02/12/2013

Independencia de Escocia: hai que ser mais audaces!

Yanis Varoufakis. Artigo tirado de SinPermiso (aqui). Yanis Varoufakis é un recoñecido economista greco-australiano de reputación científica internacional. É profesor de política económica na Universidade de Atenas e conselleiro do programa económico do partido grego da esquerda, Syriza. Actualmente ensina nos EEUU, na Universidade de Texas. O seu último libro, O Minotauro Global, para moitos críticos a mellor explicación teórico-económica da evolución do capitalismo nas últimas 6 décadas, acaba de ser publicado en castelán pola editorial española Capitán Swing, a partir da 2ª edición inglesa revisada. Unha extensa e profunda reseña do Minotauro, en SinPermiso Nº 11, Verán-Outono 2012.

 

Por que, contra as timoratas propostas do Libro Branco do Goberno de Edimburgo, Escocia necesita a súa propia moeda? Por que a súa formulación independentista necesita ser máis radical?

Os republicanos australianos marcáronse un soado gol en propia porta nos 90, cando, na precipitación por gañar un referendo para a proclamación da República, lanzaron ao electorado unha proposta de "República minimalista". Resoltos a acougar a aversión do elector medio ao cambio constitucional "demasiado grande", propuxeron que nada cambiase, salvo que a Raíña de Inglaterra sería substituida como Xefe de Estado en Australia. Desgraciadamente, non pensaron as cousas até o final.

O problema dunha axenda constitucionalista mínima é que, aínda que poida soar moderada, tende a provocar unha reacción en cadea de cuestións que non poden responderse nin adecuadamente nin de forma congruente co "minimalismo" que se pretende. Resultado: o "minimalismo" pode moi facilmente resultar decepcionante para os corazóns e as mentes dos partidarios potenciais, sen chegar a atraerse, en cambio, o apoio de quen teme calquera cambio.

En Australia, a primeira cuestión incómoda que se expuxo tras a proposta de República  "minimalista" tiña que ver co método de elección do Xefe de Estado. Unha elección directa significaría, folga dicilo, conferir ao cargo de Xefe do Estado un poder que se consideraba incompatíbel co papel severamente limitado do Gobernador Xeral (o representante da Raíña en Australia). Para previr esa desviación do "minimalismo", o Movemento Republicano Australiano recomendou que o Xefe do Estado fose elixido o Parlamento. Con todo, esa perspectiva afastou a moitos republicanos. Iso é que se perdeu o referendo, aínda cando as sondaxes de opinión apuntaban a unha folgada maioría que prefería a República á conservación da Monarquía. O certo é que ningún monárquico cambiou de campo a pesar da oferta "minimalista", mentres que moitos republicanos quedaron na casa, descorazonados pola insuficiencia republicana da República que se lles propuña.

Alex Salmond e o Partido Nacional Escocés (PNE) están a cometer exactamente o mesmo erro ao propor unha independencia "minimalista" para Escocia. Empeñados en acougar os nervios do electorado e en mitigar os efectos económicos do voto "Si", o Libro Branco que acaban de publicar "recomenda ao Goberno escocés manter a libra Esterlina como parte dunha unión monetaria formal e cre que iso proporciona un marco forte e amplo para a post-independencia escocesa". A clara mensaxe a quen poidan ver ameazados os seus aforros e o seu poder de compra na Escocia post-independente é este: "Nada cambiará, salvo que Escocia verase liberada de Westminster e poderá practicar as políticas de xustiza social que Inglaterra veu recortando progresivamente". Desgraciadamente, o mesmo que no caso dos republicanos australianos, o PNE non pensou as cousas até o final.

Porque a cuestión non é se o goberno de Escocia será capaz de torcer o brazo de Inglaterra (talvez baixo ameaza de desertar da débeda pública inglesa) para poder permanecer na zona monetaria da Libra Esterlina. Non é ese o debate que hai que ter. A cuestión real, que xa está a aflorar, é se Escocia debería querer participar no Banco de Inglaterra, segundo expón o Libro Branco recente. A cuestión para o pobo escocés é esta: se a unión política debe preceder a unha unión monetaria -como tan vivamente ilustrou a crise da Eurozona-, ten sentido querer preservar a unión monetaria antes de desmantelar a unión política? A resposta é inequivocamente negativa, o que converte ao Libro Branco nun inesperado aliado do unionismo.

Supoñamos por un momento que Londres se prega ás esixencias escocesas e que os dous países participan no Banco de Inglaterra, nomeando un corpo de goberno de banqueiros centrais ingleses e escoceses proporcional ás súas respectivas poboacións ou aos seus respectivos ingresos nacionais. Supoñamos mesmo que se cambiase o nome, e pasase a chamarse Banco de Inglaterra e Escocia. Actualmente, e desde o esborralle crediticio, o Banco de Inglaterra practica enérxicas políticas de flexibilización cuantitativa, sostendo a Westminster con abundantes compras de títulos emitidos polo Tesouro. Unha vez empece Escocia a emitir os seus propios bonos, como debe facer todo país independente, a cuestión é: como decidirá o Banco de Inglaterra e Escocia á hora de comprar títulos ingleses e bonos escoceses? É unha cuestión que hai que deixar á discrecionalidade do comité do Banco, con maioría inglesa, o que convertería á política fiscal escocesa nun paripé? Ou proporase unha proporción fixada de antemán, o que, unha vez máis, limitaría a marxe escocesa para unha política fiscal independente?

Ademais, cando a actual política monetaria "non-convencional" chegue ao seu fin, con intereses que volvan aos niveis "normais", como se chegará a esa decisión "reductora"? Os gobernadores ingleses votarán sempre a favor de tipos de interese máis elevados, conforme a unha economía que, con base en Londres, tende a crear burbullas inmobiliarias e financeiras. A diferenza do comité de goberno do Banco Central Europeo, onde ningún país pode dispor xamais de maioría absoluta, no comité de goberno dun futuro Banco de Inglaterra e Escocia os gobernadores escoceses acharanse sempre en minoría, co resultado de que os tipos de interese acordados serían sempre demasiado altos para a economía escocesa. Restrinxido artificialmente así o crecemento escocés, a política fiscal de Escocia terá que seguir sendo contractiva para poder satisfacer os límites de déficit e de débeda fixados pola Unión Europea, se é que o compromiso do Libro Branco de seguir sendo parte de Europa é respectado. Sen Banco Central propio para soster os seus bonos, o goberno escocés verase constantemente ameazado polos rendementos á alza dos seus títulos; un escenario que pinta moi mal para unha nación sedienta de soberanía nacional.

Logo está a cuestión do sector bancario. O novo Gobernador do Banco de Inglaterra, o señor Mark Carney, acaba de deixar claro que non ten o menor problema coa idea dunha City financeira de Londres en expansión, nin sequera coa perspectiva de que os activos do sector bancario inglés cheguen a representar nove veces o ingreso nacional británico. Quererá unha Escocia independente seguir atada ao mastro desta mega-nave financiarizada, e polo mesmo, inestábel? Que grao de influencia pode esperar ter Edimburgo na evolución dun sector bancario inglés que se está desacoplando a toda velocidade da economía real da unión monetaria do Reino Unido? Pouco menos que ningunha, digo eu.

Folga dicir que o problema cos bancos ten dobre dirección. Quen quererá recapitalizar un banco escocés post-independencia en caso dunha futura crise bancaria, posibelmente causada pola City de Londres? Non pode esperarse razoablemente do Tesouro inglés que se faga cargo da factura, mentres que, con toda probabilidade, Edimburgo non disporá de capacidade suficiente para facelo, non polo menos sen que os seus propios bonos terminen como fixeron os irlandeses en 2010. Nese caso, un pisado primeiro ministro escocés terá que ir a Londres, gorra en man, compondo unha figura entre Brian Cowen e George Papandreu.

Nada do devandito até agora debe entenderse como un argumento contra a independencia de Escocia. Son só razóns que explican que o tipo de independencia "minimalista" proposta polo Goberno escocés no seu Libro Branco é un completo fracaso, tanto para mover ao pobo escocés a votar pola independencia, canto para, se se gaña o referendo, promover unha verdadeira independencia. Escocia debe afrontar as cousas de face e perder o medo a instituir a súa propia moeda. O feito de que, por mor dun accidente histórico, sigan existindo Libras escocesas en circulación fai mais simple o desacoplamiento monetario. Edimburgo debería declarar a súa intención de crear un Banco Nacional Escocés cun comité provisional de goberno que ligase a nova moneada á Libra esterlina antes de permitir -unha vez estabilizados os movementos transfronteirizos de capitais- que a Libra escocesa flote libremente e as autoridades monetarias escocesas fixen uns tipos de xuro acordes cos obxectivos escoceses de inflación. Todo iso pode facerse unilateralmente, sen necesidade de intimidar a Londres ou de mendigar o seu permiso. Namentres, poden comezar as negociacións reais sobre a distribución das cargas dimanantes da débeda nacional do Reino Unido, así como sobre a crucial cuestión das xurisdicións bancarias.

A medida que se achega o referendo, o pobo de Escocia ten que decidir se a actual unión política con Inglaterra e Gales resulta congruente coas súas aspiracións. Para un espectador foráneo, parecería perfectamente razoábel que decidisen que non é ese o caso e que non quixesen seguir sendo parte dunha unión política historicamente tan cargada cunha nación moito máis grande que, no tres últimas décadas, desviouse do que outrora fose unha axenda de xustiza social comunmente compartida. Con todo, o Goberno escocés debería comprender que esas aspiracións están pésimamente servidas polo seu Libro Branco "minimalista". Debería aprender o máis rapidamente posíbel as leccións que os republicanos australianos recibiron no seu día do modo máis amargo

Nenhum comentário: