiña un eixo de organización rexional-local, e funcións múltiples que excedían a relación corporativa co capital, e ían desde o fomento da axuda mutua até a educación dos seus membros, incluíndo a asignación de postos laborais para traballadores cualificados e non cualificados, a formación de centros culturais, librarías, teatros, etc.

2/ Bensaid refírese a Wal-Mart, l'entreprise monde, publicado en 2009 por Lichtestein Nelson e Susan Strasser, que describe o funcionamento da xigante multinacional estadounidense, principal vendedora comerciante polo miúdo do mundo.

3/ A Charte d'Amiens é unha declaración do congreso de 1906 da Confederación Xeral do Traballo francesa, que dispuña a independencia dos sindicatos respecto de todo partido político, xerarquizando a loita económica por sobre a política e postulándoa como a vía xenuína para a liberación dos traballadores.


Nenhum comentário: