25/04/2014

Realismo Máxico do Século XXI: traxedia á venezolana

Obra de Michelín Rodríguez.
Por Ignacio Crespo Valdez (@jumpingsofa)
Caracas 1972, productor audiovisual, socialista libertario. 
Traducido ao galego por nós.

* Con este artigo, que se completará con outro máis, queremos achegar visións sobre a situación de Venezuela contadas por quen o vive de cerca. Grazas á colaboración de Michelín Rodríguez - artista venezolano afincado no noso país, a quen pertence a obra que ilustra esta entrada - conseguimos artigos e obra plástica de xente de Venezuela sobre os últimos acontecementos do país bolivariano.
Agradecemos a disposición de Michelín para contactar con persoas venezolanas; a idea era ter distintas visións, que non poideron ser máis que as que aportamos aquí porque varias persoas declinaron participar. A nosa intención é aportar todas as voces, A Revolta Irmandinha non necesariamente comparte todas as opinións.
Con todo, sentímonos ben orgullosas de contar con estas colaboracións, que se publican en primicia na Revolta Irmandinha e aparecerán logo en medios libertarios venezolanos.

Os últimos dous meses de protestas nesta república deixaron un saldo innegable:
opositores radicais que aproveitan as protestas estudantís para meterlle pólvora ao lume e un goberno que amosou que non se sente incómodo censurando, cometendo violacións aos Dereitos Humanos e que lexitimou a acción dos colectivos (grupos paramilitares) para defender a súa chamada revolución bolivariana.

Para entender este conflito, coa situación de polarización que existe e que moldea obxectividades, pregúntome quen son os causantes dos principais problemas que confrontan os venezolanos?



a) Unha oposición desintegrada e inefectiva, acusada polo goberno de ser fascista e financiada polo imperialismo ianqui ou b) un goberno corrupto, incompetente e violento acusado pola oposición de seguir ordes dos Castro en Cuba. Para min a resposta é clara, pero quizais para outros esquerdistas na distancia observan no rico país caribeño e suramericano a idealización do novo estado socialista e isto impídelles facer o exercicio de autocrítica indispensable para recoñecer sen a menor das dúbidas que esta é a consumación da maior oportunidade perdida de crear unha sociedade xusta, libre, igualitaria e democrática no mundo occidental no presente. 

A incapacidade de xerenciar a riqueza do petróleo con visión de longo prazo é a orixe da traxedia venezolana.

Os venezolanos somos intensos e posuímos debilidade polos excesos e a festa, se temos acceso ao diñeiro fácil perdemos o norte con gran disciplina, tal como sucede na actualidade; somos capaces de converter a este país rico que atravesa un longo período de bonanza petroleira, non na nación máis avanzada do hemisferio sur, senón curiosamente, na única nación "democrática" onde o goberno controla todos os poderes é incapaz de facer funcionar medianamente o máis fundamental como o é a economía, chegando ao dramático punto de ter un desabastecemento por semanas de papel sanitario e que é só a punta do iceberg. No presente, os cidadáns teñen que facer filas de até 7 horas para entrar a un mercado para comprar alimentos, sendo a oferta tan precaria, que só se compra o que hai e en cantidades limitadas.

Pero isto non é ficción, non é o guión "Alicia ti eres bonita", a segunda parte de "Alicia no País das Marabillas". Hai dúas décadas, quen saímos á rúa, protestamos, esiximos e celebramos a caída do goberno de Carlos Andrés Pérez en 1993, non sufrimos nese entón as múltiples evidencias de corrupción, pésima xestión pública, violación de DDHH e notable desamor polo país e os seus estudantes, que se fixeron lugar común en febreiro, marzo e abril de 2014.

Crieime na Caracas dos 80, onde viviamos unha lenta descomposición social e política, pero a pesar diso inauguráronse grandes obras públicas (as últimas en 30 anos): o Metro de Caracas e o Teatro Teresa Carreño. Desde ese 1983 o país entrou de fronte nunha decadencia que nunca me puiden imaxinar, a estas alturas négase a tocar fondo. 

Estudei Socioloxía na UCV. Curiosamente, varios dos meus compañeiros que non se interesaban no académico e pouco entraban aos salóns de clases, destacáronse en altos cargos neste réxime. Menciono ao máis emblemático: Elías Jaua, o intocable Ministro de Relacións Exteriores. Outros dirixiron canles de TV ou institucións públicas. Como dato anecdótico, ningún deles tiña oficio produtivo, eran simples oportunistas. Agora son parte da elite do réxime, algunhas das caras visibles do que eles chaman revolución bonita e a oposición e algúns autocríticos dentro do chavismo: "A boliburguesía". En 1998, farto do
status quo imperante, votar por Hugo Chávez foi a miña única opción. Nunca crin en militares, pero votei por un cambio e a só seis meses do seu triunfo comprendín o terrible erro que cometemos os venezolanos ao elixilo. Eu vivía no Estado Vargas en 1999 cando ocorreu a traxedia dos deslaves que lle quitou a vida a máis de 15 mil habitantes (nunca houbo cifras oficiais). Salveime por ser aquel 15 de decembro, día de votación da nova constitución de Chávez, pola cal votei en contra. 

Chávez, sempre en campaña, transformou o termino damnificados en "dignificados". Son o primeiro que podo dar constancia de que non recibín ningún tipo de axuda, cero dignificación para min, pero non por falta de interese ou información, a razón era e é un tema conceptual, a dignificación do goberno chavista non está dirixido a persoas que poden traballar, estudar ou valerse por si mesmas,  "as axudas" dochavismo son para aqueles quen prefiren vivir da esmola estatal e ven o mitin político como o festival popular gratuíto: música, alcol, política e relixión: Alicia, seica non é bonita esta revolución?. Este é o chamado "pobo" ao que "serve" o réxime chavista, o outro 50% da poboación ao que o goberno chama "minoría" por non apoiar o seu réxime, recibe un tratamento de inimigo. Chávez bautizounos como  "Os escuálidos", pero agora simplemente os chama a "ultradereita".
En 2001, despois de participar e desvincularme dos movementos políticos e sociais que levaron a Chávez ao poder funme do meu país, convencido de que a xente ao redor de Chávez sería a perdición do soño do comandante bolivariano e de que ese goberno levaría o país á violencia. Desde Londres, onde vivín os últimos 11 anos vendo a deterioración do país con vergoña e desesperanza, onde os supostos camaradas que viñan acabar coa corrupción son os maiores corruptos da nosa historia - e o peor é que o fan utilizando un discurso socialista e democrático mentres controlan e abusan de todos os poderes, convertendo ao Electoral, Xudicial e Lexislativo en organismos totalmente disfuncionais-, presentándose alí a maior alarma e evidencia do cesamento das prácticas democráticas no presente réxime.

Mentres o goberno obtén marcas históricas millonarias en ingresos de petrodólares, a criminalidade multiplícase e supera a de calquera nación en guerra; o goberno parece insensible ao problema e/ou está altamente involucrado nesta criminalidade. As prisións eran miserables no pasado, agora o goberno cedeulles o control destas aos xefes das bandas de cada cárcere. Eles controlan dentro e planifican con total liberdade as súas accións criminais nas rúas en asociación coa policía e garda nacional. O Tráfico de drogas está de festa en Venezuela desde a chegada de "La Revolución Bonita". Un grupo de militares coñecido como "O Cartel dos Soles" controla o paso da droga que entra por Colombia e sae para México e África. Esta é a cota de poder que fai a tantos xenerais fieis ao réxime bolivariano e a razón pola que baixan a cabeza ante a intervención de Cuba. 

É Cuba a nación que controla o destino dos venezolanos, a influencia é descarada e as consecuencias destrutivas para Venezuela, mentres tanto Cuba utiliza esta bomba de osíxeno petroleiro para impulsar a súa crecente apertura ao mercado capitalista. 

Tras 13 anos como presidente, Chávez morreu amarrado ao poder e con todo ese volume de experiencia deixou o legado que máis divide hoxe aos venezolanos. Ante a súa inminente ausencia ordenou votar por Nicolás Maduro. Maduro seriamente dános vergoña: a súa oratoria devela unha precaria formación, o seu discurso é a ameaza ao inimigo, baseado en slogans carentes de contido real. Cabería destacar que ten moi boa memoria, especialmente responde en poucos segundos calquera pregunta sobre a biografía de Hugo Chávez. Non é difícil imaxinar que foi a súa gran forza de adulación e gran idolatría a Fidel Castro o que lle fixo gañar a confianza de Chávez... pero mesmo para os chavistas na rúa, vox populi, é un total "hazmerreír". Pero a risa acabouse o pasado 12 de febreiro: os estudantes saíron non a celebrar o día da mocidade como os convocou Maduro, saíron a protestar pola inseguridade e a falta de abastecemento e a traxedia do noso realismo máxico manifestouse na forma de "colectivos", grupos de delincuentes en motos, armados e protexidos polo goberno quen con impunidade atacan as protestas dos opositores, especialmente aos "guarimberos", quen se converteron no símbolo da resistencia en contra do réxime. 

Desde ese día até comezos de abril, oficialmente morreron máis de 40 persoas durante as manifestacións. Foi Diosdado Cabello, o nefasto presidente da Asemblea Nacional, quen a poucas horas de coñecerse a morte das dúas primeiras vítimas das manifestacións - Basil Dacosta e Juan Montoya - acusou ao fascismo como responsable desas mortes. Ante a choiva de evidencias fotográficas e vídeos que rexistraron o feito e se difundiron en internet, a policía concluíu que ambas as vítimas foron asasinadas por Melvin Collazos, funcionario do SEBIN (Servizo de Intelixencia Bolivariana). Este simple exemplo mostra o uso criminal da forza do estado en contra dos manifestantes e do uso baleiro e demagóxico da palabra por parte do aparello chavista.

O Goberno non só non escoita ou cede en ningunha das peticións dos manifestantes, senón que continúa enviando aos colectivos apoiados pola Garda Nacional a reprimir, agrede a xornalistas, ultraxan a veciños, torturan a manifestantes, continua censurando canles de televisión, bloquea twitter, destitúe alcaldes da oposición aos que condenan de modo sumarial... Para min é imposible defender este réxime, que gañou unhas eleccións por mínima marxe, tendo ademais ao reitor electoral baixo o seu control. 

14 anos son suficientes para saber que os venezolanos teñen o dereito de esixir cambios en paz, pero iso xa rematou. Se hoxe protestas, non es escoitado; en cambio, podes ser atacado, pero por máis terrible que o goberno sexa, ten a variña máxica tráxica, a convicción de que a mentira se converte en verdade se é repetida constantemente, realismo máxico do século XXI, móstranos o fondo desta traxedia venezolana.

Nenhum comentário: