03/05/2014

Como están as "vainas" por Venezuela: a visión de Michelin Rodríguez

Ilustración: Devoner González.
Por Michelin Rodríguez, deseñador gráfico, pintor muralista e cociñeiro.
Venezuela, 1982.
Traducido ao galego por nós. 
 
* Con este artigo queremos achegar visións sobre a situación de Venezuela contadas por quen o vive de cerca. Grazas á colaboración de Michelín Rodríguez conseguimos artigos e obra plástica de xente de Venezuela (como a que ilustra esta entrada) sobre os últimos acontecementos do país bolivariano.
Agradecemos a disposición de Michelín para contactar con persoas venezolanas; a idea era ter distintas visións, que non poideron ser máis que as que aportamos aquí porque varias persoas declinaron participar. A nosa intención é aportar todas as voces, A Revolta Irmandinha non necesariamente comparte todas as opinións.
Con todo, sentímonos ben orgullosas de contar con estas colaboracións, que se publican en primicia na Revolta Irmandinha e aparecerán logo en medios libertarios venezolanos.
 
O meu nome é Michelin Rodríguez, son deseñador gráfico, pintor muralista e cociñeiro; nacín en Venezuela e vivo en Galicia dende hai doce anos; non me fun do meu país por razóns políticas nin económicas, crin nacer como cidadán libre en 1982, e crendo ser libre, tomei a decisión de irme a vivir a outro sitio aos 18 anos, conservo fortes nexos co meu país de orixe, case toda a miña familia incluída a miña nai están alí, o contacto é continuo e os lazos son fortes e profundos; xurdiu a oportunidade de expresar a miña opinión e é esta:

Creo que a situación actual en Venezuela en realidade non é tan actual como parece, son as consecuencias lóxicas dun proceso histórico que vén desde as guerras de Independencia e as posteriores guerras federais que azoutaron ao país despois da xesta liberadora. 
 
 
Unha nación que, sen desmerecer aos seus próceres, está fundada en base aos principios do máis puro e primitivo caudillismo populista que, manexa ao Estado, ao país e aos seus recursos (incluídos os cidadáns) coma se dun "hato" ou facenda particular se tratase, nomeando de administradores, "mayorales", capataces e encargados de adega aos máis fieis e aduladores compadrotes de faena. Vinte e tres foron os presidentes militares que se rotaron o poder en Venezuela desde que esta conseguise proclamar a I República en 1811, máis de 146 anos en total en contraposición con só 56 anos de representación civil na presidencia do Estado. Este caudillismo tropical que parecía moribundo e sacou do letargo puntofijista da IV Republica o lexítimo expresidente e ex golpista militar Hugo Chávez Frías (en 1992 tentou derrocar o goberno de Carlos Andrés Pérez que, como dato curioso, convén lembrar que foi vicepresidente da Internacional Socialista) para, despois dun indulto político concedido polo entón presidente Rafael Caldera, arrasar nas urnas obtendo o segundo maior porcentaxe de vantaxe electoral na historia de Venezuela, cousa facilmente explicable se tomamos en conta a decadencia política e o descontento popular que existía entón no país, axuntadas ao inusual carisma da súa persoa. Despois de sufrir un golpe de estado en 2002 e ser reposto por unha coalición cívico/militar, e resistir un paro petroleiro e empresarial de dous meses en 2004, este personaxe que parece sacado do realismo máxico de García Márquez, perpetuouse no poder unificando ao Estado e ao goberno baixo unha soa maquinaria de poder ben engrasada coa renda petroleira, a través dun proceso de unificación dos partidos políticos que apoiaban o seu proceso aglutinándoos a todos baixo as siglas P.S.U.V. (Partido Socialista Unido de Venezuela) servindo de paso este proceso para apartar e sinalar calquera disidencia ou punto de vista que non vaia directamente aliñada aos intereses e doutrinas dos dirixentes do chamado "proceso revolucionario bolivariano", convertendo moitas veces a simpatizantes en militantes e a militantes en reféns con síndrome de Estocolmo.
 
Cunha nova república, a V, fundada en 1999 vía congreso constituínte, que de novo repousa sobre os xa desgastados e esgotados ombreiros de Bolívar, o novo xefe de Estado empeza a acumular cada vez máis cotas de poder a través de leis habilitantes feitas a medida nun goberno marcadamente personalista con formas máis próximas ás dun gobernante autoritario castrense, que ás dun presidente democrático civil. Tradicionalmente, e con independencia da cor e orientación política de quen ostentase o poder en Miraflores, a demagoxia bolivariana foi sempre usada como elemento aglutinador, alimento moral e combustible de alto octanaxe para acender o ego e o orgullo patrio, tamén para conformar e consolidar a identidade do venezolano como tal. Pero esta vez é diferente, o apropiamiento e a monopolización do uso da iconografía nacional como marca oficial da revolución e o partido, unidos á verborrea demagoga-antiimperialista, á exclusión selectiva e á dobre moral con que arengan algúns dirixentes, serviron a grandes liñas, como bos elementos propagandísticos para sinalar ao discrepante (aínda seguindo este unha tendencia ideolóxica e política considerada de esquerda) como traidor á patria, un infiltrado do fascismo, mesturando a opositores e a discrepantes e indiferentes nun mesmo e único saco; e o adepto incondicional, o que obedece, repite e non pregunta, é sinalado como un patriota, un defensor da revolución, orixinando a creación virtual de dous bandos: por unha banda os patriotas revolucionarios, os fillos de Bolívar, chamados a herdar a patria e polo outro os escuálidos, majunches ou fascistas pitiyanquis destinados pola providencia a someter á patria aos designios imperialistas do veciño do norte segundo o discurso oficial. 
 
A creación deste clima propiciou na realidade social diaria unha forte confrontación e unha profunda división na sociedade venezolana, onde debería haber debate converxente, só se fomentou a diverxencia e o reproche. Pero mentres se promovía a conciencia de clase, paralelamente os mesmos azuzadores creaban unha nova oligarquía nepótica, a denominada boliburguesía, reducindo o concepto de loita de clases a unha mera substitución dos actores, pero mantendo o statu-quo, en palabras do propio ministro de Educación Héctor Rodríguez: "non é que imos sacar á xente da pobreza para levalas á clase media e que pretendan ser escuálidos", este tipo de chantaxe ideolóxica só deixa en evidencia que a mentalidade do sistema actual necesita pobres aos pobres, non miserables como para que non participen, pero tampouco clase media como para que se poidan emancipar da tutelaxe rentista e clientelar do Estado; para así convertelos en militantes de facto, uns por necesidade, outros por conveniencia e algúns por convicción. 
 
O eterno discurso paternalista dun futuro mellor e a impresión de que se vive nun eterno proceso para alcanzar a utopía chavista cae por si mesmo ao decatarnos de que, segundo o discurso oficial dos albores do chavismo, xa se debería entrar nese, senón utópico estado, polo menos si no devandito futuro mellor. Pero a realidade evidéncianos o contrario, pódese dicir con absoluta certeza que en Venezuela polo menos e para ser xenerosos, desde o 2010 o futuro non foi mellor, foi cada vez peor, a inestabilidade política, económica e social continua que se vive no país desde fai uns cantos anos falan diso confirmando que ese futuro mellor o que trouxo é o nefasto presente que se vive a día de hoxe. Sendo o quinto país exportador de cru do mundo e o primeiro en reservas, gozando dunha cotización favorable nos prezos de cru sen precedentes e controlando os medios de produción a través do control cambiario da moeda, a realidade é que a día de hoxe despois de 17 anos ostentando o poder e superado o paro petroleiro do 2004, a inflación é das máis altas do mundo roldando o 56,3% cunha escaseza de produtos básicos de case un 30 % segundo cifras do Banco Central de Venezuela. Unha nova desvalorización do 88% devalúa tamén o valor do traballo dun venezolano, desvalorización que só vai destinada a que o aparello gobernamental perciba máis liquidez de Bsf por cada petrodólar ingresado para poder seguir engrasando a máquina propagandística e a suicida política de subsidios que castra a produtividade e o emprendimiento da empresa nacional fomentando a mediocridade e o inmobilismo, todo isto maquillado baixo o epígrafe de "gasto social"; é a terceira desvalorización desde que Chávez accedeu ao poder en 1999 sen contar coa eliminación de tres ceros no valor facial cando se converteu a Bolívar Forte. Pero non é só unha cuestión meramente económica; segundo datos oficiais hai 39 homicidios por cada 100 mil habitantes, 79 segundo o Observatorio Venezolano da Violencia, as cifras son irreconciliables ,pero de calquera forma a taxa de criminalidade segue sendo extremadamente excesiva (segundo a ONU máis de 10 por cada 100.000 considérase epidemia) situación inxustificable só co pretexto dos "antivalores" que difunden o capitalismo e os medios de comunicación. 
 
Un goberno cun discurso fortemente soberanista pero que se ve obrigado a importar practicamente todo o que consome deixa en dúbida a súa capacidade para levar acabo satisfactoriamente a xestión da renda petroleira, dedicando gran parte desta a afianzar a súa influencia política na rexión a base de dádivas económicas aos gobernos amigos do aparello estado/goberno e a manter ben engrasada toda unha maquinaria electoral cun apoio popular fortemente minguado (como quedou comprobado nas últimas eleccións presidenciais que deron como gañador a Maduro coa máis mínima marxe de vantaxe da historia do país), no canto de promover unha efectiva produtividade nacional encamiñada a conseguir a prometida soberanía alimentaria, económica e política da patria. O que no seu día se proclamou como unha revolución con gran entusiasmo e apoio popular masivo, foise transformando nun perpetuo, tedioso e obsoleto proceso cun sistema burocrático cada vez máis intrincado, clientelista e incompetente. Desde a nacionalización petroleira levada a cabo en 1976, durante o chavismo o proceso máis ben reverteuse, aparecendo empresas mixtas que supuxeron a entrada ao sector petroleiro da estadounidense Chevron ou a española Repsol, os constantes rumores acerca da inxerencia cubana en institucións venezolanas, rumores xustificados pola actitude e declaracións do presidente da República e pola clara influencia política e ideolóxica que exerce na axenda nacional, as exorbitadas débedas inxustificables en tempos de bonanza petroleira contraídas con China que xa duplican as minguadas reservas nacionais ou as supostas negociacións para instalar bases militares rusas en territorio venezolano que aínda que desmentidas polo goberno de Maduro, segundo o Ministro de Defensa ruso Serguei Shoigú xa están en pleno proceso, parecen que encamiñan a todo o contrario e cada vez pérdese máis cota de soberanía, contradicindo a retórica nacionalista do goberno.
 
Existen algúns datos positivos como a maior alfabetización, a virtual diminución da pobreza crítica ou a inclusión no sistema dos sectores máis desfavorecidos (sempre a cambio de militancia incondicional e acérrima), pero non son cousas que se lle deban aplaudir nin agradecer a ningún goberno, é a súa función e a súa única razón e xustificación de existencia.
 
Creo que a situación actual do venezolano é como a do cabalo que vive perseguindo a cenoura atada a un anzol que leva o xinete que o monta, gran parte da sociedade venezolana, que hoxe está na rúa, é unha sociedade que vive estrañando o pasado, e esperanzando o futuro para poder sobrevivir no presente. Isto foi sempre unha constante na historia de Venezuela, para unha poboación fortemente estratificada e altamente clasista, a historia de Venezuela ben podería describirse como un perpetuo estado de incerteza, mesturado con esperanza, ilusión, medo e nostalxia, sempre á expectativa do que traerá o novo caudillo cando entre en Caracas e tome o Capitolio para "poner las vainas en su sitio".

Nenhum comentário: